InicioSANTIAGOAMESTraballadoras da escola infantil Merlín de Bertamiráns protestan contra un despedimento e...

Traballadoras da escola infantil Merlín de Bertamiráns protestan contra un despedimento e denuncian atrasos salariais

O persoal acusa a empresa de vulnerar dereitos laborais e alega falta de transparencia na xestión do centro

Publicado o

Xornal de Compostela

As traballadoras da escola infantil Merlín, situada en Bertamiráns, concentráronse este martes diante do centro educativo para denunciar o despedimento de Iria Moreiras, que se atopa en situación de incapacidade temporal desde hai máis de catro meses. Segundo a CIG-Ensino, o sindicato que representa as empregadas, esta decisión responde a unha represalia pola súa actividade sindical.

Rubén Monteagudo, secretario comarcal da CIG-Ensino, afirmou que ‘este despedimento supón unha vulneración das liberdades sindicais’ e anunciou que o sindicato denunciará a situación ante as autoridades correspondentes.

ACUSACIÓNS DE IRREGULARIDADES

A escola infantil Merlín, a pesar de ser un centro privado, está totalmente subvencionada pola Xunta de Galicia, que neste curso destinou máis de 150.000 euros ao seu financiamento. Ademais das achegas públicas, a dirección cobra cotas ás familias por distintos servizos, segundo indicou o sindicato.

A CIG-Ensino critica que a empresa xustificou a eliminación dun posto e medio de traballo cunha suposta redución da matrícula, pero advirten de que os datos non coinciden cos facilitados á Xunta. Segundo o sindicato, a empresa indicou que o número de nenos e nenas pasou de 57 a 33, mentres que os datos enviados á administración para obter a subvención falan de 41 alumnos fronte aos 49 do curso anterior. Monteagudo asegurou que ‘ou ben a empresa mentiu á Xunta para recibir máis financiamento, ou ben está incumprindo a normativa laboral’, polo que o caso será levado aos tribunais.

RECLAMACIÓNS DAS TRABALLADORAS

O persoal da escola tamén acusou a empresa de falta de diálogo e transparencia. Nun comunicado enviado ás familias, as traballadoras afirmaron que en ningún momento o empresario tentou buscar solucións alternativas aos problemas económicos do centro. Así mesmo, denunciaron que levan máis dun ano e medio sufrindo atrasos no pagamento das nóminas, o que xerou situacións de incerteza e tensión psicolóxica.

No escrito, as empregadas aseguraron que ‘tivemos que solicitar á mutua o pago directo das nosas nóminas’ e rexeitaron o argumento da empresa de que os problemas financeiros derivan dos atrasos nos pagos da Xunta. Tamén lembraron que, a pesar da difícil situación, sempre estiveron dispostas a colaborar nun posible traspaso do centro, pero que ‘o empresario nunca foi transparente nin ofreceu información sobre esta opción’.

As traballadoras esixiron a readmisión da compañeira despedida e reclamaron unha solución á súa situación laboral precaria. Tamén solicitaron unha reunión con responsables da Consellaría de Política Social, para que a administración interveña ante o que consideran unha xestión deficiente do centro.

Ademais, informaron de que deron traslado á inspección educativa dalgunhas deficiencias nas instalacións e do incumprimento do requisito de contar con parella educativa nas aulas desde hai máis dun ano, o que afecta a calidade da atención ao alumnado.

Se a situación non se resolve nos próximos días, a CIG-Ensino asegura que convocará unha nova concentración o mércores 12 de febreiro ás 17:30 para continuar coas súas reivindicacións.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Ames estrea o documental ‘8M A Voces’ no acto central do Día Internacional da Muller

O Concello de Ames celebrou este sábado o acto central de conmemoración do 8...

Ames organiza o espectáculo ‘Garavanciña’ de Migallas Teatro dentro da programación do programa Apego

O programa Apego continúa a desenvolver a súa programación de actividades para o primeiro...

UCIN insta a PP e BNG a promover unha moción de censura no Concello de Ames

O coordinador de José Luis Calo, representante de UCIN, fixo pública a súa petición...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here