InicioCULTURASantiago reivindica a figura de Rosalía de Castro no 189 aniversario do...

Santiago reivindica a figura de Rosalía de Castro no 189 aniversario do seu nacemento

A cidade acolle actos institucionais, un festival cultural e a lectura dun bando municipal que subliña a vixencia da súa mensaxe

Publicado o

Xornal de Compostela

A cidade de Santiago conmemorou este 23 de febreiro o 189 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, nada na capital galega en 1837. A xornada desenvolveuse con diferentes actos institucionais e culturais impulsados pola Fundación Rosalía de Castro, así como coa publicación dun bando municipal no que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, reivindica a actualidade do pensamento da autora.

A praza de Vigo, lugar vinculado ao seu nacemento, acolleu pola mañá un acto público que se iniciou coa interpretación da Alborada de Rosalía a cargo dos Carapaus. No encontro participaron escolares dos colexios Quiroga Palacios e Cluny, que interviñeron na homenaxe xunto coa tradicional ofrenda floral.

No acto estiveron presentes, ademais da rexedora compostelá, o conselleiro de Cultura, José López; a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xosé Manuel Durán; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, así como integrantes da Corporación municipal.

Durante a súa intervención, Sanmartín destacou o carácter inconformista da escritora e incidiu en que “foi unha muller que se adiantou en moitas das súas ideas e propostas á propia Virxinia Wolf, dicindo que ela quería vivir do que escribía, un paso fundamental para o resto de escritoras que viñan detrás”. A alcaldesa afirmou tamén que “Santiago de Compostela é unha cidade literaria” e vinculou esta condición á figura de Rosalía e á súa “mensaxe transgresora, de liberdade, de solidariedade e de xustiza social, absolutamente imprescindible”.

ACTO NO PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES E LECTURA DE POEMAS

A programación continuou no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, onde se celebrou un acto con lectura de poemas e actuacións musicais. A cantante Uxía e o músico Javier Ruibal participaron nunha sesión que concluíu, novamente, coa interpretación da Alborada de Rosalía e cunha degustación do denominado Caldo de Gloria, elaborado polo cociñeiro compostelán Iago Pazos.

Paralelamente, o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, tomou parte no acto central organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega baixo o lema #maiselestaménperdidos. A escritora Eva Veiga foi a encargada de ler o manifesto anual, tras a intervención do presidente da entidade, Cesáreo Sánchez Iglesias, e as actuacións da Asociación Cultural e Musical Solfa. Lestegás participou tamén na lectura de poemas, escollendo para a ocasión ‘¡Pra a Habana!’.

UN BANDO QUE APELA Á CONCIENCIA COLECTIVA

Coincidindo coa efeméride, a alcaldesa fixo público un bando no que formula a pregunta de que muller sería hoxe Rosalía e que causas defendería. O texto subliña a súa dimensión como figura “consciente e comprometida”, que escolle a lingua como ferramenta de cohesión social e que ergue a voz fronte á inxustiza.

No documento, a rexedora sinala que “mentres a avaricia sen límite continúa devorando o planeta, mentres os intereses duns poucos priman por riba de pobos enteiros, mentres as mentiras e a desinformación toldan as xanelas polas que miramos, temos sinalados no calendario fitos cos que espertar a conciencia. Un deles é, cada 23 de febreiro, o Día de Rosalía”. O bando conclúe cun chamamento a “seguir traballando por ese mundo e esa Compostela que queremos”.

FESTIVAL NA PRAZA DE MAZARELOS

A conmemoración estendeuse ao conxunto da fin de semana coa celebración do Festival Rosalía, que acadou a súa oitava edición na praza de Mazarelos e noutros espazos da cidade. A alcaldesa inaugurou o sábado o certame, no que definiu a autora como “referente” do Rexurdimento e salientou que “sen ela seriamos diferentes”.

Con este conxunto de actividades, Santiago reafirma cada 23 de febreiro o seu vínculo coa escritora e consolida unha programación que combina actos institucionais, participación cidadá e propostas culturais arredor da súa figura.

ÚLTIMAS

Temperaturas de máis de 30 graos e goteiras: o comité de empresa denuncia tres anos sen solucións na residencia DomusVi de Pontepedriña

O comité de empresa da residencia de maiores Fundación José Otero-Carmela Martínez, xestionada por...

O arquitecto Fernando Cobos defende o “rigor” da intervención no Hostal dos Reis Católicos

O arquitecto Fernando Cobos, responsable da execución da obra de intervención no Hostal dos...

A protesta do téxtil trasládase a Santiago e acampan fronte á Confederación de Empresarios

A acampada de representantes de traballadoras e traballadores do sector téxtil contra o convenio...

Compostela reabre Santa Isabel tras unha reforma integral de 2,6 millóns de euros

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, encabezou este martes pola tarde a visita...

A biblioteca Anxel Casal acolle unha mostra sobre as últimas décadas do cómic checo

O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou este martes a aposta que está...

A Xunta inaugura no Arquivo de Galicia a mostra ‘Cousas do tempo’ con mapas meteorolóxicos históricos de Lavacolla

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Enerxías Renovables...

‘La península de las casas vacías’ e ‘A noite das cebolas’ gañan ex aequo o Premio de Novela Europea do Casino de Santiago

A novela La península de las casas vacías, publicada por Editorial Siruela e asinada...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here