InicioSANTIAGOAMESO pleno de Ames rexeita inicialmente o orzamento municipal de 2026 e...

O pleno de Ames rexeita inicialmente o orzamento municipal de 2026 e o alcalde anuncia unha cuestión de confianza

A proposta de 43,3 millóns de euros non obtén apoio suficiente nun pleno extraordinario no que si saíu adiante a masa salarial do persoal municipal e da EPEL Augas de Ames

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pleno extraordinario celebrado esta mañá no Concello de Ames saldouse coa rexeita da aprobación inicial do Orzamento Xeral para 2026, unhas contas que ascenden a 43.334.228,98 euros no seu conxunto consolidado. A proposta contou cos votos favorables do Goberno municipal, mentres que Partido Popular, BNG e Espazo Común votaron en contra.

O documento económico inclúe un orzamento municipal de 38.753.577,15 euros e o correspondente á EPEL Augas de Ames, que suma 4.580.651,83 euros. A pesar do resultado negativo na votación principal, si prosperou o punto relativo á aprobación da masa salarial do persoal laboral do Concello e da entidade pública empresarial, que contou co apoio do Goberno e do Partido Popular e coa abstención de BNG e Espazo Común.

Tras a sesión, o alcalde, Blas García, anunciou que no pleno ordinario previsto para o 26 de febreiro se incluirá unha cuestión de confianza vinculada á aprobación das contas. Segundo indicou, “no próximo pleno ordinario do xoves 26 de febreiro incluirase unha cuestión de confianza para poder aprobar o Orzamento Xeral 2026, que implicaría poder aprobalos cun mes e medio de atraso, pero se todo vai ben teremos orzamentos municipais”.

UN ORZAMENTO QUE SUPERA OS 38,7 MILLÓNS NAS CONTAS MUNICIPAIS

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, foi a encargada de presentar o proxecto. Segundo explicou, trátase do “orzamento máis alto da historia de Ames” no que respecta ás contas municipais, cun incremento relevante respecto a exercicios anteriores.

A edil detallou que máis de 8 millóns de euros se destinan a investimentos, o que supón arredor do 21% do orzamento municipal. Entre as actuacións previstas figuran a creación dun novo mercado de abastos, a posta en marcha dun banco de terras cunha dotación de 1 millón de euros, a cuberta das pistas deportivas do Milladoiro, a adquisición dun novo autobús para reforzar a conexión entre Bertamiráns e O Milladoiro, así como actuacións no ciclo integral da auga.

No ámbito do gasto corrente, máis de 18,5 millóns de euros irán destinados ao funcionamento ordinario dos servizos municipais, con 3,2 millóns para políticas de benestar social. Señorís subliñou que o equilibrio das contas non se fundamenta nun incremento xeneralizado de impostos, aínda que se prevé un aumento no ICIO e na taxa de hixiene urbana para adaptala ao custo real do servizo.

En canto á distribución por áreas, educación concentra o 17,36% do gasto, seguida de benestar comunitario (15,10%), servizos sociais e promoción social (8,43%) e medio ambiente (8,35%). O capítulo de persoal representa o 32,32% do total, mentres que os gastos correntes en bens e servizos acadan o 42,65%.

CRÍTICAS NA OPOSICIÓN Á FALTA DE DIÁLOGO E ÁS PRIORIDADES DO GASTO

Durante o debate, os grupos da oposición cuestionaron tanto o contido das contas como o proceso de negociación.

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, sinalou que “o orzamento non só é un documento contable, senón que un instrumento económico – financeiro que recolle […] a estratexia formulada polo goberno para o noso concello”. Na súa intervención cualificou o proxecto como “continuista, irrealizable e cunhas contas irreais” e criticou a ausencia, ao seu xuízo, de medidas específicas en materia de emprego, comercio, vivenda social, igualdade ou participación veciñal.

Desde o BNG, Escarlata Pampín afirmou que “cando un goberno non consegue aprobar os orzamentos o que está fallando é o dialogo e o consenso” e asegurou que presentaron 15 propostas que, segundo indicou, foron maioritariamente rexeitadas. Entre as súas demandas figuraban actuacións en materia de vivenda e apoio ao comercio afectado polas obras de humanización do Milladoiro.

Pola súa banda, a voceira do Partido Popular, Oliva Agra, expuxo propostas relacionadas cun novo plan xeral de ordenación, medidas de promoción económica, a creación dun parque de bombeiros propio e actuacións en beirarrúas. Tamén cuestionou a previsión de solicitar préstamos por preto de 3 millóns de euros e a venda de parcelas municipais para financiar adquisicións de terreos e outras actuacións. Ademais, criticou a redución de partidas destinadas ao mantemento de centros educativos e ao programa de campamentos xuvenís.

A POSICIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL

Na quenda de resposta, Susana Señorís acusou á oposición de non ter vontade real de aprobar as contas e afirmou que “non aprobar estes orzamentos supón un contratempo na xestión, supón non cumprir cos traballadores, e non poder executar os proxectos recollidos en dito documento”.

O alcalde, Blas García, defendeu a situación do municipio e indicou que “vivimos nun Ames distinto porque eu non noto esa percepción do Ames negativo ou triste que vostedes traen hoxe aquí”. O rexedor destacou o crecemento demográfico do concello e asegurou que as prioridades do Goberno inclúen melloras en aparcamentos, infraestruturas deportivas e abastecemento de auga. Tamén avanzou que están a traballar nun proxecto de vivenda pública e lembrou a cesión de seis parcelas no Milladoiro á Xunta para a construción de máis de 200 vivendas.

O pleno tamén abordou o orzamento da EPEL Augas de Ames, que por primeira vez se formula para un exercicio completo. A entidade, creada para xestionar directamente o ciclo integral da auga, presenta unhas contas equilibradas de 4.580.651,83 euros.

Para 2026 prevese acometer dúas actuacións principais: a instalación da rede de abastecemento de auga potable desde a ETAP ata Bertamiráns, O Milladoiro e o rural, e o reforzo da rede na avenida da Maía. Estes investimentos superan os 2,7 millóns de euros.

ÚLTIMAS

Santiago constitúe o Consello Municipal de Mocidade tras aprobar un novo regulamento

O Concello de Santiago celebrará mañá pola tarde a sesión constitutiva do Consello Municipal...

Santiago reivindica a figura de Rosalía de Castro no 189 aniversario do seu nacemento

A cidade de Santiago conmemorou este 23 de febreiro o 189 aniversario do nacemento...

O PP rexeita cambiar o nome do CEIP Apóstolo Santiago

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, manifestou este luns o rexeitamento...

As non adscritas instan o Goberno de Santiago a aclarar o estado dos novos pregos de zonas verdes

A concelleira non adscrita Mila Castro anunciou que o seu grupo formulará unha interpelación...

UCIN denuncia deficiencias na Biblioteca Municipal do Milladoiro e esixe unha intervención urxente

A formación política UCIN fixo pública a súa denuncia pola situación na que, segundo...

O BNG de Ames rexeita apoiar os orzamentos municipais e critica a negativa a reservar solo para vivenda pública

O BNG de Ames anunciou que non apoiará os orzamentos municipais tras considerar que...

Ames reúne a máis de 730 persoas no cocido dos maiores celebrado no pavillón do Milladoiro

O pavillón municipal do Milladoiro converteuse este martes de Entroido no escenario da cuarta...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here