InicioPOLÍTICAO Concello inicia o proceso para redactar o proxecto da Factoría de...

O Concello inicia o proceso para redactar o proxecto da Factoría de Salgueiriños cun investimento de 315.000 euros

A futura infraestrutura, financiada con fondos europeos, prevé converterse nun centro de referencia para a mocidade con múltiples usos culturais, formativos e sociais

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago deu un novo paso no desenvolvemento da Factoría de Salgueiriños, un dos proxectos estratéxicos do goberno local, coa aprobación do inicio do procedemento de contratación para a redacción do proxecto e a dirección de obra. Así o anunciou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo coordinador do departamento de Xuventude, Manuel.

Segundo explicou Rozas, a actuación conta cun investimento global de 4,5 millóns de euros, financiados a través do programa europeo EDIL dentro do plan Horizonte Compostela. O contrato que agora sae a licitación terá un orzamento de máis de 315.000 euros e incluirá tanto a redacción do proxecto básico e de execución como a dirección das obras.

A concelleira detallou que o contrato terá unha duración que se estenderá ata a finalización da construción do edificio e que contempla prazos parciais: tres meses para o proxecto básico e outros tres para o de execución, o que permitiría dispoñer do documento completo nun período aproximado de seis meses.

A Factoría de Salgueiriños levantarase sobre a estrutura dun antigo parque comarcal de bombeiros, actualmente en desuso desde hai dúas décadas. O goberno local comprobou previamente a viabilidade técnica do inmoble para a súa reconversión nun novo equipamento público.

O anteproxecto, xa presentado previamente, define un edificio de arredor de 4.500 metros cadrados distribuídos en tres plantas. O espazo estruturarase en varias áreas diferenciadas, entre elas unha dedicada á música, con sete salas de ensaio e gravación e unha sala de concertos cun aforo de 600 persoas. “Vamos de facer aí a competencia”, sinalou Rozas en referencia á capacidade do futuro auditorio.

O proxecto inclúe tamén zonas para formación e estudo, con aulas, biblioteca e despachos; unha área para actividades físicas e espazos ‘maker’; unha zona de traballo compartido orientada á inserción profesional da mocidade; e un espazo de lecer concebido como unha praza cuberta para a interacción social e a práctica de deporte urbano.

A concelleira destacou que o obxectivo é crear un equipamento que vaia máis alá dun edificio e que permita desenvolver políticas públicas específicas para a mocidade, converténdose nun referente “non só a nivel galego senón mesmo internacional”. Neste sentido, incidiu na necesidade de ofrecer alternativas de socialización fóra do consumo: “Queremos que haxa un espazo en Santiago onde os mozos e mozas podan socializar sen necesidade de acudir a unha actividade específica”.

Desde o departamento de Xuventude sinalan que esta iniciativa busca responder a unha demanda histórica nunha cidade que conta con 9.000 mozos e mozas empadroados e máis de 23.000 estudantes universitarios.

Pola súa banda, Manuel subliñou que a factoría pretende dar resposta ás necesidades detectadas entre a mocidade, desde espazos de encontro ata instalacións para formación, música ou deporte. “O que intentamos é cubrir todas as demandas que nos están facendo os mozos en todos os espazos que se crearían nesta nova factoría”, indicou.

En canto aos prazos, as empresas interesadas disporán de 35 días para presentar ofertas desde a publicación no Diario Oficial da Unión Europea. A previsión municipal sitúa o inicio das obras entre 2027 e 2028, aínda que Rozas evitou concretar unha data definitiva de finalización ao advertir de posibles imprevistos nos procesos administrativos e construtivos.

A concelleira aclarou tamén que a Factoría de Salgueiriños non substituirá a Casa da Xuventude, senón que responde a unha nova liña de actuación centrada nas necesidades actuais da mocidade. Respecto a este último espazo, reiterou a aposta do goberno local pola súa rehabilitación para usos veciñais, especialmente no ámbito do casco histórico.

ÚLTIMAS

O Concello defende que baixa o número de animais en Bando e xustifica a suspensión da selección da dirección por unha dúbida legal

O Concello de Santiago respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación do...

Patricia Iglesias evita aclarar se será candidata en Santiago: “Non son das que me anticipo”

A deputada socialista Patricia Iglesias volveu descartar este luns confirmar se optará a ser...

A Xunta de Goberno aproba obras no rural, subvencións de igualdade e a nova licitación das escolas infantís municipais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 8 de xuño, diferentes...

O comercio local de Santiago celebra o ‘Prima 2026’ con actividades familiares, música e unha ruleta de agasallos

O Concello de Santiago celebrará do xoves 11 ao sábado 13 de xuño unha...

O Concello defende que baixa o número de animais en Bando e xustifica a suspensión da selección da dirección por unha dúbida legal

O Concello de Santiago respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación do...

Patricia Iglesias evita aclarar se será candidata en Santiago: “Non son das que me anticipo”

A deputada socialista Patricia Iglesias volveu descartar este luns confirmar se optará a ser...

A Xunta de Goberno aproba obras no rural, subvencións de igualdade e a nova licitación das escolas infantís municipais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 8 de xuño, diferentes...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here