A ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) centrou boa parte da reunión entre a Asociación Veciñal de Santa Marta e o candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco. O colectivo expuxo os problemas de tráfico arredor do Clínico e a falta de solucións para o estacionamento, así como as dificultades que xa atopan os autobuses urbanos e as ambulancias para circular pola zona.
Blanco coincidiu coa asociación na necesidade de reordenar os accesos ao hospital e actuar sobre a mobilidade no conxunto do barrio. O candidato pediu ademais que a Xunta e o Concello manteñan informada a veciñanza sobre a ampliación. “A veciñanza ten dereito a coñecer de primeira man un proxecto que vai afectar directamente ao seu día a día. Tanto a Xunta como o Concello deben manter unha comunicación fluída coa asociación veciñal, informar dos avances e escoitar as súas inquedanzas”, afirmou.
INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E UNHA ESCOLA INFANTIL
A asociación reclamou unha planificación dos equipamentos deportivos para o conxunto da zona sur de Santiago. Segundo expuxo no encontro, a demanda abrangue máis barrios ca Santa Marta e require instalacións para diferentes modalidades deportivas, con espazos cubertos onde poder practicalas.
O colectivo tamén pediu a creación dunha escola infantil pública ante a insuficiencia da oferta actual para atender as necesidades das familias do barrio. En canto ás zonas de xogo, a asociación sinalou a falta de parques infantís adaptados a distintas idades e propuxo mellorar o mantemento dos existentes e habilitar algún espazo cuberto.
A veciñanza puxo tamén sobre a mesa a iluminación das rúas, o estado das marquesiñas e a información do autobús urbano. Entre as demais peticións figuran mellorar a sinalización do Camiño de Santiago ao seu paso por Santa Marta e o mantemento das beirarrúas e das zonas verdes.

