InicioSANTIAGOSantiago acolle unhas xornadas para que xuíces e maxistrados profunden en urbanismo...

Santiago acolle unhas xornadas para que xuíces e maxistrados profunden en urbanismo e patrimonio

Isabel Perelló destaca o papel do dereito para garantir o equilibrio entre o desenvolvemento e a conservación do legado histórico.

Publicado o

Xornal de Compostela

A presidenta do Tribunal Supremo (TS) e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), Isabel Perelló, destacou a importancia do dereito para garantir o equilibrio entre o desenvolvemento urbanístico e a conservación do patrimonio. Perelló pronunciouse deste xeito durante a inauguración este mércores do curso sobre o patrimonio histórico e o urbanismo organizado polo poder xudicial en Santiago de Compostela e que este ano celebra a súa sétima edición. Un acto no que tamén participou o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Alfredo Picatoste, así como o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

Na súa intervención, a presidenta do TS e do CGPJ puxo en valor a “conciencia compartida” entre administracións e poder xudicial de que a protección do patrimonio histórico é un “ben tan fráxil como valioso” que esixe “un enfoque diverso, rigoroso e actualizado” nos profesionais que deben realizalo. Segundo destacou, o curso que este mércores arrinca forma parte do compromiso do CGPJ coa formación continua da carreira xudicial para que xuíces e maxistrados poidan profundar en materias de especial interese e de especial complexidade.

Neste punto, incidiu en que a formación é un dos alicerces que garanten a “calidade da xustiza“, como así entende o CGPJ co obxectivo de “dotar os xuíces das ferramentas necesarias para afrontar os desafíos dunha sociedade en constante evolución e transformación“. A presidenta do TS dixo que con este fin o curso aborda unha “temática de gran actualidade“, como é a interrelación entre urbanismo e patrimonio cultural, un ámbito no que “conflúen diversos intereses económicos, sociais, ambientais, administrativos e culturais“. “Trátase de intereses nos que o dereito está chamado a desempeñar unha función esencial como garante do equilibrio entre o desenvolvemento e a conservación”, incidiu.

“REFLEXO DA SOCIEDADE QUE QUEREMOS”

Pola súa banda, no acto, o presidente do TSXG incidiu en que o urbanismo é un reflexo da sociedade á que se aspira, polo que valorou que este curso aborde cuestións como a protección do patrimonio histórico nun marco como Santiago de Compostela. Todo iso nun acto no que o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, incidiu en que a formación continua dos profesionais do ámbito xurídico é fundamental para garantir decisións rigorosas e ben fundamentadas en cuestións que afectan directamente á cidadanía.

Neste ámbito, sinalou a necesidade de avanzar cara a modelos que permitan afrontar retos como o turismo sustentable, garantindo a conservación do patrimonio. Ademais, referiuse ao patrimonio cultural como un ámbito estratéxico para Galicia polo seu valor como elemento identitario e pola súa importancia como activo territorial, económico e social. Nesta liña, o conselleiro fixo referencia ao traballo levado a cabo desde a Xunta coa aprobación a comezos de ano da modificación da Lei de Patrimonio Cultural, que introduce cambios na normativa para que determinados procedementos non esixan xa autorización da Administración autonómica.

Así, explicou que poden ser resoltos polos propios concellos e particulares, o que supón maior axilidade nos trámites e redución de tempos de espera sen que en ningún caso supoña rebaixar o nivel de protección do patrimonio cultural. Segundo lembrou, con estas modificacións introducidas a través da Lei de acompañamento dos Orzamentos 2026, desde principios deste ano as entidades locais poden, xunto co procedemento de concesión de licenza, autorizar intervencións naqueles elementos que conten con protección estrutural e ambiental ou en Bens de Interese Cultural e catalogados ao tratarse de obras menores como limpeza de fachadas, cambios de pavimento ou reparación de vías. Así mesmo, tamén poden informar sobre obras no ámbito dos Camiños de Santiago catalogados.

ÚLTIMAS

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...