InicioSANTIAGOA Maker Faire Galicia abre en Santiago cunha xornada centrada no emprendemento...

A Maker Faire Galicia abre en Santiago cunha xornada centrada no emprendemento e a innovación social

A feira celebra en Área Central a primeira das súas tres xornadas, con máis de 150 makers, obradoiros e relatorios sobre tecnoloxía aplicada á inclusión

Publicado o

Xornal de Compostela

A Maker Faire Galicia inaugurou este venres en Santiago de Compostela a súa XII edición cunha primeira xornada dedicada ao emprendemento e á innovación social, que se desenvolve ao longo de todo o día en Área Central. O encontro reúne nesta primeira sesión a máis de 150 makers procedentes de diferentes países e inclúe postos, obradoiros e relatorios orientados a todos os públicos.

A apertura contou coa participación da tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, quen defendeu a necesidade de poñer “o coñecemento tecnolóxico ao servizo das persoas, pensando en solucionar os problemas reais da xente, e innovando desde o compromiso e a consciencia social”.

Na súa intervención, Rozas destacou o papel da Maker Faire Galicia como espazo vinculado á divulgación tecnolóxica, á experimentación e á aprendizaxe práctica. A concelleira puxo en valor “o compromiso e a consciencia social da Maker Faire Galicia, fiel á filosofía do movemento maker que reivindica o coñecemento compartido, a democratización da tecnoloxía e o aprender facendo”.

A representante municipal tamén ratificou o apoio do Concello de Santiago a un evento que, segundo sinalou, contribúe a proxectar unha imaxe da cidade ligada á innovación e á diversidade. Neste sentido, asegurou que a feira “mostra o Santiago do que nos sentimos orgullosas, pón en evidencia o potencial da nosa cidade, e amosa unha Compostela moderna, heteroxénea, innovadora e inclusiva”.

A programación desta primeira xornada combina a exposición de proxectos con actividades formativas e divulgativas. Entre elas figuran diferentes obradoiros para todos os públicos, moitos deles pensados para achegar o coñecemento tecnolóxico á infancia. Tamén se celebran ponencias centradas no uso da tecnoloxía para mellorar a inclusión e a calidade de vida de colectivos como o das persoas con discapacidade.

A Maker Faire Galicia chega así á súa XII edición consolidada como unha cita de referencia no ámbito da innovación en Galicia e no conxunto do Estado. Nesta edición, a organización estruturou o programa en tres xornadas diferenciadas, das que a de Área Central abre o calendario baixo o eixo do emprendemento e a innovación social.

Tras esta primeira sesión, a feira continuará con dúas novas citas na Casa das Máquinas. A seguinte será o 9 de outubro, centrada na industria, mentres que o 20 de novembro terá lugar a xornada dedicada aos oficios.

A Maker Faire Galicia conta co apoio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia. O evento organízase e opera de forma independente baixo licenza de Make Community LLC, co obxectivo de fomentar a creatividade, a innovación e o talento dentro da comunidade maker.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here