InicioSOCIEDADEA Facultade de Farmacia sairá a licitación en 2024 para estar xa...

A Facultade de Farmacia sairá a licitación en 2024 para estar xa lista no curso 2026/27, dez anos despois do peche do antigo edificio

Rueda recoñece ao reitor da USC a "boa xestión" por impulsar este proxecto

Publicado o

Xornal de Compostela

Universidade de Santiago de Compostela (USC) prevé sacar a licitación neste 2024 a construción da nova Facultade de Farmacia, coa previsión de que estea lista para o curso 2026/27 tras un prazo de execución aproximado de ano e medio. Son estimacións que deu o reitor da USC, Antonio López, no acto de presentación deste proxecto no que participou tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen o enxalzou como un “logro” e unha decisión “valente” do actual goberno da universidade.

Neste evento, celebrado no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), participaron tamén o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a decana de Farmacia, Reyes Laguna. A nova facultade, enmarcada no proxecto da Cidade da Saúde que tamén albergará Enfermaría, laboratorios e instalacións para investigación, será unha realidade tras máis dunha década na que profesores e alumnos estiveron espallados por diferentes edificios.

Tal e como explicou un dos arquitectos responsables do proxecto, a Cidade da Saúde disporá de varios edificios conectados entre si. Haberá un principal, con tres pisos de aulas, máis outros dous para as prácticas de Farmacia e Enfermaría e para investigación. A todo iso súmaselle un aparcadoiro cunhas 350 prazas.

“ESFORZO INVESTIDOR” DE 24,5 MILLÓNS

O conselleiro destacou o gran “esforzo investidor” que farán tanto a Xunta como a propia universidade para sacar adiante esta iniciativa que, en total, suporá 24,5 millóns de euros. Neste sentido, o presidente autonómico lembrou que, o luns, o Goberno galego aprobou non só transferir 12 millóns á USC para a construción da facultade (en anualidades de 4 millóns en 2024, 2025 e 2026), senón tamén “despexar a senda financeira” da universidade, de forma que poida renegociar a súa débeda bancaria para dispor doutros 10 millóns para este proxecto.

“Se unha universidade busca a excelencia ten que ter boas infraestruturas, un bo equipo humano e un alumnado que tamén procure esa excelencia”, apuntou Rueda. Para o reitor, trátase dun “dos días máis felices” desde que tomou as rendas da institución en 2018, porque supón facer realidade “o proxecto, desde o punto de vista das infraestruturas, máis importante da universidade, máis necesario e máis urxente”. Así, unha vez xa teñen “todo” listo para acometelo (financiamento, deseño, permisos urbanísticos, etcétera), o seguinte paso será licitalo, o cal prevén facer “antes de finais de ano”, e construílo “en 18 meses”, durante a metade de 2025 e todo 2026.

UNHA HISTORIA DE MÁIS DUNHA DÉCADA

Antonio López lembrou que o inicio do periplo para ter en pé a nova Facultade de Farmacia remóntase ao curso 2015/16, cando unhas deficiencias na infraestrutura provocou que a súa actividade se tivese que trasladar a outros edificios. López tomou posesión como reitor en xuño de 2018 e en marzo de 2019 decidiu non continuar cos traballos na antiga facultade, “porque eran caros e non garantían a estrutura”. Así, en 2020 decidiuse que se instalaría no novo complexo da Cidade da Saúde, xunto con Enfermaría.

Agora, unha vez está xa presentado o deseño e a meses de que empecen as obras, o máximo responsable da USC agradeceu a “confianza” do equipo de Farmacia e a “paciencia” dos estudantes que durante “máis de nove anos” estiveron itinerantes polo campus. Isto suporá, engadiu, “saldar a débeda da universidade coa Facultade de Farmacia, que o merece todo”.

“DECISIÓN COMPLICADA” E “VALENTE”

Alfonso Rueda destacou a importancia da “boa xestión financeira” e recoñeceu o papel de Antonio López, porque adoptou unha “decisión complicada” e “valente” de paralizar as obras na antiga facultade e apostar por un novo edificio. “Cando alguén é responsable e ten visión de futuro, tomar decisións valentes creo que vale a pena”, recalcou o presidente galego.

Así mesmo, agradeceu “o fácil que é” para a Xunta traballar cos actuais gobernos das universidades públicas galegas: “Espero que sexa recíproca a comprensión que atopan na capacidade e a decisión que temos de ir cambiando aos poucos para facer mellor o ensino universitario en Galicia”. Neste sentido, reivindicou a aprobación, tamén na reunión do Goberno autonómico do luns, da transferencia de 5,6 millóns de euros ás universidades públicas para financiar a gratuidade das matrículas.

ÚLTIMAS

A USC actualiza o regulamento de asistencia a clase e aborda a planificación académica

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela reuniuse este luns no Salón...

O Concello de Ames pide axuda veciñal para detectar pozos en mal estado

O Concello de Ames iniciou unha campaña de colaboración veciñal para localizar e rexistrar...

Santiago, sétimo concello de España que máis aumenta a renda entre 2019 e 2020

A Coruña, Santiago e Lugo están entre os 10 municipios de máis de 50.000 habitantes...

Recepción da USC aos estudantes que participan nos programas de cooperación internacional

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, encabezou este martes...

A USC actualiza o regulamento de asistencia a clase e aborda a planificación académica

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela reuniuse este luns no Salón...

Santiago, sétimo concello de España que máis aumenta a renda entre 2019 e 2020

A Coruña, Santiago e Lugo están entre os 10 municipios de máis de 50.000 habitantes...

Recepción da USC aos estudantes que participan nos programas de cooperación internacional

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, encabezou este martes...