InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Museo do Pobo Galego abre as caixas que devolven a Santiago...

O Museo do Pobo Galego abre as caixas que devolven a Santiago as estatuas de Ezequiel e Xeremías

A alcaldesa destaca que a restitución marca “un día histórico” e Rozas fala dunha “vitoria para a democracia”

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

As estatuas de Ezquiel e Xeremías, dúas das figuras do Pórtico da Gloria atribuídas ao Mestre Mateo, foron presentadas este luns no Museo do Pobo Galego tras chegar á cidade nunhas caixas construídas expresamente para o traslado. O acto, celebrado na Ala Sur, contou coa participación da alcaldesa Goretti Sanmartín e da primeira tenenta de alcaldesa María Rozas, ademais de representantes do Padroado do museo e do equipo técnico encargado da recepción.

Sanmartín subliñou que a xornada constitúe “un día histórico”, ao ser a primeira vez que o Concello recupera unhas pezas incautadas durante o franquismo mediante unha sentenza firme. A rexedora destacou o carácter “simbólico e pioneiro” da devolución e reivindicou que este proceso “abra camiño para que outros bens apropiados pola familia Franco regresen aos seus lexítimos propietarios, que non son outros que o pobo galego”. Mencionou exemplos como o Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as pías bautismais de Moraima e Muxía, lembrando que “tiveron que pasar cincuenta anos para que esta restitución fose posible”.

A alcaldesa expresou o agradecemento do goberno local ás administracións e equipos técnicos implicados, desde os executivos municipais que abriron a vía xudicial en 2017 até a dirección patrimonial da Xunta e do Estado. Avanzou tamén que as esculturas quedarán expostas ao público a partir do 11 de decembro, acompañadas de actividades e materiais que contextualizarán “un proceso que fala de historia viva, memoria colectiva e da loita do pobo galego polo seu patrimonio”.

Pola súa banda, Rozas definiu a chegada das estatuas como “un día feliz para Santiago e para a democracia”. Lembrou que “os vestixios do franquismo continúan presentes en rúas, monumentos e institucións”, e que estas esculturas foron “un exemplo de como a familia Franco seguiu apropiándose do que é de todas e de todos”. A primeira tenenta de alcaldesa reivindicou o traballo das persoas que iniciaron o procedemento, entre elas Martiño Noriega, Xaquín Monteagudo e Ricardo Gurriarán, así como o labor de investigadores, xuristas e do goberno que deu continuidade ao proceso.

Tras as intervencións, Sanmartín e Rozas participaron na apertura das caixas para permitir que o persoal conservador verificase o estado das dúas esculturas, que permanecen xa depositadas no Museo do Pobo Galego á espera da súa exhibición temporal.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

A Semana do Patrimonio Invisible abrirá o Convento do Carme e As Orfas entre máis de 700 prazas en Compostela

Santiago de Compostela volverá abrir durante unha semana algunhas das portas que habitualmente permanecen...

O Concello limpa a Rocha Forte e prepara un contrato plurianual para o mantemento do xacemento

O Concello de Santiago completou este verán unha nova actuación de roza, limpeza e...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here