InicioSOCIEDADEGoretti Sanmartín e o Foro Cívico debaten sobre o novo modelo turístico:...

Goretti Sanmartín e o Foro Cívico debaten sobre o novo modelo turístico: “Os visitantes deben saír da améndoa histórica”

Repasaron os asuntos "de maior interese" para a cidade, como a parcela de Peleteiro, o orbital ou o aparcadoiro do CHUS.

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, xunto con parte do seu equipo, mantivo este luns un encontro con representantes do Foro Cívico, con quen tratou os asuntos “de maior interese” para a cidade, como o novo modelo turístico, a necesidade de vivenda e chan industrial, ou a situación de infraestruturas como o orbital, o aparcadoiro do CHUS, a intermodal ou a parcela de Peleteiro.

Segundo dixo en declaracións aos medios tras o encontro, na reunión falouse sobre a evolución de infraestruturas como o aparcadoiro do Hospital Clínico, tras o principio de acordo alcanzado a semana pasada coa Xunta, e a EDAR, que o consistorio confía en que “sexa unha realidade” para mediados de 2026. Ademais, tratouse tamén a finalización, prevista para este ano, das obras da Intermodal, tras o que arrincaría, o próximo, a licitación do aparcadoiro; e as obras da ligazón ‘orbital’ que, tras sufrir estes meses “un atraso”, a alcaldesa confía en que estea concluído “á volta do verán”.

Goretti Sanmartín trasladou ao Foro Cívico as últimas novidades sobre os usos da parcela de Peleteiro, para a que este venres reclamarán a intervención do Goberno central, e os proxectos do concello en relación á vivenda, “un dos problemas que máis preocupan”. A alcaldesa informoulles da creación da empresa municipal de vivenda pública, que se dedicará tanto á recuperación e rehabilitación como a instar á Xunta a que se constrúa vivenda pública na cidade, para o que o goberno local está disposto a ceder unha parcela.

No campo da vivenda, a rexedora sinalou que o Foro Cívico reclama “máis colaboración” coa universidade en aspectos como as residencias universitarias e a urbanización do campus sur; ademais de “máis chan industrial” e un abaratamento do seu prezo, algo que, lembrou, non depende directamente o Concello, aínda que “darán traslado”. No marco do encontro, os asistentes falaron “da necesidade de que haxa residencias da terceira idade e centros de día” en Santiago, dixo Goretti Sanmartín, que puxo a disposición da Xunta unha parcela en Fontiñas para este fin.

CHAN INDUSTRIAL

O portavoz do Foro Cívico, Carlos García Cumplido, sinalou que unha “materia básica” que ten pendente Santiago, ademais da relativa á vivenda, é o desenvolvemento de chan industrial. Con iso, pediu “un esforzo” ao concello para que “toquen a campaña” da Xunta e trasladen esta petición a quen ten as competencias para que Santiago “teña chan industrial e teña vivenda tanto pública como non pública”.

Ademais, García Cumprido reiterou a necesidade de que “os estudantes teñan vivendas adecuadas e a un prezo razoable” para que a “universidade siga sendo atractiva”. En cuestións como a leira de Peleteiro, destacou a necesidade de facer unha “fronte común” e da unanimidade nas reclamacións para lograr pasos adiante, como no caso do parking do CHUS.

NOVO MODELO DE TURISMO

Finalmente, outro dos grandes temas que se abordaron no encontro é o relativo ao ámbito turístico e a necesidade de pór en marcha un “novo modelo”, como dixo Goretti Sanmartín. “Falamos da necesidade de modificar o modelo de turismo e de ir cara a un modelo de calidade, de apostar por rutas internacionais e de facer o traballo en materia de desestacionalización e tamén que a xente non se mova sempre polos mesmos lugares en Santiago”, afirmou a rexedora.

Sobre esta cuestión, Carlos García Cumplido apuntou que en materia de turismo “o número é importante, pero non suficiente” e instou a “mellorar a rendibilidade do turismo” en “dous aspectos”: “o económico para a cidade e o de satisfacción para o visitante”. “Isto require que traballemos o turismo organizando os fluxos turísticos, mesmo non só na chegada, se non en como se vive a cidade”, apuntou o portavoz do Foro Cívico. Para todo iso, lembrou, necesítanse “recursos”, polo que non rexeitan “que pode haber necesidade dunha taxa turística”.

En todo caso, destacou que a cidade “ten moito que ofrecer” e lamentou que os viaxeiros “só a están visitando moi parcialmente e “saturando unha zona concreta”. “Necesitamos mover ese fluxo turístico, mover esa xente ao longo do ano e tamén ao longo da cidade”, apostilou. Como exemplo, García Cumplido lembrou que hai “pouca xente” que sala da améndoa da cidade histórica para visitar un monumento como a Colexiata de Sar. “É normal: eu veño a Santiago porque hai unha Catedral, hai unha universidade, hai un Hostal dos Reis Católicos, hai un Camiño de Santiago, iso é o que me chama”, dixo o portavoz do Foro, apostando por informar os cidadáns doutras posibilidades.

Neste aspecto de “organizar o turismo” é no que o Foro considera que hai “moito que conseguir”, polo que apostou por “mirar a outras cidades do mundo que xa deron pasos neste sentido”. “Eu estou convencido de que, se empezamos a traballar, no próximo Xacobeo teremos, polo menos o mesmo número de visitantes ou máis que o anterior, pero, sobre todo, teremos un turismo moito máis rendible”, finalizou.

ÚLTIMAS

A Xunta reclama ao Concello dúas parcelas para vivenda protexida e este pídelle “respecto institucional”

A Consellería de Vivenda volveu a reclamar, nunha carta dirixida á alcaldesa de Santiago, Goretti...

O BNG celebra a posta en marcha dun xulgado especializado en violencia machista en Santiago

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou a posta en funcionamento dun novo xulgado especializado...

Corte de manga da alcaldesa de Teo a unha concelleira da oposición

A alcaldesa de Teo, a popular Lucía Calvo, dedicou un corte de manga a...

O Concello acusa á Xunta de avisarlles “sen apenas tempo” dos seus actos institucionais

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acusou á Xunta de, con "bastante frecuencia", avisar "sen...

A Xunta reclama ao Concello dúas parcelas para vivenda protexida e este pídelle “respecto institucional”

A Consellería de Vivenda volveu a reclamar, nunha carta dirixida á alcaldesa de Santiago, Goretti...

O Concello acusa á Xunta de avisarlles “sen apenas tempo” dos seus actos institucionais

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acusou á Xunta de, con "bastante frecuencia", avisar "sen...

Ferida de consideración unha muller de 75 anos atropelada por un coche nun paso de peóns do Restollal

Unha muller de 75 anos de idade resultou ferida de consideración ao ser atropelada...