InicioSANTIAGOO Concello propón reforzar a Praza de Abastos como centro de alimentación...

O Concello propón reforzar a Praza de Abastos como centro de alimentación de proximidade

Un informe destaca a importancia do mercado como motor dunha estratexia alimentaria local baseada na produción agroecolóxica

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela presentou este mércores un informe que aposta por consolidar a Praza de Abastos como referente da alimentación de proximidade, rexeitando un modelo máis orientado ao turismo e á gastronomía. O estudo foi elaborado polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac) e presentado polo concelleiro de Mercados, Xan Duro, xunto aos investigadores Ruth Varela e David Soto.

A principal conclusión do documento é que a Praza de Abastos debe manter a súa identidade e reforzar a conexión entre produtores, comercializadores e consumidores no marco dunha estratexia alimentaria agroecolóxica local. A proposta será debatida nun acto público o xoves na Casa das Máquinas, coa presenza do xefe do equipo de Dereito á Alimentación da FAO, Juan Echanove.

O Concello encargou este informe despois de avaliar o Plan para a revitalización da Praza de Abastos, elaborado por Mercasa, nunha mesa de traballo con representantes dos vendedores, comerciantes da rúa das Ameas, hostaleiros e asociacións veciñais. Segundo explicou Xan Duro, existía un “amplo consenso” en que a transformación proposta por Mercasa “cambiaba a esencia do mercado” e podería reducir o seu papel na alimentación diaria da veciñanza.

“Non queremos copiar modelos de centros comerciais nin converter a Praza nun espazo exclusivamente turístico”, asegurou o edil, quen destacou que “o futuro pasa por potenciar a alimentación de proximidade”. Aínda así, sinalou que algunhas recomendacións de Mercasa poderían ser tidas en conta sempre que non alteren a identidade do mercado.

O informe do Cispac recalca que a Praza de Abastos de Santiago mantén unha conexión real coa produción local, a diferenza doutros mercados municipais que foron reconvertidos en espazos turísticos ou gastronómicos. Para fortalecer este papel, o estudo propón incluír a Praza no desenvolvemento dunha Estratexia Alimentaria Local que abarque Santiago e a súa conca alimentaria, integrando tamén comarcas como Barbanza, Barcala, Noia e o Sar.

Esta estratexia estaría aliñada co Pacto de Milán, un compromiso internacional asinado por Santiago para promover sistemas agroalimentarios sustentables e accesibles. Segundo David Soto, un dos autores do informe, a Praza debería funcionar como “o centro dunha rede de produción e distribución de alimentos locais”, fomentando a oferta de produtos ecolóxicos e de proximidade.

O informe tamén identifica dificultades na cadea de subministración. Moitos postos da Praza recoñecen que deben recorrer a intermediarios porque a produción de proximidade non é suficiente para cubrir a demanda. Ademais, os placeiros sinalaron necesidades de mellora en infraestruturas como o aparcadoiro, a ordenación da carga e descarga e o mantemento das instalacións.

Outro aspecto analizado é a presión turística sobre o mercado. Segundo Ruth Varela, o informe recolle que “os grupos turísticos poden afectar o funcionamento ordinario da Praza”, polo que se recomenda regular o fluxo de visitantes para evitar interferencias na actividade comercial.

PRESENTACIÓN PÚBLICA DO INFORME

O documento será presentado o xoves ás 18:30 horas na Casa das Máquinas, nun acto aberto á cidadanía no que participará Juan Echanove, xefe de Dereito á Alimentación da FAO. A sesión pretende ser un espazo de debate sobre o futuro da Praza e a súa relación co modelo alimentario da cidade.

PREOCUPACIÓN POLA FOLGA DO AUTOBÚS URBANO

Por outra banda, en resposta a preguntas dos medios, Xan Duro expresou a súa preocupación polo conflito laboral no servizo de autobús urbano e indicou que traballadores e empresa manterán un acto de conciliación o xoves.

ÚLTIMAS

Poñen en funcionamento de novo o ascensor da rúa Triacastela tras case un mes de avaría

Este mércores, o ascensor da rúa Triacastela, que conecta o barrio de Fontiñas coa...

O Festival Flamenco Riquela celebra a súa segunda edición en Santiago de Compostela

O Festival Flamenco Riquela regresa a Santiago para celebrar a súa segunda edición do 29...

Queremos Galego organiza unha “gran foliada pola lingua” este sábado en Santiago de Compostela

O colectivo Queremos Galego organizará este sábado, 17 de maio, unha gran foliada pola...

A Audiencia da Coruña condena a tres anos de cárcere a un turista por agredir a dous peregrinos en Santiago

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a tres anos de cárcere e ao pago dunha...

Poñen en funcionamento de novo o ascensor da rúa Triacastela tras case un mes de avaría

Este mércores, o ascensor da rúa Triacastela, que conecta o barrio de Fontiñas coa...

A Audiencia da Coruña condena a tres anos de cárcere a un turista por agredir a dous peregrinos en Santiago

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a tres anos de cárcere e ao pago dunha...

Santiago sortea vivendas públicas o 16 de maio: tres pisos para menores de 36 anos en Belvís

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de...