O Concello de Santiago levou a cabo nas últimas semanas diversas actuacións de mellora do firme e da accesibilidade en diferentes puntos do municipio, cun investimento que rolda os 440.000 euros e que permitiu asfaltar arredor de 10.000 metros cadrados de vías tanto en ámbitos urbanos como rurais.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta destas intervencións durante unha visita ás obras que o departamento municipal de Obras está a executar no barrio de Fontiñas, na que estivo acompañada polo concelleiro responsable da área, Xesús Domínguez.
Segundo explicou a rexedora, nos últimos días desenvolvéronse intervencións con asfaltados en quente e en frío destinadas a mellorar o estado da rede viaria municipal. Estas actuacións, segundo indicou, continuarán nas próximas semanas sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.
Un dos puntos nos que se está a actuar é a Rúa Berlín, no barrio de Fontiñas, onde os traballos están centrados na eliminación de desniveis no bordo da rúa para facilitar o paso e mellorar a accesibilidade para todas as persoas.
Estas intervencións forman parte dun conxunto máis amplo de obras destinadas tanto á mellora do estado das vías como á corrección de problemas de accesibilidade detectados en distintos espazos da cidade.
ACTUACIÓNS EN VARIOS PUNTOS DA CIDADE
Ademais das obras en Fontiñas, o Concello está a desenvolver actuacións noutras zonas de Compostela, entre elas o Burgo das Nacións, en San Lázaro, o Camiño Francés e a rúa República Arxentina.
Sanmartín destacou o traballo realizado polo departamento municipal de Obras e sinalou que estas intervencións responden a dous obxectivos principais: mellorar o estado xeral das vías municipais e completar actuacións en puntos que presentaban dificultades de accesibilidade.
A alcaldesa agradeceu o labor do persoal municipal e subliñou que o Concello continuará impulsando este tipo de actuacións para manter e mellorar a rede viaria da cidade e das parroquias.

