InicioSOCIEDADEA USC saca a licitación por case 24 millóns de euros as...

A USC saca a licitación por case 24 millóns de euros as obras da nova Facultade de Farmacia

O prazo de execución para a obra desta primeira fase é de 22 meses

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) sacou a licitación, cun orzamento de case 24 millóns de euros, a primeira fase da Cidade da Saúde, que incluirá aulas, laboratorios de prácticas, despachos, biblioteca e áreas de xestión da Facultade de Farmacia. “Este feito representa un importante paso adiante tras anos de loita incansable por parte do alumnado, do persoal investigador, do PDI e de toda a comunidade universitaria da Facultade de Farmacia da USC”, celebrou a Rede Galega de Estudantes de Farmacia (Regeifar).

Segundo adiantou a USC, poderanse presentar ofertas a esta licitación, cuxo orzo base é de 23.757.022,23 con IVE, ata as 14.00 horas do día 16 de abril de 2025 e a idea é iniciar as obras este mesmo ano. Ademais, esta primeira fase conta cun prazo de 22 meses para a súa execución total. En concreto, detallou que o obxectivo destas obras é “dispor de espazos adecuados para o modelo de docencia actual”, tanto teórica como práctica, e que considera necesarios para o bo funcionamento da Facultade de Farmacia, “garantindo que os estudos do centro se impartan nas mellores condicións posibles”.

UNHA DÉCADA SEN INFRAESTRUTURAS “ADECUADAS”

Neste contexto, Regeifar lembrou que tras o peche do pavillón de aulas no ano 2016, a Facultade de Farmacia leva case unha década sen unhas infraestruturas docentes “adecuadas”, o que obrigou aos estudantes a recibir docencia en diferentes facultades do Campus Sur durante anos. Deste xeito, a nova facultade, enmarcada no proxecto da Cidade da Saúde que tamén albergará Enfermaría, será unha realidade despois de case unha década na que profesores e alumnos estiveron repartidos por diferentes edificios da universidade compostelá. “A licitación da primeira fase da Cidade da Saúde supón un motivo de satisfacción, xa que representa a culminación dunha demanda histórica que leva anos sendo esixida. Pero tamén é un momento para manter a cautela, o avance que celebramos debe materializarse sen máis atrasos e con garantías de cumprimento dos prazos establecidos”, reivindicou a Rede de Estudantes de Farmacia.

Nesta liña, lembrou que esta é a única titulación de Farmacia do Sistema Universitario Galego pero que, a pesar diso, o alumnado e o persoal “levan anos soportando condicións inaceptables”. Cabe destacar que a nova facultade contará cunha biblioteca, unha sala de estudo, 12 aulas con capacidade para acoller a 100 alumnos e outras nove para 50, catro aulas de informática, salas de conxeladores e 17 laboratorios de prácticas, entre outras. Con todo, a Xunta aprobou o pasado setembro unha transferencia de 12 millóns de euros á USC co obxectivo de que neste 2025 arrincasen as obras da nova facultade para que estea en funcionamento en 2027. Por iso, aprobou destinar doce millóns de euros para esta infraestrutura.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...