Miles de persoas percorreron este mércores as rúas de Santiago facendo soar as súas chaves para reclamar o dereito a unha vivenda digna. A manifestación da tarde, no marco da folga xeral do 11 de novembro, arrancou ás 18:00 na praza do Obradoiro, onde continúa a acampada pola vivenda.
O Comité de Folga Territorial, a CIG, CC.OO., UXT e a Plataforma Galega Vivenda Xa! convocaron a protesta, que avanzou polo Ensanche compostelán ata a avenida de Romero Donallo. Á fronte da marcha, unha pancarta co lema ’11N contra o rendismo e o capital. Folga xeral’ encabezou un percorrido no que se escoitaron consignas como “Folga xeral” e “Que pasa, que pasa, que non temos casa?”.
En Romeor Donallo, a lectura do manifesto puxo o foco na relación entre os salarios e o custo da vivenda. O texto acusou a “rentistas, fondos e empresarios” de enriquecerse a costa dos ingresos da clase traballadora e das súas casas. As persoas que interviñeron reivindicaron unhas condicións laborais que permitan vivir e reclamaron que os barrios, as cidades e os pobos respondan ás necesidades da veciñanza. O manifesto lembrou que ter unha casa “é unha necesidade básica” e describiu como “unha angustia constante para moitas persoas” a dificultade para acceder a ela ou conservala.
REGULAR OS ALUGUEIROS E FREAR OS DESAFIUZAMENTOS
O Sindicato de Vivenda pediu regular os prezos dos alugueiros, subir o salario mínimo interprofesional e garantir contratos laborais indefinidos que “permitan vivir con estabilidade”. Tamén reclamou que as vivendas protexidas manteñan esa condición de maneira permanente.
“A propiedade de quen especula non pode valer máis que a vida de quen necesita unha casa”, defendeu o sindicato, que pediu paralizar os desafiuzamentos e expropiar vivendas en mans de entidades financeiras, grandes propietarios, fondos de investimento e da Igrexa. A intervención situou a folga como un punto de partida e chamou á veciñanza a organizarse nos barrios, nos sindicatos de vivenda e nos centros de traballo, practicar o apoio mutuo e manter as mobilizacións.
A marcha transcorreu sen altercados. Ao seu paso pola rúa do Hórreo, unha veciña sacou unha bandeira de España pola xanela, un xesto que provocou asubíos entre os participantes. A protesta rematou arredor das 20:30. Xa de volta, numerosos manifestantes encheron a avenida de Rosalía de Castro e seguiron coreando consignas.

