InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOUn estudo da USC identifica as primeiras formas de pena de morte...

Un estudo da USC identifica as primeiras formas de pena de morte no noroeste peninsular entre os séculos VIII e XII

A investigación analiza a aplicación da xustiza penal no tránsito da Antigüidade á Idade Media, con numerosos casos vinculados ao Reino de Galicia

Publicado o

Xornal de Compostela

Unha investigación desenvolvida na Universidade de Santiago de Compostela vén de identificar as primeiras formas documentadas de pena de morte no noroeste da península ibérica entre os séculos VIII e XII. O estudo recolle prácticas como a forca, o lume, a precipitación, a decapitación e a crucifixión, nun período de transformación das estruturas políticas e xudiciais tras o final da Antigüidade.

O traballo foi realizado por Abel de Lorenzo Rodríguez, investigador da Facultade de Historia e do Instituto de Investigación de Humanidades da USC, no marco da súa investigación doutoral, publicada pola editorial Comares no libro ‘A forca e o lume. Unha historia social da pena de morte en Hispania (700-1200)’.

Segundo explica a USC, o estudo baséase nunha análise documental exhaustiva que permite reconstruír, en numerosos casos, as identidades das persoas executadas e dos verdugos, así como os contextos nos que se producían estas condenas. A investigación sitúa boa parte destes episodios no noroeste ibérico, con especial presenza de casos procedentes do Reino de Galicia, nun tempo marcado pola consolidación dos reinos cristiáns peninsulares.

A investigación céntrase en como a xustiza actuaba sobre os corpos dos condenados e en como se foi configurando o fundamento das execucións capitais neste período histórico. O autor analiza tamén os perfís sociais das persoas sometidas a este tipo de penas e as circunstancias que rodeaban a súa condena, atendendo tanto ás motivacións que conducían á execución como aos conflitos e negociacións sociais que atravesaban a xustiza penal.

Tal e como sinala o propio investigador, o estudo aborda estes procesos desde unha perspectiva social, atendendo a factores como a relixión, a posición social, o xénero ou a consideración criminal á hora de determinar o tipo de castigo aplicado. Ademais, examina a evolución das formas de execución ao longo do tempo, o paso dunhas prácticas a outras e o papel que xogaban a memoria colectiva e a percepción social destas penas na súa aplicación.

A obra contribúe así a ampliar o coñecemento sobre a historia da xustiza penal medieval no ámbito peninsular e achega novas claves para comprender os mecanismos de poder e control social nos primeiros séculos da Idade Media.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...