A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado no Teatro Principal a entrega de diplomas da segunda edición dos premios ‘PRÓXIMOS’, un certame que recoñece intervencións arquitectónicas realizadas na demarcación compostelá do COAG e que nesta convocatoria tivo unha presenza destacada de proxectos situados en Santiago de Compostela.
O acto reuniu preto de 200 asistentes e contou coa participación do decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya; o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta, Heriberto García; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o presidente do COAG Santiago, Ángel Cid. A gala foi conducida pola xornalista Carmen Novás e incluíu unha actuación musical de Guadi Galego, acompañada pola chelista Margarida Mariño.
Na súa intervención, Ángel Cid defendeu que os premios buscan trasladar á sociedade o traballo que se está a desenvolver desde a arquitectura de proximidade. Segundo explicou, estas distincións “non son unha competición na que se resalta o valor icónico dunha obra, senón unha mostra significativa do que se está a facer para trasladalo á sociedade como resultado dun esforzo colectivo”.
O presidente da delegación compostelá felicitou os estudos premiados e subliñou que os traballos recoñecidos amosan a calidade da arquitectura que se está a realizar no territorio máis próximo. Cid incidiu especialmente no papel dos pequenos estudos e na colaboración entre profesionais, empresas construtoras, promotores e fabricantes para sacar adiante intervencións con recursos limitados. “PRÓXIMOS é a reivindicación do traballo dos pequenos estudos que, con enorme esforzo e nun contexto moi pouco favorable, constrúen a mellor arquitectura que, peza a peza, se incorpora ao noso territorio”, afirmou.
Tamén o decano do COAG, Luciano Alfaya, vinculou os premios cunha forma de entender a arquitectura ligada á cidade e ás persoas. Ao seu xuízo, os proxectos recoñecidos representan “unha arquitectura con compromiso coa cidade, coas persoas e co planeta, xa que non hai outra maneira de facer arquitectura”.
Alfaya aproveitou ademais a súa intervención para reivindicar o peso da arquitectura nos procesos urbanos, nun contexto marcado polo debate arredor da vivenda. O decano lembrou que detrás de cada obra existe unha actividade profesional e económica que implica moitos sectores e reclamou unha maior presenza da visión técnica nas decisións sobre a forma das cidades, a mobilidade, a rehabilitación e a ordenación do territorio. “Reivindicamos colectivamente a importancia da visión da arquitectura, e dos propios arquitectos e arquitectas, na planificación do espazo que habitamos”, sinalou.
Os premios ‘PRÓXIMOS’ naceron ligados ao ciclo de conferencias do mesmo nome que organiza a Delegación de Santiago do COAG, actualmente na súa sexta edición. O obxectivo do certame é achegar á cidadanía obras vinculadas á demarcación, ben polo seu emprazamento, ben polos estudos responsables ou polo contexto no que se desenvolven.
Nesta segunda edición presentáronse 40 propostas, das que o xurado escolleu 11 obras gañadoras. A selección correu a cargo dos arquitectos Sergio Sebastián Franco, Cristina García Fontán e Ricardo Sánchez Lampreave, que salientaron a variedade de programas, localizacións e tipos de intervención recibidos.
Entre os proxectos recoñecidos figuran varias actuacións situadas en Santiago. No ámbito da rehabilitación, foi premiada a rehabilitación dun inmoble con destino hoteleiro na rúa Campo Cruceiro do Gaio número 7, obra de Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez. O xurado valorou a integración dun novo uso nun edificio histórico e a recuperación da relación cos espazos axardinados situados no bordo da Alameda.
Tamén no centro histórico compostelán foi recoñecida a Casa 2M e Medio, na rúa Algalia de Arriba número 32, proxecto de Álvaro Marín Durán, Alfonso Castro Lorenzo e Dosesmas Arquitectos. Neste caso, destacouse a resolución dunha vivenda nun espazo de dimensións moi reducidas e a reinterpretación do patrimonio doméstico desde unha linguaxe contemporánea.
Outro dos premios recaeu na restauración das cubertas da nave principal e do cruceiro da Catedral de Santiago, na Praza do Obradoiro, realizada por Juan Orozco Corredoira e Iago Seara Morales. A intervención foi recoñecida polo estudo previo, a precisión técnica das solucións conservativas e a transformación das cubertas nun novo espazo vinculado á cidade.
Os mesmos arquitectos, Iago Seara Morales e Juan Orozco Corredoira, recibiron tamén o recoñecemento pola restauración do pavillón historicista e do muro perimetral de San Martiño Pinario, na Praza da Inmaculada. O xurado destacou a continuidade co uso orixinal do espazo e a incorporación dunha intervención contemporánea de carácter discreto nun pavillón expositivo do século XIX.

No ámbito residencial, foi premiado o edificio para 34 vivendas, prazas de garaxe e trasteiros na Travesía da Poza, proxecto de Manuel Carbajo Capeáns, Celso Barrios Ceide e Carbajo y Barrios Arquitectos Asociados. A obra foi seleccionada pola súa resposta ao reto da vivenda colectiva e pola configuración dun bordo urbano nunha contorna física complexa.

A arquitectura ligada ao tecido empresarial compostelán tamén estivo presente coa distinción ás oficinas dos Servizos Centrais de Finsa, situadas na estrada N-550, en Formarís. A intervención, asinada por Juan Antonio Varela García, María del Carmen Escorihuela Vitales, Miguel Alonso Flamarique, Roberto Erviti Machín e MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados, foi valorada pola recuperación dun complexo industrial e polo emprego da madeira como elemento estrutural, construtivo e ambiental.

Outro dos proxectos composteláns recoñecidos foi o Polo Gaiás AMTEGA, na Cidade da Cultura, obra de Alberte Pérez Rodríguez, Enrique Iglesias Lima, Carlos Mosquera del Palacio e Tres Pensando, Escoitando e Solucionando. O xurado salientou a capacidade da proposta para inserir un novo equipamento no conxunto do Gaiás e a flexibilidade dos seus espazos desmontables, pensados para adaptar os usos de traballo compartido ou reservado.

A relación da demarcación compostelá co territorio máis próximo tamén estivo presente na selección final con proxectos noutros concellos da contorna, como a escola infantil de Cacheiras, en Teo, asinada por Óscar Andrés Quintela, Iván Andrés Quintela e Arrokabe. Aínda que situada fóra do termo municipal de Santiago, a obra forma parte do ámbito da delegación compostelá do COAG e foi recoñecida pola súa adaptación ás esixencias ambientais e pola reordenación da contorna patrimonial.

