InicioSANTIAGOAMESAmes reúne a máis de 730 persoas no cocido dos maiores celebrado...

Ames reúne a máis de 730 persoas no cocido dos maiores celebrado no pavillón do Milladoiro

O evento de Entroido consolídase como unha cita anual para a veciñanza maior de 65 anos, con música, disfraces e reparto de premios

Publicado o

Xornal de Compostela

O pavillón municipal do Milladoiro converteuse este martes de Entroido no escenario da cuarta edición do cocido dos maiores de Ames, unha xornada festiva que congregou a máis de 730 veciños e veciñas maiores de 65 anos do municipio. A celebración, organizada polo Concello, combinou gastronomía tradicional, animación musical e actividades lúdicas ao longo de toda a tarde.

O xantar comezou ás 14:00, momento no que o persoal de servizo iniciou o reparto do menú polas mesas instaladas no recinto deportivo. O primeiro prato foi a sopa, seguida do cocido tradicional galego propio destas datas. Segundo os datos facilitados pola organización, para atender a todos os asistentes preparáronse máis de 1.000 quilos de alimentos.

En concreto, cociñáronse arredor de 666 quilos de carne, entre os que se incluíron 250 quilos de cacheira, 40 de costela, 22 de uña, 20 de orella, 40 de touciño, 80 de tenreira, 62 de lacón, 70 botelos que sumaron 90 quilos e 62 quilos de chourizo. Ademais, empregáronse 400 quilos de patacas e 270 feixes de grelos, completando así o menú tradicional do Entroido.

Antes do inicio da comida, o alcalde de Ames, Blas García, dirixiuse ás persoas asistentes para subliñar a continuidade desta iniciativa. Segundo sinalou, “o cocido dos maiores xa se está convertendo nunha tradición no concello de Ames durante as festas de Entroido”. Engadiu tamén que o obxectivo da convocatoria é “que os nosos maiores pasen un día de convivencia e festa todos xuntos”.

A celebración incluiu tamén unha proposta de animación musical a cargo do dúo Eva e Camilo, que acompañou a sobremesa e a tarde con repertorio variado, favorecendo o baile e a participación do público. A temática dos disfraces deste ano xirou arredor das profesións, unha proposta que se deixou ver entre as mesas e na pista.

Ao remate do xantar realizouse a entrega de premios aos mellores disfraces, así como o sorteo de varias cestas con produtos típicos do Entroido entre as persoas participantes.

Para facilitar a asistencia, o Concello habilitou un servizo especial de autobús con percorrido polas diferentes parroquias do municipio, tanto para o desprazamento ata o pavillón como para o regreso aos domicilios ao finalizar a festa.

Na xornada participou unha ampla representación da Corporación municipal, encabezada polo alcalde, así como membros do Goberno local e concelleiros e concelleiras do grupo municipal do Partido Popular de Ames. A iniciativa, que se recuperara no ano 2022 tras varios anos sen celebrarse e que desde 2023 se fixou no martes de Entroido, consolídase así como unha das citas sinaladas do calendario festivo local dirixido ás persoas maiores do concello.

ÚLTIMAS

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

A USC crea o programa Fénix para recuperar investigadores Ramón y Cajal perdidos por un erro na convocatoria

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu o visto...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here