InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Festival Atlántica lanza un mapa ilustrado con 34 seres máxicos galegos

O Festival Atlántica lanza un mapa ilustrado con 34 seres máxicos galegos

A publicación, con textos de Manuel Gago e ilustracións de Leandro Lamas, estará dispoñible en Santiago e en liña

Publicado o

Xornal de Compostela

O Festival Atlántica de Narración Oral, que celebra desde Santiago de Compostela a diversidade das historias vencelladas ao universo atlántico, vén de estrear unha nova iniciativa que combina divulgación, memoria e arte gráfica. Trátase do ‘Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia’, unha peza que reúne 34 personaxes fantásticos da tradición oral galega, acompañada dun folleto explicativo que serve como guía para coñecer a súa historia e contexto xeográfico.

O proxecto, que reivindica a riqueza do imaxinario tradicional galego, é froito da colaboración entre Manuel Gago, xornalista e profesor na Universidade de Santiago de Compostela, e Leandro Lamas, ilustrador cunha ampla traxectoria no ámbito artístico galego. Gago encargouse dos contidos e a contextualización histórica, mentres que Lamas achegou o seu recoñecible estilo visual para dar vida ás figuras representadas.

Entre os seres representados no mapa figuran alarbios, urcos, maruxainas, xigantes, xacias, trasnos ou lobishomes, entre outros, moitos deles vinculados a lugares concretos de Galicia e recollidos en fontes modernas e da Idade Moderna. A publicación constitúe tamén unha homenaxe ao primeiro mapa do Reino de Galicia, elaborado por Hernando de Ojea no século XVII, e aos cegos das feiras, que divulgaban romances e historias apoiándose en imaxes ilustradas.

A edición, de carácter limitado con só 400 exemplares, presenta un formato de 50×70 cm e estará á venda nas funcións do Festival Atlántica en Compostela, cun prezo de lanzamento de 25 euros. As persoas interesadas de fóra da cidade poderán solicitalo a través do correo electrónico festivalatlantica@gmail.com ou da páxina web festivalatlantica.gal.

O mapa busca ser non só un obxecto decorativo, senón tamén un instrumento para a narración oral, a exploración do territorio e a recuperación da memoria popular galega, poñendo en valor personaxes que, nalgúns casos, caeron no esquecemento. Así, o Festival Atlántica continúa a súa aposta pola divulgación cultural e identitaria, achegando o pasado lendario ao presente a través de linguaxes contemporáneas.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

A Semana do Patrimonio Invisible abrirá o Convento do Carme e As Orfas entre máis de 700 prazas en Compostela

Santiago de Compostela volverá abrir durante unha semana algunhas das portas que habitualmente permanecen...

O Concello limpa a Rocha Forte e prepara un contrato plurianual para o mantemento do xacemento

O Concello de Santiago completou este verán unha nova actuación de roza, limpeza e...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here