InicioPOLÍTICAO PP rexeita cambiar o nome do CEIP Apóstolo Santiago

O PP rexeita cambiar o nome do CEIP Apóstolo Santiago

Borja Verea cualifica a proposta de supresión como unha decisión con “profunda carga simbólica” e cuestiona a postura do Goberno local

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, manifestou este luns o rexeitamento do seu grupo á proposta de eliminar o nome ‘Apóstolo Santiago’ do primeiro grupo escolar da cidade, fundado en 1954. A iniciativa figura na orde do día do pleno municipal previsto para este xoves.

Durante unha rolda de prensa, Verea sinalou que “toda iniciativa cidadá merece respecto”, pero subliñou que o nome dun centro escolar “non é unha marca comercial que se poida cambiar segundo tendencias”, ao considerar que se trata dunha decisión que transcende o ámbito dunha asociación concreta ou dun consello escolar determinado.

O líder popular sostivo que a denominación do colexio forma parte do “patrimonio común” da cidade e incidiu na súa dimensión histórica e simbólica, ao tratarse dun centro con máis de setenta anos de traxectoria e polo que pasaron varias xeracións de composteláns. “Un colexio pertence a toda a cidade”, afirmou, engadindo que unha decisión deste tipo “vai moito máis alá da AMPA ou do consello escolar”.

Verea indicou que o seu grupo xa trasladara meses atrás á comunidade educativa que non consideraba prioritaria esta cuestión. Ademais, atribuíu ao Goberno municipal a defensa da proposta na comisión preparatoria do pleno, ao entender que foi apoiada polos seus representantes.

O portavoz popular enmarcou a iniciativa nun contexto que cualificou de “proceso de eliminación” de símbolos vinculados á identidade compostelá e asegurou que o seu grupo votará en coherencia con esa posición no pleno.

A SANCIÓN DE AUGAS DE GALICIA

Noutro momento da comparecencia, Verea referiuse á sanción imposta por Augas de Galicia ao Concello, tras a que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, apuntara a un suposto compoñente político na resolución.

O portavoz popular mostrou a súa sorpresa por esas declaracións e lembrou que, segundo indicou, a Fiscalía abriu dilixencias sobre o asunto. “Entende a alcaldesa que a Fiscalía tamén actúa desde un punto de vista partidista?”, preguntou, ao tempo que considerou que a presentación de alegacións ante unha sanción forma parte do procedemento administrativo habitual.

DEBATE SOBRE O CONTRATO DA AUGA

En relación co modelo de xestión do servizo da auga, Verea avanzou que o PP non fará público o sentido do seu voto ata a xuntanza previa ao pleno, como é habitual. Non obstante, cualificou de “contradición” que o Goberno municipal poida impulsar unha concesión se, segundo afirmou, defende outro modelo de xestión.

O portavoz popular sostivo que a decisión debe adoptarse no pleno e cuestionou que o executivo local promova unha fórmula coa que, ao seu xuízo, non comunga. “Non imos participar nun circo”, afirmou, en referencia ao debate político arredor do contrato.

CRÍTICAS AOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

Finalmente, Verea valorou a situación dos orzamentos municipais e sinalou que, ao seu entender, as contas aprobadas nos dous últimos exercicios —que cualificou como as máis elevadas da historia do Concello— non se traduciron nunha mellora perceptible da cidade.

O portavoz do PP mencionou cuestións como a limpeza urbana, o funcionamento dos centros socioculturais ou o prezo da vivenda, e cuestionou tamén o número de cargos eventuais no Goberno local. Segundo indicou, o seu grupo analizará a proposta orzamentaria cando se leve a pleno para fixar a súa posición definitiva.

ÚLTIMAS

Temperaturas de máis de 30 graos e goteiras: o comité de empresa denuncia tres anos sen solucións na residencia DomusVi de Pontepedriña

O comité de empresa da residencia de maiores Fundación José Otero-Carmela Martínez, xestionada por...

O arquitecto Fernando Cobos defende o “rigor” da intervención no Hostal dos Reis Católicos

O arquitecto Fernando Cobos, responsable da execución da obra de intervención no Hostal dos...

A protesta do téxtil trasládase a Santiago e acampan fronte á Confederación de Empresarios

A acampada de representantes de traballadoras e traballadores do sector téxtil contra o convenio...

Compostela reabre Santa Isabel tras unha reforma integral de 2,6 millóns de euros

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, encabezou este martes pola tarde a visita...

Borja Verea propón crear unha ‘Casa das Familias’ municipal para ofrecer apoio emocional e orientación en Santiago

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, anunciou este martes a proposta da...

O PSOE acusa ao Goberno de Santiago de modificar a RPT “sen planificación” e cun informe negativo de Intervención

O Grupo Municipal Socialista denunciou este martes que a última modificación da relación de...

Pedro Blanco afirma que calquera nome que manexe o PSdeG para Santiago debe sentirse “orgulloso”

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, referiuse este martes ao proceso interno...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here