InicioECONOMÍARozas asina un convenio coa Cámara para impulsar o emprendemento en Santiago

Rozas asina un convenio coa Cámara para impulsar o emprendemento en Santiago

O acordo, dotado con 75.000 euros, céntrase en apoiar a creación e consolidación de empresas con atención especial á mocidade, mulleres e colectivos con dificultades de inserción

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio veñen de formalizar un novo convenio de colaboración destinado a fomentar o espírito emprendedor e reforzar o tecido económico da cidade. A iniciativa, presentada esta mañá pola concelleira de Promoción Económica, María Rozas, conta cun orzamento municipal de 75.000 euros e desenvolverase ao longo de todo o ano 2025.

O acordo estrutúrase arredor de tres liñas estratéxicas: a promoción da cultura emprendedora, o apoio á creación de novas empresas e a consolidación e internacionalización das existentes. Segundo explicou Rozas, búscase que os compromisos recollidos en documentos como a Axenda 2030 ou o Pacto Local polo Emprego teñan unha aplicación práctica, co obxectivo de diversificar a economía local e impulsar a innovación.

Un dos piares fundamentais será o traballo con colectivos con maiores barreiras de acceso ao mercado laboral, como persoas mozas, mulleres ou maiores de 45 anos. ‘Aínda que hoxe estamos aquí tres mulleres, non é representativo da realidade empresarial nin doutros espazos de poder’, sinalou a concelleira, subliñando a importancia de fomentar a igualdade de oportunidades e incrementar o número de proxectos liderados por mulleres.

A presidenta da Cámara, María País, agradeceu o apoio do Concello e destacou que ‘tanto a creación como a consolidación de empresas son o remedio máis eficaz contra o desemprego e a despoboación’. No último ano, segundo os datos ofrecidos, máis de 200 mulleres recibiron asesoramento integral, o que permitiu a creación de máis de 50 empresas, e máis de 137 persoas autónomas participaron en accións formativas.

As accións previstas incluirán xornadas en centros educativos, visitas ao viveiro de empresas, formación en sectores como a intelixencia artificial, redes sociais, atención sociosanitaria ou restauración, e espazos de coworking dixital. O viveiro da Cámara de Santiago está recoñecido como un dos tres mellores do Estado pola Fundación Funcas e a Universidade Rei Juan Carlos.

No eixo da creación empresarial, desenvolverase o programa ‘Emprendedoras’, cun enfoque especial no emprendemento feminino e cun servizo de asesoramento que abrangue desde a idea inicial até a posta en marcha do negocio, incluída a posibilidade de acceder a microcréditos sen avais nin garantías grazas aos convenios da Cámara con entidades financeiras.

En canto á consolidación das empresas, haberá actuacións específicas en transformación dixital, con apoio desde o espazo de coworking ‘ConPostela’, e en internacionalización, a través da rede de cámaras exteriores. En 2024, a Cámara atendeu máis de mil consultas nesta área, e prevé manter cifras similares o vindeiro ano. A secretaria da entidade, Rosa Cardeso, advertiu sobre os desafíos actuais derivados da xeopolítica internacional, como os novos aranceis anunciados por Estados Unidos, que poderían impactar nas exportacións galegas.

O acto pechouse coa vontade compartida de manter e ampliar a colaboración entre as dúas institucións. ‘As cidades non se constrúen só co impulso das administracións públicas, senón tamén co das entidades que forman parte do seu tecido económico’, concluíu Rozas.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

O Concello de Santiago adxudica a Eulen o contrato de dinamización da rede de centros socioculturais

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a adxudicación do contrato de...

O Concello prepara a xustificación técnica para evitar a perda de fondos europeos no proxecto ‘Entre Sar e Sarela’

O Concello de Santiago confirmou que os seus servizos técnicos, xunto coa Universidade de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here