InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Concello impulsa a restauración do Xardín Botánico e activa o 'Laboratorio...

O Concello impulsa a restauración do Xardín Botánico e activa o ‘Laboratorio Vivo’ para recuperar o Sarela

O proxecto, integrado en 'Entre Sar e Sarela', abrangue 44.300 m² xunto ao Campus Sur e inclúe melloras ambientais, recuperación de hábitats e novas zonas agroecolóxicas

Publicado o

Xornal de Compostela

A transformación do Xardín Botánico, situado entre o Campus Sur e o río Sarela, avanza coa posta en marcha dun amplo conxunto de actuacións destinadas a recuperar o estado ecolóxico deste espazo estratéxico da cidade. O Concello de Santiago confirmou que os traballos forman parte do proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, desenvolvido xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e financiado pola Fundación Biodiversidade a través do PRTR.

O plan céntrase en reforzar o corredor fluvial do Sarela e en mellorar a conectividade dos seus ecosistemas, ao tempo que se acondiciona o sendeiro que percorre todo o ámbito do Xardín Botánico. A intervención prevé actuar tanto sobre o leito do río, como na carballeira autóctona e na zona de penedía, onde se busca restaurar o equilibrio dos hábitats presentes e favorecer a presenza de especies propias da contorna.

Un dos puntos máis salientables é a eliminación das especies invasoras que, segundo o Concello, ocupaban practicamente toda a ribeira e dificultaban o desenvolvemento da flora protexida, como os marteliños. Estes traballos estendéronse tamén polo tramo entre O Romaño e Vidán, incluíndo os parques de Galeras e Carme de Abaixo, nos que se actuou ao longo de 6.600 metros de ribeira.

En paralelo, nas antigas superficies agrícolas situadas no Xardín Botánico vaise recuperar o uso produtivo tradicional mediante a creación dun Laboratorio Vivo Urbano Agroecolóxico. Este espazo, de 12.000 metros cadrados, acollerá a plantación de variedades locais de froiteiras, así como áreas con plantas aromáticas, caixas niño para fauna, unha colmea e hoteis para insectos. O obxectivo é divulgar o valor das variedades agroecolóxicas da contorna compostelá e favorecer a súa conservación. Para facilitar a interpretación do espazo instalaranse tamén paneis informativos.

O ámbito de actuación abrangue un total de 44.300 metros cadrados anexos ao Campus Sur, nos que se está a restaurar a vexetación, recuperar zonas degradadas e mellorar a senda que acompaña o río. O investimento previsto para o conxunto das actuacións ascende a 213.050 euros, destinados a fortalecer o anel verde exterior de Santiago e avanzar cara a un modelo urbano máis sustentable e adaptado ao cambio climático.

O proxecto ‘Entre Sar e Sarela’ inclúe, ademais, outros catro plans modelo: Pontepedriña, Monte Viso, a lagoa de Cornes e a contorna do Auditorio de Galicia, configurando un marco de actuación que pretende reforzar a calidade ambiental do municipio mediante intervencións coordinadas nos principais espazos naturais que rodean o casco urbano.

ÚLTIMAS

Gonzalo Muíños pide recuperar o dobre sentido en Rodas tras o atropelo dun escolar de La Salle

O concelleiro non adscrito do Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, reclamou ao Goberno municipal...

Santiago reunirá 200 profesionais da industria aeroespacial nun congreso internacional os días 28 e 29 de outubro

Santiago de Compostela converterase os próximos 28 e 29 de outubro nun punto de...

Rozas confirma que o novo contrato do SAF non estará operativo o 31 de outubro e que o Concello traballa nos orzamentos de 2027

A tenenta de alcaldesa de Santiago de Compostela e portavoz de Compostela Aberta no...

Santiago abre este xoves unha nova edición dos orzamentos participativos para que a mocidade decida o destino de 10.000 euros

O Concello de Santiago de Compostela iniciará este xoves, 15 de outubro, unha nova...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...

Santiago mantén a vixilancia sobre o vertido de Tordoia malia o freo do seu avance

O vertido de purín provocado pola rotura dunha balsa nunha explotación gandeira de Tordoia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here