As xornadas ‘Arte e Espolio’, organizadas polo Concello de Santiago xunto co Museo do Pobo Galego, comezaron este sábado cunha primeira sesión dedicada a analizar o espolio artístico en Europa e a vincular ese debate coa recuperación das estatuas do Mestre Mateo. O ciclo parte do caso compostelán de Abraham e Isaac, tamén identificadas como Xeremías e Ezequiel, para abordar a restitución de bens culturais usurpados en diferentes contextos históricos.
Seis meses despois da recuperación das esculturas, as tres sesións programadas toman estas pezas como eixo dunha reflexión máis ampla sobre a orixe, a circulación e o retorno do patrimonio espoliado. A xornada inaugural, celebrada baixo o título ‘Espolio, guerra e restitución’, contou coa intervención do historiador Miguel Martorell, especialista no espolio levado a cabo pola Alemaña nazi, e coa análise do espolio executado pola España franquista.
Martorell situou estes procesos nun marco europeo que cualificou como “terrible e totalitario” e no que, segundo explicou, existía a vontade de “crear sociedades homogéneas”. Aínda que advertiu de que o caso das estatuas compostelás e o espolio nazi responden a realidades diferentes, sinalou que ambos deben entenderse dentro dun tempo marcado pola violencia política, a persecución e a apropiación de bens.
Na apertura das xornadas tamén participou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, quen lembrou que o proceso para recuperar as estatuas foi unha “loita histórica” desenvolvida ao longo de tres mandatos e con implicación de distintas corporacións municipais. O actual goberno local culminou o traballo iniciado en 2016 durante o mandato do antigo alcalde Martiño Noriega.
Sanmartín criticou os discursos que defenden que determinados bens culturais deben permanecer fóra do seu lugar de orixe, mesmo cando a súa saída se produciu mediante procesos de usurpación. A alcaldesa reprochou que se normalice a idea de que estes bens non deben regresar “ao lugar de onde foron usurpados”. “Parece que nos acostumamos a que iso teña que ser así, que en todos os conflitos bélicos pasa e que é lóxico”, afirmou.
A rexedora chamou a responder a estes argumentos con documentación e análise crítica. Segundo sinalou, é necesario “combatelos” con datos que permitan desmontar relatos “totalmente interesados”. “Temos que combater iso con reflexión, con espírito crítico e, sobre todo, poñer no seu sitio o que significan os dereitos, as liberdades e o que significa que os bens estean no lugar para o que foron concebidos”, defendeu.
Unha parte central da sesión estivo dedicada ao espolio desenvolvido baixo o nazismo. Martorell explicou que, tras o Acordo de Washington, incorporouse ao ámbito artístico o concepto de proveniencia, hoxe considerado fundamental para coñecer a traxectoria dunha obra e determinar se a súa posesión actual ten unha orixe lexítima. “Esta obra de arte que vostede me quere vender ten un orixe lexítimo ou vén dun espolio?”, expuxo o historiador para resumir a importancia desta cuestión.
No caso español, Martorell sinalou tres exemplos vinculados a obras espoliadas polas forzas nazis ou relacionadas con ese contexto. Un deles produciuse en Galicia, cando o Museo de Pontevedra devolveu en 2023 dúas obras ao Goberno de Polonia. Outro caso é o de ‘La Familia en Estado de Metamorfosis’, unha pintura pola que o Museo Reina Sofía chegou a un “acordo secreto” coa familia. O terceiro afecta ao Museo Thyssen, inmerso nun litixio pola obra ‘Rue Saint-Honoré por la tarde. Efecto de lluvia’, de Camille Pissarro. Sobre este último caso, Martorell afirmou que “a historia, tal e como a conta o Thyssen, é un relato vergonzoso”.
O historiador tamén explicou que o espolio nazi non comezou coa Segunda Guerra Mundial, senón xa en 1933, coa chegada do nazismo ao poder e o inicio da persecución contra as persoas e colectivos excluídos do proxecto dunha Alemaña homoxénea. Entre eles citou xudeus, xitanos, eslavos, disidentes políticos e homosexuais.
Segundo expuxo, esa política de espolio manifestouse principalmente a través de requisas e de compras realizadas na Europa ocupada desde unha posición de dominio. Martorell describiu estas adquisicións como operacións feitas “nunha situación de vantaxe económica imposta pola forza”. Ademais, advertiu de que a apropiación de bens culturais adoita ir acompañada da destrución do patrimonio das comunidades perseguidas. “O espolio moitas veces vai acompañado da destrución”, indicou.
Como exemplo desa relación entre usurpación e destrución, o historiador aludiu á Noite dos Cristais Rotos, episodio no que se queimaron arredor do 80 % das sinagogas alemás. A referencia serviu para contextualizar o espolio artístico como parte dun proceso máis amplo de persecución social, política e cultural.
As xornadas ‘Arte e Espolio’ continuarán nas vindeiras semanas con dúas novas sesións. A do xoves 11 estará centrada noutros bens espoliados no territorio galego e na análise da súa situación actual. A última sesión, prevista para o mércores 17, abordará directamente as estatuas do Mestre Mateo e a súa ubicación definitiva tras o proceso de recuperación.

