A concelleira non adscrita de Santiago, Mercedes Rosón, confirmou o seu voto favorable ao regulamento do Foro de Turismo Sustentable, un órgano que terá a responsabilidade de xestionar o 80% dos ingresos derivados da taxa turística. A decisión chega despois de que as edilas non adscritas impulsasen modificacións no texto inicial centradas na súa composición e funcionamento.
Segundo trasladaron, as negociacións permitiron introducir cambios orientados a incrementar a presenza da veciñanza, especialmente das zonas incluídas no ámbito do Plan Especial. Rosón sinalou que este reforzo responde á necesidade de dar voz aos barrios que soportan unha maior presión turística, ao tempo que se procura “unha correcta representación de todos os intereses”.
Entre as achegas incorporadas tamén figura a inclusión dunha persoa técnica do departamento de Servizos Básicos no foro. A concelleira incidiu en que a calidade dun destino turístico non depende unicamente da oferta cultural ou de lecer, senón tamén de cuestións como o estado do espazo público. “Depende da limpeza das rúas, mantemento de equipamentos e coidado de zonas verdes”, indicou.
Neste contexto, Rosón defendeu que os recursos obtidos a través da taxa turística deben reverter en melloras estruturais na cidade. “O recadado debe permitir que o modelo turístico non nos custe a calidade de vida ás persoas que vivimos en Santiago”, afirmou.
Outra das modificacións acordadas é a creación obrigatoria dun grupo de traballo específico para cada Ano Santo. A proposta busca garantir a planificación e coordinación deste evento de maneira estable, evitando que a súa constitución dependa de decisións puntuais do foro en cada momento.
Por último, a concelleira criticou os prazos manexados polo goberno local para a posta en marcha deste órgano. Rosón lembrou que o regulamento debe estar aprobado antes do 01:04 e advertiu de que xa existen ingresos procedentes da taxa turística, correspondentes ao período entre outubro e xaneiro, cuxa contía aínda non foi detallada e que quedarán pendentes de xestión ata a creación efectiva do foro.

