InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOVeciñanza e especialistas critican a intervención nas gárgolas do Hostal e o...

Veciñanza e especialistas critican a intervención nas gárgolas do Hostal e o Concello defende a súa legalidade

As tubaxes metálicas instaladas nas esculturas xeraron rexeitamento social, mentres Raxoi asegura que a solución está autorizada por Patrimonio e responde a problemas de humidades

Publicado o

Xornal de Compostela

O remate das obras de rehabilitación na fachada do Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela deixou ao descuberto unha intervención que xerou controversia entre veciñanza e especialistas: a colocación de tubaxes metálicas en todas as gárgolas históricas do edificio para canalizar a auga da cuberta.

Diversas voces críticas cualificaron a actuación como inadecuada dende o punto de vista patrimonial. O autor do libro Gárgolas de Compostela, Benxamín Vázquez, definiu a intervención como “un adefesio, un atentado artístico” e sostivo que os tubos “desvirtúan por completo a escultura, a obra de arte”. Segundo explica, existen alternativas técnicas que permitirían resolver o problema das filtracións sen afectar á integridade estética das pezas.

Na mesma liña, dende a asociación veciñal do casco histórico Fonseca tamén amosaron o seu rexeitamento. O seu presidente, Roberto Almuíña, considerou a solución “unha auténtica barbaridade” e advertiu de que “distorsiona totalmente a fachada do edificio e, ademais, non hai respecto para as gárgolas e a súa función orixinal”. O colectivo cuestiona ademais o procedemento seguido e reclama a retirada dos elementos instalados.

A polémica tamén chegou a través de comunicacións remitidas a Xornal de Compostela por parte da cidadanía, nas que se critica a actuación como unha intervención impropia dun conxunto patrimonial destas características, comparándoa con outros monumentos europeos como Notre Dame en París e cuestionando o papel das administracións na súa supervisión.

As gárgolas afectadas, de época renacentista, forman parte dun conxunto escultórico singular. Segundo describe Benxamín Vázquez na súa obra, algunhas destas pezas presentan formas figurativas complexas, pensadas tanto para a evacuación da auga como para a expresión artística, o que incrementa o debate arredor da intervención realizada.

Arquivo – Aspecto orixinal da gárgola antes da intervención, segundo se recolle no libro ‘Gárgolas de Compostela’ – Xaime Cortizo
O CONCELLO APELA Á AUTORIZACIÓN DE PATRIMONIO

Tras as críticas, o Concello de Santiago aclarou que a actuación forma parte do proxecto de rehabilitación aprobado para o inmoble, que conta coa consideración de Ben de Interese Cultural (BIC). Segundo indicaron fontes municipais, “a solución adoptada no Hostal dos Reis Católicos está prevista no Plan Director do Hostal e autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, que é a competente neste caso”.

Dende Raxoi lembran que a administración local non ten delegadas as competencias para autorizar intervencións en bens protexidos desta categoría e que a licenza municipal se concedeu en base á autorización autonómica previa.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, explicou que a instalación destes elementos responde a un problema estrutural existente dende hai séculos. “Eses elementos colócanse para resolver uns problemas de humidades”, sinalou, detallando que as gárgolas renacentistas evacuaban a auga directamente sobre balcóns incorporados no período barroco, o que provocaba filtracións e deterioro nos materiais.

Segundo indicou, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou tanto o proxecto básico como o posterior proxecto de restauración, no que se debía concretar a solución técnica. “É unha solución que responde a unha problemática de humidades e a unha necesidade de afastar o chorro de auga que procede das cubertas da fachada”, afirmou.

O Concello tamén apuntou que este tipo de intervención xa foi aplicada noutros edificios históricos da cidade, incluíndo algúns puntos da Catedral de Santiago, co mesmo obxectivo de protexer a fachada e os elementos construtivos das filtracións.

ÚLTIMAS

O novo transporte urbano de Santiago comezará a operar nun prazo máximo de tres meses

O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento...

Santiago pide a Augas de Galicia unha valoración técnica sobre a evolución da vertedura de Tordoia

O Concello de Santiago solicitou por escrito a Augas de Galicia información detallada sobre...

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

Santiago pide a Augas de Galicia unha valoración técnica sobre a evolución da vertedura de Tordoia

O Concello de Santiago solicitou por escrito a Augas de Galicia información detallada sobre...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

O Consorcio abre as primeiras axudas para reformar os locais comerciais da Cidade Histórica

O Consorcio de Santiago abrirá este sábado a primeira convocatoria de axudas destinada especificamente...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here