InicioCULTURAO Museo do Pobo Galego programa en abril actividades sobre danza, memoria...

O Museo do Pobo Galego programa en abril actividades sobre danza, memoria e patrimonio cultural

O centro compostelán organiza obradoiros, roteiros, presentacións e exposicións arredor do Ano Oteriano e da cultura tradicional

Publicado o

Xornal de Compostela

O Museo do Pobo Galego acollerá ao longo do mes de abril unha programación diversa que combina actividades divulgativas, propostas participativas e exposicións temporais, cun foco especial na danza, a memoria cultural e a figura de Ramón Otero Pedrayo no marco do denominado Abril Oteriano.

Entre as primeiras citas destaca o obradoiro ‘Petís a Voltas. Entroidanzas’, que terá lugar o venres 10 ás 18:00 e estará dirixido a crianzas de entre 5 e 11 anos acompañadas de persoas adultas. A actividade, conducida por Montserrat Rivera, propón un percorrido por distintas tradicións festivas internacionais a través do baile e o xogo, en diálogo coa exposición ‘MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II’, que encara o seu derradeiro mes.

Ao día seguinte, o sábado 11 ás 10:30, celebrarase unha nova edición de ‘A Voltas co Baile’, centrada nesta ocasión nas máscaras vinculadas aos ciclos festivos de inverno en Galicia e noutras tradicións como as das Illas Canarias. A xornada contará coas intervencións de Rafael Quintiá Pereira e José Policarpo Martín Cruz.

A programación inclúe tamén actividades relacionadas coa figura de Otero Pedrayo, como a proxección do documental ‘Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe’, o xoves 16 ás 19:00 no auditorio do museo. A peza, dirixida por María José Bravo Bosch, aborda a relación do autor co territorio galego e a súa concepción da paisaxe como elemento identitario.

Nesta mesma liña, o sábado 25 desenvolverase un roteiro polos espazos composteláns vinculados ás obras de Otero Pedrayo e Vicente Risco, unha proposta dirixida ao profesorado que combina percorrido urbano e sesións divulgativas, coa participación da Fundación Otero Pedrayo, o CAFI e o propio museo.

O mes pecharase o xoves 30 ás 19:00 cunha conversa arredor da festa dos Maios e outras celebracións primaverais en Galicia, na que participarán Xosé Manuel González Reboredo e Clodio González Pérez. A sesión analizará o significado destas prácticas vinculadas á fecundidade e á vexetación, así como a súa evolución histórica.

No ámbito expositivo, o museo mantén abertas varias mostras temporais, entre elas ‘Ano Otero Pedrayo: Cen anos percorrendo Galicia da man de Otero Pedrayo’, que poderá visitarse até o 30 de abril e que recompila distintas edicións da Guía de Galicia. Tamén continúa a exposición sobre a restitución das estatuas do Mestre Mateo, na Ala Sur, e a xa mencionada mostra internacional de máscaras.

Ademais, o museo acollerá dúas presentacións literarias: o martes 7, a do libro-disco O violín que trae o vento, centrado na figura da violinista Modesta Fernández López, e o xoves 23, a obra A Galicia que percorreu Alan Lomax, que recolle investigacións sobre a música popular galega.

A programación complétase coa conmemoración do 50 aniversario da constitución do Padroado do Museo do Pobo Galego, un feito que, segundo a entidade, marcou o inicio do proxecto cultural que daría lugar á apertura do museo en San Domingos de Bonaval en 1977.

ÚLTIMAS

O novo transporte urbano de Santiago comezará a operar nun prazo máximo de tres meses

O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento...

Santiago pide a Augas de Galicia unha valoración técnica sobre a evolución da vertedura de Tordoia

O Concello de Santiago solicitou por escrito a Augas de Galicia información detallada sobre...

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Aberto26 abrirá a tempada da arte contemporánea con exposicións simultáneas en nove galerías galegas

A cuarta edición de 'Aberto' celebrarase do 17 ao 19 de setembro cun programa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here