A guía Gárgolas de Compostela conta xa cunha segunda edición, despois de esgotarse a primeira tiraxe desta publicación dedicada ás figuras escultóricas que coroan algúns dos edificios máis emblemáticos da capital galega. O volume, con textos de Benxamín Vázquez e fotografías de Xaime Cortizo, mantén a súa edición trilingüe en galego, español e inglés, e incorpora agora contidos revisados e ampliados, ademais dunha mellora na calidade da impresión e na nitidez das imaxes.
Entre as novidades desta reedición inclúese unha identificación máis precisa das gárgolas fronte ás quimeras ou falsas gárgolas, figuras decorativas que carecen de canle ou orificio para a evacuación da auga. O libro explica que, na maior parte dos edificios monumentais de Compostela, estas pezas foron esculpidas directamente a partir de grandes bloques de pedra, quedando integradas na propia cornixa e non engadidas posteriormente.
A publicación revisa tamén a interpretación da que se considera a gárgola máis antiga da cidade, situada nun recanto da Casa Gótica, identificada como a representación dun rapaz deforme e malpocado, de trazos asiáticos, que na actualidade sería diagnosticado con síndrome de Down e que, segundo o estudo, naquela época sería ocultado socialmente.
No ámbito simbólico, a segunda edición mantén a lectura da aguia como figura asociada á renovación e á clarividencia divina, aínda que puntualiza que, nas gárgolas do Renacemento compostelán, esta aparece con rostro humano e sen peteiro ganchudo, co obxectivo de eliminar a ambivalencia negativa propia das aves rapaces como depredadoras.
O libro detense tamén no significado do moucho, tallado no século XVIII no beiril de San Martiño Pinario, que pode interpretarse tanto como símbolo de luz e sabedoría como presaxio da morte. Neste contexto recóllese a cita de Rosalía de Castro sobre os “berros do triste moucho [e] as campaniñas que dobran”, entendida como unha evocación dun sentimento universal aínda presente no imaxinario colectivo. A obra incorpora como exemplo contemporáneo a longametraxe Los asesinos de la luna (2023), de Martin Scorsese, na que esta ave aparece asociada ao anuncio da morte.
Outra das revisións afecta ás dúas figuras aladas que acompañan o crocodilo-gárgola situado sobre o arco da coñecida como ‘Borriquita de Belém’, reinterpretadas nesta edición como sereas fluviais con colares no peito, e non como anxos, tal e como se recollía anteriormente.
A guía informa tamén de que as gárgolas do pazo modernista do Espiño non son visibles na actualidade, ao permanecer o edificio valado por obras de rehabilitación paralizadas. Ademais, engádense novos títulos no apartado de Suxestións bibliográficas e inclúese na solapa da contracapa unha breve escolma de opinións publicadas na prensa sobre o libro.

