InicioECONOMÍAO Concello de Santiago aproba un Plan Económico Financeiro ao incumprir a...

O Concello de Santiago aproba un Plan Económico Financeiro ao incumprir a regra de gasto por 6,7 millóns de euros

O pleno municipal dá o seu visto e prace ao pago de 268 facturas de distintos centros xestores cun valor de 1,38 millóns de euros

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago aprobou en pleno un Plan Económico Financeiro ao incumprir a regra de gasto do 2024 por 6,7 millóns de euros, cos votos a favor do bipartito (BNG e Compostela Aberta) e ante a abstención dos concelleiros non adscritos e do PP. Esta foi a mesma postura adoptada polos grupos políticos ante un recoñecemento extraxudicial de crédito, que tamén saíu adiante tras ser incluído na orde da sesión de forma “urxente” ao non poder terminalo o interventor por unha circunstancia persoal.

Isto permitirá pagar un total de 268 facturas pendentes de 28 centros xestores, por un importe conxunto de 1,38 millóns de euros. Nalgúns casos, estas son facturas que pertencen a contratos que xa están regularizados, como poden ser o de telefonía, o de fotocopiadoras ou o acordo marco relativo aos envíos postais. Noutros casos, son débedas que corresponden a contratos en procesos de licitación, como son os de conserxería e limpeza de centros educativos e o de eficiencia enerxética das instalacións municipais.

PLAN ECONÓMICO FINANCEIRO

En canto ao Plan Económico Financeiro, o concelleiro de Facenda, Manuel César, defendeu que unicamente se incumpriu a regra de gasto e deu por executados os obxectivos de estabilidade orzamentaria e de límite da débeda, outros supostos que poden levar á elaboración de tal plan. Ante as críticas do resto de grupos da corporación municipal pola súa xestión económica, o edil insistiu en que o Concello de “non se atopa nunha situación alarmante no que se refire a as súas finanzas”.

Asegurou que o cociente de endebedamento está “lonxe” do suposto que marca a lei, a pesar de que o PP e os concelleiros non adscritos criticaron superar o período medio de pago a provedores. Así mesmo, César cargou contra a Lei de estabilidade orzamentaria, que regula a elaboración deste plan e, segundo incidiu, promovida polo antigo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro. A este xuízo sumouse despois a alcaldesa, Goretti Sanmartín. “É difícil cumprir unha norma que non teña en conta peculiaridades de cada administración local e que ignora por completo o resto de indicadores que mostran robustez financeira das entidades para facer fronte a ese maior nivel de gasto”, criticou.

CRÍTICAS Á XESTIÓN ECONÓMICA MUNICIPAL

De “mala xestión” acusáronlles os socialistas, que, a través de Marta Abal, chamaron a realizar un “control exhaustivo” sobre a execución orzamentaria, de modo que esta se adecúe ás previsións do plan. “É verdade que gastan máis, pero diminúen a execución do capítulo de investimentos nun millón e medio respecto ao 2023”, criticou. En nome dos concelleiros non adscritos, Gonzalo Muíños, ademais de criticar o “incumprimento” do período medio de pago a provedores, censurou o mesmo respecto diso do prazo máximo para presentar este plan. Ao mesmo tempo, defendeu a súa abstención como un acto de “responsabilidade”. A concelleira popular Rosario Ferreiro engadiu á lista de críticas pola xestión económica do bipartito unha “baixa” porcentaxe de execución orzamentaria, o “uso abusivo” dos recoñecementos extraxudiciais de créditos e un “elevado número de contratos precarios”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...