InicioECONOMÍAA Xunta emite informe ambiental favorable ao desenvolvemento residencial de Mallou con...

A Xunta emite informe ambiental favorable ao desenvolvemento residencial de Mallou con preto de 3.000 vivendas

O proxecto, impulsado polo IGVS, ocupará máis de 520.000 metros cadrados ao nordés de Santiago e prevé unha elevada proporción de vivenda protexida

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento residencial da zona de Mallou, no nordés de Santiago de Compostela, unha actuación promovida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que prevé a construción dunhas 2.950 vivendas, maioritariamente de carácter protexido.

Segundo informou o Goberno galego, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu o informe ambiental estratéxico (IAE) no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada. O documento conclúe que o proxecto non prevé efectos ambientais adversos significativos, aínda que establece determinadas condicións que deberán ser tidas en conta para profundar nalgúns aspectos técnicos do desenvolvemento.

O informe, que será publicado nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG), foi elaborado tras o proceso de consulta a organismos públicos interesados e despois de que o borrador do PIA e o documento ambiental estratéxico permanecesen durante 30 días hábiles expostos no portal web da Consellería para que a cidadanía puidese presentar observacións ou suxestións.

Unha vez adoptada a resolución, o documento ambiental será remitido ao promotor do proxecto e ao órgano substantivo competente, e posteriormente darase a coñecer publicamente tanto mediante anuncio no DOG como a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente.

O ámbito previsto para o desenvolvemento residencial abrangue unha superficie total de 522.737 metros cadrados na zona de Mallou. O borrador do proxecto contempla a urbanización deste espazo para permitir a construción das citadas 2.950 vivendas, ademais de reservar solo para equipamentos comunitarios, espazos libres e zonas verdes.

A proposta urbanística inclúe tamén unha nova estrutura viaria, definida en boa medida por infraestruturas xa recollidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Santiago.

Entre elas destaca un eixo norte-sur, que conectará Boisaca, Cancelas e Fontiñas, permitindo enlazar a avenida de Asturias coa avenida de Xoán Paulo II mediante unha glorieta e un viaduto. A isto sumarase un eixo este-oeste destinado a comunicar a zona de Mallou co núcleo de Porto do Medio.

Ademais, o proxecto contempla unha rede secundaria interior de rúas, nas que se habilitarán arredor de 800 prazas de aparcadoiro público situadas nas marxes dos viarios previstos.

ÚLTIMAS

Traballadores de Renfe gardan cinco minutos de silencio na estación de Santiago polas vítimas do accidente de Toledo

A estación de ferrocarril de Santiago de Compostela acolleu este xoves, 29 de outubro,...

Compostela lembra a ferida de Angrois e traslada a súa solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, trasladou este mércores a solidariedade da capital galega...

O falecemento da vítima volve suspender o xuízo contra tres acusados de secuestrar un home en Santiago por unha débeda de 20 euros

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, volveu suspender...

Clara Cantore presenta en Santiago ‘Regreso’, un disco que une as raíces musicais arxentinas e galegas

A cantante e compositora Clara Cantore presentará este venres, 30 de outubro, en Santiago...

O Concello aproba a rehabilitación do Palacete do Espiño por 1,2 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns, 26 de...

Rosa Crujeiras reclama medidas para garantir o acceso á vivenda do estudantado universitario

A reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, reclamou que se adopten...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...