O Concello de Santiago prevé iniciar a mediados de xaneiro de 2027 as obras de reurbanización da rúa de Mallou, no barrio de Meixonfrío, unha actuación que permitirá modificar a distribución do espazo público, mellorar as condicións de accesibilidade e renovar as infraestruturas existentes. O proxecto, presentado este xoves polo concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, conta cun contrato de execución adxudicado por 1.301.420 euros e un prazo de realización de 15 meses.
A intervención desenvolverase ao longo de aproximadamente 540 metros de rúa, entre a rúa Pequena e a confluencia coa rúa da Queimada, e afectará a unha superficie total de 7.565 metros cadrados. O obxectivo municipal é adaptar esta vía ás necesidades actuais de mobilidade e ao crecemento urbanístico previsto para a zona norte da cidade nos próximos anos.
A Xunta de Goberno local aprobou o pasado luns a adxudicación das obras á empresa Obras e Viais de Galicia (OVIGA), mentres que a dirección facultativa corresponderá a Proife, por un importe de 39.869 euros. Segundo explicou Domínguez, os contratos formalizaranse nas próximas semanas e, posteriormente, a construtora disporá dun mes para organizar os medios e materiais necesarios antes de iniciar os traballos.
O calendario previsto sitúa o comezo da intervención arredor da metade de xaneiro, unha vez superado o período de Nadal. De cumprirse os prazos anunciados, a reurbanización podería estar rematada durante a primavera de 2028.
Unha das principais modificacións previstas será a reorganización da circulación e dos espazos destinados aos peóns. A configuración actual da rúa presenta importantes diferenzas entre tramos, con beirarrúas que desaparecen nalgúns puntos, itinerarios interrompidos e zonas nas que a anchura dispoñible dificulta o tránsito a pé.
O proxecto contempla unha calzada cun carril de circulación de 3,5 metros de ancho, acompañada de dúas bandas laterais de 50 centímetros, ata completar unha separación de catro metros entre bordos. Esta distribución permitirá reservar máis superficie para os desprazamentos peonís e ordenar os espazos de estacionamento nos lugares onde as dimensións da vía o permitan.
O xefe de Obras municipal, Antonio Ranedo, precisou que a intención é construír beirarrúas cunha anchura libre de dous metros, de acordo cos criterios xerais de accesibilidade. Non obstante, advertiu de que determinados puntos presentan limitacións físicas que obrigarán a aplicar as excepcións recollidas na normativa.
Para facilitar os cruzamentos e reducir a velocidade dos vehículos, instalaranse ata cinco pasos de peóns elevados ao longo do percorrido. Un deles, situado aproximadamente na zona central da rúa, terá unha maior dimensión e configurarase como unha plataforma de prioridade peonil. A actuación tamén incluirá pequenas áreas de estancia con novas plantacións de árbores, así como a conservación dos exemplares existentes que se atopen en condicións adecuadas. A selección dos pavimentos e demais elementos construtivos atenderá, segundo explicou o concelleiro, a criterios de durabilidade, uniformidade e redución das necesidades de mantemento.
RENOVACIÓN DO SANEMAENTO E SOTERRAMENTO DO CABLEADO
Ademais das modificacións na superficie, a intervención permitirá substituír e reorganizar as redes de servizos públicos que discorren pola rúa de Mallou.
Entre os cambios previstos destaca a transformación do sistema actual de saneamento, que funciona mediante unha rede unitaria, nunha rede separativa para as augas pluviais e residuais. Esta modificación irá acompañada de melloras na captación e drenaxe da auga de choiva, así como da adaptación das instalacións de abastecemento ás novas cotas da vía.
O proxecto tamén establece o soterramento das instalacións eléctricas e de telecomunicacións, coa finalidade de retirar o cableado aéreo e reorganizar as canalizacións.
No apartado de iluminación, substituiranse os sistemas existentes por luminarias de menor consumo enerxético, cunha distribución que permita incrementar a uniformidade da luz ao longo da rúa. O Concello considera que esta medida contribuirá tamén a mellorar as condicións de seguridade nos desprazamentos nocturnos.
Por outra banda, revisaranse as localizacións dos colectores de residuos para agrupalos, sempre que resulte posible, en puntos nos que estean dispoñibles as diferentes fraccións de recollida.
UN PROXECTO CONDICIONADO POLA CESIÓN DE TERREOS PARTICULARES
Durante a presentación, Domínguez explicou que a configuración da rúa de Mallou responde en parte á incorporación progresiva de antigos núcleos de poboación á trama urbana de Santiago. Este proceso deu lugar a unha vía con características diferentes ao longo do seu percorrido e con espazos que non chegaron a urbanizarse completamente.
A necesidade de dispoñer de superficie adicional para ampliar as beirarrúas obrigou ao Concello a xestionar cesións de parcelas de titularidade privada, un procedemento que condicionou a tramitación do proxecto.
Neste sentido, o concelleiro destacou a participación da Asociación Veciñal Casa Agraria, que colaborou coa administración local para facilitar os acordos necesarios cos propietarios dos terreos afectados. O responsable municipal confirmou que a actuación se financiará con fondos propios do Concello, mediante unha partida orzamentaria específica que xa estaba reservada para esta finalidade. Aclarou, ademais, que non se recorrerá a remanentes de tesouraría para sufragar os traballos.
Preguntado polos motivos polos que a adxudicación se demorou varios meses respecto das primeiras previsións, Domínguez atribuíu o prazo á tramitación administrativa ordinaria e á elaboración dos informes necesarios. Ranedo engadiu que tamén foi preciso coordinar os procedementos de contratación da obra e da dirección facultativa para que ambos estivesen resoltos antes do inicio da execución.
O concelleiro enmarcou a reurbanización de Mallou na estratexia municipal de mellora da accesibilidade, adaptación ao cambio climático e modernización das infraestruturas urbanas.
Segundo explicou, a actuación pretende anticiparse ao incremento da actividade e da poboación que se espera na contorna norte de Compostela, dotando a vía dunha configuración que permita compatibilizar os desprazamentos a pé, en bicicleta, en transporte público e en vehículo privado. Domínguez relacionou esta intervención con outros proxectos impulsados polo Concello, como o Barrio Verde de Pontepedriña, as actuacións na rúa Morruibal e a transformación do eixo urbano comprendido entre San Clemente e Santa Clara.
O CONCELLO AGARDA INICIAS EN 2027 AS OBRAS CONTRA OS ASOLAGAMENTOS NA CONTORNA DE VITE
Na quenda de preguntas posterior á presentación, o concelleiro tamén abordou outras actuacións pendentes en Santiago, entre elas a intervención destinada a reducir os problemas de inundación na rotonda de Vite, na contorna da avenida de Lugo. Domínguez confirmou que o Concello dispón de financiamento para executar esta obra, aínda que a súa tramitación continúa condicionada pola autorización de ADIF, debido á proximidade das instalacións ferroviarias.
Segundo explicou Ranedo, o proxecto xa está redactado e nas últimas semanas realizouse un estudo xeotécnico baixo a liña ferroviaria, solicitado polo administrador de infraestruturas como requisito para emitir o seu informe. Unha vez recibida a autorización favorable, o Concello poderá aprobar definitivamente o proxecto e iniciar o procedemento de licitación. A previsión trasladada polos responsables municipais é intentar que os traballos comecen ao longo de 2027.
AS CHOIVAS PODERÍAN PERMITIR LEVANTAR AS RESTRICIÓNS DE CONSUMO DE AUGA
Outro dos asuntos tratados foi a situación das medidas de aforro de auga implantadas na cidade ante a redución do caudal do río Tambre. Domínguez sinalou que as precipitacións rexistradas nos últimos días poderían contribuír á recuperación dos recursos hídricos, aínda que recoñeceu que non dispoñía nese momento de datos concretos sobre a evolución do caudal.
O concelleiro apuntou que a previsión meteorolóxica contemplaba acumulacións próximas aos 150 litros por metro cadrado durante este episodio de choivas e expresou a súa expectativa de que esta situación permita recuperar progresivamente a normalidade e retirar as limitacións vixentes.
En relación cos traballos de limpeza viaria, indicou que as precipitacións fan innecesarios os baldeos habituais durante estes días, salvo intervencións puntuais en lugares que o requiran. Tamén asegurou que non se rexistraron incidencias por asolagamentos durante as últimas xornadas de choiva e explicou que os servizos municipais manteñen as tarefas de prevención nas zonas con antecedentes de inundacións.
Entre estas actuacións figuran o reforzo da recollida de follas, a limpeza dos sumidoiros e a mellora dos sistemas de captación de augas pluviais. O Concello continuará vixiando os puntos de maior risco cando se anuncien episodios de precipitacións intensas.
Finalmente, preguntado polas advertencias do PSOE sobre un posible risco de perda de financiamento europeo vinculado aos fondos EDIL, Domínguez afirmou que o goberno municipal está a traballar para cumprir os fitos de execución e xustificación económica establecidos.

