InicioSANTIAGOAMESO ‘Ames en Festas 2025’ reivindica a inclusión e a diversidade con...

O ‘Ames en Festas 2025’ reivindica a inclusión e a diversidade con pregoeiros de Arcea-Adames e da inmigración

As festas da Madalena e da Peregrina comezan con pregóns que poñen en valor a integración das persoas con discapacidade e das comunidades migrantes

Publicado o

Xornal de Compostela

O Milladoiro e Bertamiráns abriron as festas da Madalena e da Peregrina cun dobre pregón marcado polo compromiso coa diversidade social e a integración. A primeira cita do ‘Ames en Festas 2025’ tivo lugar no Milladoiro, onde catro mozos da asociación Arcea-Adames foron os encargados de dar o pregón de apertura. Martín Barreiro, Moncho Corral, José Manuel Fernández e Carlos Pais, veciños e usuarios desta entidade con sede no Milladoiro, foron os protagonistas dun discurso que puxo o foco no valor da veciñanza e da inclusión das persoas con discapacidade no tecido social e festivo local.

Durante a súa intervención, os pregoeiros reivindicaron o papel da súa asociación, que leva máis de dúas décadas traballando pola inclusión, e agradeceron a confianza da comisión de festas por darlle visibilidade ao seu traballo. “Fíxonos moita ilusión estar aquí con vós esta noite”, expresaron, facendo mención tamén a veciños, responsables municipais e persoas que lles acompañan no día a día, como os traballadores do restaurante ‘Ritrovo’, onde adoitan xantar.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou a relevancia da escolla: “Era a mellor elección que se podía facer. Arcea-Adames é unha institución ligada por sempre ao Milladoiro e ao Concello de Ames”. Desde a comisión organizadora, Paula Segade agradeceu tamén o apoio de empresas, entidades colaboradoras e da Deputación da Coruña, subliñando o traballo feito con agarimo para que as festas sexan accesibles para toda a veciñanza.

O ton do pregón mesturou reivindicación e humor. Nun xogo de palabras co nome da patroa das festas, os pregoeiros aproveitaron para pedir que “a obra da nacional remate pronto e non chore como unha Madalena”.

Pola súa parte, a clausura das festas de Bertamiráns estará a cargo de Ronald Rojas, veciño de orixe venezolana. A súa escolla busca recoñecer a importancia da poboación migrante no concello. Segundo explicou Miriam Souto, membro da comisión de festas da Peregrina, trátase de dar visibilidade a unha realidade social presente no día a día do municipio: “Queremos que se sintan tamén parte do municipio nuns días nos que o sentimento de comunidade é tan importante”.

Coa escolla de pregoeiros diversos, o Concello de Ames reafirma o seu compromiso coa inclusión como eixo central das celebracións. Tanto o inicio como o peche do programa festivo serven así para visibilizar realidades sociais frecuentemente esquecidas, e convidar a toda a veciñanza a gozar das festas dende o respecto e a convivencia.

ÚLTIMAS

Sanmartín apela na inauguración do Festival Intercultural da Alameda a unha “práctica activa” pola convivencia

O Festival Intercultural deu comezo hoxe na Alameda de Santiago, nun acto inaugural no...

O PP reclama a reposición da marquesiña de Santa Isabel e melloras nas paradas de bus

O concelleiro do Partido Popular en Santiago, Adrián Villa, instou ao executivo municipal do...

A Área Empresarial do Tambre inaugura unha exposición con obras de Silva, Quiñoy e Blanco

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará mañá luns, 8 de setembro, unha...

Zahara actuará en Santiago no ciclo ‘Momentos Alhambra Acustiquísimos’

Zahara, unha das artistas máis recoñecidas da escena musical española, protagonizará en Santiago de...

O Milladoiro remodelará a rúa Agro da Vella cun investimento de 326.000 euros

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o expediente de licitación...

O FC Meigas debuta este sábado na Copa Galicia recibindo ao Vilalba FS

O FC Meigas inicia este sábado 30 de agosto a súa andaina competitiva da...

A Ameixenda celebra esta fin de semana as festas de Santa Mariña

A parroquia de Santa Mariña da Ameixenda, no concello de Ames, comeza este venres...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here