InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOSabías que a auga que chega ás fontes de Compostela provén de...

Sabías que a auga que chega ás fontes de Compostela provén de mananciais subterráneos da Idade Media que nacen nos montes de Vite?

O Galicia Confidencial percorre os manantiais das profundidades da capital galega da man dos guías da iniciativa 'Patrimonio Invisible'. Sabías que nos anos de 1938-1939 o 59 % de todas as casas de Santiago non tiñan auga potable e, no rural, a porcentaxe ascendía ata o 99 %

Publicado o

Por Ángela Precedo

A cidade de Santiago é un lugar de culto xa dende a Idade Media. Non xurdiu como calquera outra grande urbe, senón que a súa formación foi peculiar: sobre un cemiterio e ao redor dunha tumba, a do Apóstolo. A pequeniña cidade orixinal comezou a medrar grazas a converterse en cuna das peregrinacións e, tanta expansión, derivou en verdadeiros problemas en moitos aspectos para poder acoller a tanta xente como se quedou a vivir en Compostela. Entre eses problemas, destaca o do abastecemento de auga. Os montes de Vite foron o lugar do que sempre se forneceu a cidade, pero con tantos habitantes os mananciais naturais non chegaban, especialmente durante o verán e os períodos máis secos. Foi por iso que se tivo que recorrer a furar nas profundidades das rochas que conforman estes montes para poder sacar máis auga. A día de hoxe, eses mananciais que nacen en Vite xa non son os que abastecen de auga ás casas, pero si son os que abastecen á maioría das fontes. E, as súas canalizacións, a pesares de ter experimentado unha importante reforma entre os séculos XIX e XX, manteñen case intacto o trazado medieval. 

Dende o Galicia Confidencial, da man dos guías da iniciativa ‘Patrimonio Invisible‘, adentrámonos nas oquedades que agochan baixo terra os montes de Vite para investigar como son estes lugares de onde os composteláns se nutrían de auga en épocas menos prósperas que a actual. Este percorrido polas profundidades da terra só se pode realizar durante catro horas ao ano e en grupos moi reducidos con guía, pois o resto do tempo atópase pechado aos visitantes. O noso camiño comeza na Travesía do Chan de Curros, no barrio de Vite, unha senda de monte que hoxe en día é usada por moitos veciños para saír pasear cos cans ou facer camiñatas. Dende algúns dos seus claros pódese ver perfectamente a Catedral de Santiago, o mosteiro de San Martiño Pinario e o convento de Santa Clara, o que os convirte en miradoiros agochados para o público xeral dos que desfrutan só os máis aventureiros. Camiñando entre toxos e matogueiras, piñeiros e fentos, comezamos a escoitar un son moi claro: o da auga correndo. 

Acompañados polo noso guía chegamos a unha zona atravesada por un regato manso polo que a auga discorre, tras o cal se atopa unha edificación de pedra semellante a un muíño pero que, no seu interior, agocha algo ben diferente: unha especie de pozo. Trátase dun dos chamados ‘aliviadoiros’, dos cales hai moitos repartidos por toda a cidade, e que consisten en fondos pozos de pedra que aparecen cada pouco no curso da auga, de tal xeito que, nos meses de máis choivas ou cando os mananciais van máis cargados de auga, non se produzan asolagamentos nin desbordamentos, pois a auga ten marxe para ir subindo polo pozo e quedar almaceada ata que volve a normalidade.

A AUGA PERCORRE ATA 5 QUILÓMETROS MONTE ABAIXO PARA CHEGAR ÁS FONTES DE COMPOSTELA, REMATANDO NA PRAZA DE SAN MIGUEL

Dende esta zona, a auga percorre ata cinco quilómetros de distancia dirección Ponte Mantible, onde se xunta a auga de todos os mananciais nunha arqueta e, de aí, vai nutrir todas as fontes ata chegar ao Espírito Santo, ata a praza de San Miguel. Moitas desas fontes que atravesa a auga (fonte de San Fructuoso, fonte de Fonseca, fonte Rabía, fonte de Santo Antonio, fonte de Virxe da Cerca, fonte da Porta do Camiño, fonte de San Roque e fonte de Costa Vella), antigamente eran mananciais ou derivas de mananciais que supoñían os límites da muralla que rodeaba a cidade vella de Compostela. De feito, a auga repartíase arredor desa muralla para actuar coma un foso de lodo (a auga ao mesturarse coa terra embarraba) que dificultase ou impedise aos carros de ataque inimigos atravesar os muros.

Pero o interesante da nosa visita non se atopa aquí, aínda que esta historia poida semellar xa fascinante de por si, senón no interior dunha das covas escavadas para obter auga dos montes en momentos nos que a que emanaba dos mesmos de maneira natural non chegaba. Outro caseto de pedra danos a benvida. Semella pequeno por fóra, pero o grandioso está abaixo. Descendendo por unhas pequenas á vez que claustrofóbicas escaleiras de pedra chegamos a un fondo espazo cun manancial subterráneo. As paredes, compostas por xabre, conservan aínda as marcas dos picos dos traballadores que foron abríndose camiño polo corazón do monte ata atopar auga. O chan, escorregadizo e composto por pedras inestables, está mollado permanentemente. A escuridade sería total de non ser pola luz das lanternas dos guías e por unhas cantas candeas que foron dispostas como decoración para a nosa visita en oquedades da parede que seguramente terían sido empregadas polos mineiros para pousar as súas luces de traballo. Camiñamos uns cantos metros, non moito, e xa nos atopamos cunha parede mollada, unha parede da que, precisamente, emana auga de maneira natural.

NA DÉCADA DOS 40 CASE 9 DE CADA 10 CASAS DE SANTIAGO NON CONTABA CON ASEO CON DESAUGADOIRO E O OFICIO DE ‘AUGADOIRA’ ERA MOI COMÚN

É neses puntos, por incríble que semelle, onde se atopa o segredo da auga das fontes de Compostela. Que sinxelo pode ser o mundo cando cho explican! A natureza é unha cousa marabillosa, que, sen dúbida, non deixa de sorprendernos. Resulta sorprendente pensar naquela época na que a rede de sumidoiros e a traída de augas actual aínda quedaba moi lonxe, cando as cousas eran máis simples (haberá quen diga máis rudimentarias). Unha época na que toda a auga que precisaba a cidade para abastecer á súa poboación saía das fontes e esta, á súa vez, dos mananciais dos montes de Vite. Naquel momento eran moi poucas as casas que contaban con auga potable por canalización directa (a maioría das edificacións que a tiñan eran pazos), de tal xeito que existía o oficio de ‘augadoira’, mulleres que ían cos seus cántaros a coller auga das fontes da cidade para levala para a casa, ou que ían lavar nelas a roupa, as coñecidas como ‘lavandeiras’. Debía ser espectacular ver a ducias de mulleres desfilar polas rúas dunha urbe en expansión cos seus cántaros na cabeza, coma se dunha auténtica procesión se tratase.

Na época da Guerra Civil, entre os anos de 1938 e 1939, o Concello de Santiago fai un estudo no que analiza 217 vivendas da cidade. Daquela practicamente só existía a coñecida na actualidade como Zona Vella, nada que ver coa cidade que coñecemos hoxe. Descubriuse que o 59 % de todas esas casas non tiñan auga potable. É dicir, case 6 de cada 10 composteláns non tiñan auga da traída estando practicamente xa na década dos 40. Ademais, un 86 % das vivendas, case 9 de cada 10, non tiñan aseo, ou sexa, non contaban con un baño con desaugadoiro, e usaban vacenillas ou outro tipo de recipientes. Pódese entender entón que neste 86 %, si ou si, estaban incluídas casas de boas familias, con cartos e poder, o que evidencia que o problema das canalizacións ía máis aló do nivel de riqueza.

Por outro lado, un 22 % das casas non estaban conectadas á rede dos sumidoiros, que comezou a nacer xa a finais do século XVIII ou comezos do XIX, e nos anos 40 moitas vivendas en Santiago aínda tiñan pozo negro ou, directamente, botaban os excrementos á horta, pois daquela case todas as casas contaban con hortas. No rural a situación aínda era máis alarmante: de 125 casas inspeccionadas o 99 % non tiña auga potable, aínda que si podían ter pozo propio. Posteriormente, crearase a Sociedade de Augas Potables de Santiago e a súa xestión irá pasando por distintas mans ata que, na actualidade, se atopa xestionada por Viaqua.

ÚLTIMAS

Centos de persoas maniféstanse “en contra do sionismo e a represión policial” tras as 9 detencións en Santiago

Máis dun centenar de persoas manifestáronse este venres en Santiago de Compostela "en contra...

Santiago lidera como a cidade con máis galegofalantes nunha Galicia cada vez máis castelanizada

O uso habitual do galego continúa a perder peso en Galicia, segundo os datos...

(VÍDEO) AXENDA: Que facer esta fin de semana que cumpla coas tres ‘b’: bo, bonito e barato?

Para quen busque actividades con nenos, ou mesmo para os que non o son...

Brión homenaxea a Carlos Rodrigues Brandão cunha exposición e conferencias

O Centro Social Polivalente de Brión acollerá hoxe, venres 11 de outubro, ás 20:00...

O Camiño Inglés rexistra un crecemento do 16% no número de peregrinos

O director de Administración e Relacións cos Amigos do Camiño de Santiago do Xacobeo,...

O busto de Santiago o Menor na catedral de Santiago: un misterio que espertou novas teorías

A catedral de Santiago de Compostela alberga unha reliquia que, malia ser pouco coñecida,...

A encargada de rehabilitar o Pórtico da Gloria recibe o Premio Nacional de Restauración

Ana Laborde, directora da intervención para rehabilitar o Pórtico da Gloria da Catedral de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here