O Grupo Municipal Socialista levará ao vindeiro Pleno municipal deste xoves unha pregunta dirixida á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, co obxectivo de coñecer as actuacións desenvolvidas polo Goberno local en relación co mantemento e conservación dos muros de titularidade municipal.
A iniciativa prodúcese despois do derrubamento parcial dun dos muros do cemiterio de Bonaval, rexistrado hai dez días e que, segundo trasladou o PSdeG nunha nota de prensa, estivo motivado polas intensas choivas do inverno.
CEMITERIO DE BONAVAL
A concelleira socialista Marta Abal lembrou que este episodio “puxo de manifesto a necesidade de revisar o estado destes espazos”, en referencia aos elementos de peche e contención que forman parte do patrimonio municipal.
Segundo indicou, o grupo socialista xa trasladou a súa “preocupación” polo estado de conservación do recinto, tanto desde o punto de vista da protección do patrimonio histórico como no relativo á seguridade das persoas que transitan ou visitan a zona.
Ademais, Abal fixo referencia á existencia dun estudo elaborado a finais de 2022 no que se analizaba o estado de conservación dos muros de titularidade municipal en Santiago e se recollían as medidas correctivas necesarias para garantir o seu adecuado mantemento.
Neste contexto, o PSdeG preguntará no Pleno polas actuacións concretas que se executaron desde aquela análise, así como pola planificación prevista para futuras intervencións e pola dotación económica asignada a estas tarefas de conservación.

