O Museo das Peregrinacións de Santiago será escenario o vindeiro 14 de abril dunha xornada formativa centrada nos mercados internacionais do ámbito audiovisual, unha iniciativa que reunirá en Compostela a expertos e profesionais do sector co obxectivo de analizar as dinámicas e oportunidades destes espazos de encontro.
A actividade está impulsada pola Asociación Galega de Produtoras Independentes no marco do programa Galicia ProFilme, segundo informou a Xunta. O evento pretende ofrecer unha visión “práctica, directa e actualizada” dos principais mercados audiovisuais internacionais, facendo fincapé en citas relevantes que teñen lugar en países como Portugal, Francia, Bélxica ou Estados Unidos.
Ao longo da xornada abordaranse cuestións relacionadas co acceso a estes mercados, os distintos modelos de colaboración existentes e os retos que afrontan as produtoras no proceso de internacionalización dos seus proxectos. A iniciativa busca, deste xeito, facilitar ferramentas útiles para que os axentes da industria poidan tomar decisións estratéxicas no ámbito exterior.
O programa contará coa participación de profesionais do sector audiovisual con experiencia en distintos mercados internacionais. Entre eles, estarán Luís Costa, produtor en Olhar de Ulisses e presidente da Associação de Produtores do Norte e Empresários Independentes do Audiovisual; Valérie Delpierre, produtora en Inicia Films; e Álvaro Saracho, vicepresidente de Estratexia e Operacións de Produción en The Immigrant.
A asistencia á xornada será gratuíta, aínda que as persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición previamente antes do 13 de abril a través do formulario habilitado pola organización.

