Xornal de Compostela entrevista a Borja Verea, líder do PPdeG de Santiago e cabeza da oposición do goberno local na cidade. O seu grupo conta na corporación municipal con 11 concelleiros, unha maioría simple que non lle permitiu acadar o goberno despois das eleccións de hai un ano.
Levamos 9 meses dende que Goretti Sanmartín recibiu o bastón de mando. Como se ve dende a oposición este novo goberno?
Eu definiríao cunha palabra: continuísmo. Non houbo ningún cambio relevante respecto do goberno do Partido Socialista e diría máis de Compostela Aberta. Estes son tres partidos que se reparten a alcaldía entre eles.
Mentres nós non teñamos esa maioría absoluta, simplemente hai un goberno por quendas entre Partido Socialista, BNG e Compostela Aberta. Simplemente aos feitos me remito. Non hai ningún cambio sustancial nas políticas de xestión nin nas políticas de transformación.
Por que mediadas aposta agora mesmo máis forte o PPdeG local?
Creo que nós o que estamos intentando, e o estamos conseguindo, é deixar claro que queremos ser unha oposición útil para que a xente nos vexa como un goberno útil. A min gústame ir aos datos. Aí están todas as propostas que levamos poñendo sobre a mesa os últimos nove meses, que estamos levando a iniciativa, que estamos indo por diante incluso do propio goberno. Facendo unha labor de iniciativa e de impulso que debería corresponderlle ao goberno.
Por exemplo, dignificar o refuxio de animais é unha das cuestións que nós puxemos na axenda. As vivendas colaborativas, que son esas vidas de cohousing para intercambio xeracional e que se están a desenvolver en toda Europa, tamén o trouxemo nós. Santiago como capital europea da xuventude, un plan de infraestruturas deportivas, internacionalización e diversificación económica… Son moitas propostas.
O BNG asegura que a oposición, neste caso o Partido Popular, é o partido do “non polo non”.
A min o que me gustaría é que nos dixesen exactamente en que somos obstrucionistas. Acabo de enumerar unhas propostas, pero podería enumerar outras 10 ou 20 nas que chegamos a acordo por iniciativa nosa.
Outro exemplo que coñece toda a cidade: a Casa da Xuventude. Puxemos a disposición do goberno os nosos votos para derribar a Casa da Xuventude. Pero non se poñen de acordo entre eles. Poderíamos ser obstrucionistas e dicir que non, que ao non estar gobernando, todo é non.
Pero aí está a listaxe de propostas que están sobre a mesa como a Casa da Xuventude.
Posiblemente as dúas medidas máis importantes que se están desenvolvendo e se van desenvolver na cidade, como a conexión do Milladoiro con Santiago a través da senda e o aparcadoiro do Clínico, son propostas que deseñamos, propuxemos, defendimos e coneseguimos nós que se estean desenvolvendo en Santiago.
Gustaríame que se recuperasen as hemerotecas dos insultos, das risas e dos chistes cando eu dixen que había que traer unha senda entre o Milladoiro e Santiago ou que había que poñer un aparcadoiro ao lado do Clínico.
Evidentemente, hay cuestións coas que estamos de acordo e nas que imos dicir que non. Pero creo que é lexítimo. É o caso da política de vivenda.
Tes ti a mesma sensación do goberno local. Cres que o goberno tamén é do “non polo non”.
Non. Eu creo que o goberno está nun simple continuísmo, que segue nesa deriva de decadencia. Pero nese sentido non teño ningunha queixa. Creo que o que teñen que facer é xestionar, traballar e transformar a cidade, e non o están facendo.
Mencionabas antes o asunto da vivenda. Consideras que regular os prezos impediría que saísen en aluguer moitos inmobles baleiros?
Eu podería sumarme a unha mensaxe fácil, que posiblemente así podería ser apoiada por moita xente, que podería pensar que se se regulan os prezos van pagar menos polo aluguer.
Pero eu creo que vai ser todo o contrario. Imos ter alugueres máis caros. Se hai un problema na cidade de vivenda baleira, hai que facer políticas para que esa xente poña todos eses pisos no mercado. Se ademais lles dicimos o prezo polo que teñen que alugar ese piso, vai pasar que aínda van retraer máis pisos dese mercado de alugueiro. Polo tanto, van subir os pisos nos sitios onde non se tensionan.
Nós non estamos de acordo coa declaración de zona de mercado residencial tensionado e propoñemos, pola contra, políticas que incentiven a aposta no mercado dos 5.000 ou 6.000 pisos baleiros que hai en Santiago.
Isto suporía automaticamente a baixada de prezo e aí si que pagaríamos menos para alugar estes pisos. Nós levamos iniciativas concretas, como é facer unha bolsa de alugueiro municipal dirixida, coordinada e pilotada 100% pola propia administración municipal.
O que para min retrata a incoherencia na política de vivenda no goberno do BNG é que eles, ao mesmo tempo de estar a favor de limitar a renda, están dicindo que queren poñer no mercado cinco parcelas de solo público para vendelas a construtoras. Iso é unha auténtica incoherencia, primeiro porque non o permite a lei, polo que están enganando aos veciños, e segundo, nós o que propoñemos é que dediquen esas parcelas, en lugar de vendelas, a construír vivenda social 100% pública, cedéndoas a outra administración, neste caso á Xunta de Galicia. Non entendemos estas incoherencias.
Consideras que as políticas turísticas do goberno local están errando?
Non, pero porque non hai políticas turísticas do goberno local. O que hai son mensaxes que despois non teñen ningún tipo de contido. Ata agora o que coñecemos de políticas turísticas do goberno do BNG é a campaña ‘Fráxil’, que non se pode considerar nin unha política de fondo nin de transformación turística.
Falan da taxa turística. Levamos todos practicamente un ano esperando que nos digan que taxa turística queren poñer sobre a mesa. A Xunta de Galicia xa dixo que está a favor e nós dixemos que a unha taxa turística que sexa positiva para a cidade non nos iamos opoñer. Pero o que teñen que facer é poñerse a traballar. Polo tanto, inexistencia e falta total de políticas turísticas nesta cidade.
Cómpre entón seguir apostando por un modelo turístico orientado ao Xacobeo e ao Camiño de Santiago ou cres que existe posibilidade dunha apertura a un turismo diferente?
É que é obrigado conseguir un turismo diferente ao Camiño de Santiago. É unha obriga que teñen os que están gobernando e que temos os que estamos na oposición.
Iso non quere dicir que non sigamos defendendo, promocionando e coidando o que é a esencia desta cidade, que é o Camiño de Santiago e o Xacobeo.
Esta é a única cidade no mundo que naceu hai mil anos para recibir xente.
Como verías que o PSOE se unise ao goberno local? Quizais con certo medo?
Eu dende o primeiro minuto se me acusa, penso que de maneira inxustificada, de non aceptar os resultados electorais. Eu acepto os resultados electorais e acepto o goberno do BNG e Compostela Aberta. Outra cosa é que eu non estea de acordo, e penso que se me debe respectar tamén iso.
Dende o primeiro minuto dixen que o goberno que mellor representaría a maioría social sería un goberno do Partido Popular e do Partido Socialista. E eu ofrecinlle ao Partido Socialista ese pacto que sería un exemplo para todo o país e para todo o estado.
O Partido Socialista apostou por darlle a alcaldía ao BNG e a Compostela Aberta non entrando no goberno. Son eles os que deciden se queren seguir así, se queren incorporarse ao goberno do BNG ou se aceptan a miña proposta, que está na mesa dende o primeiro día, de ter en Santiago un goberno do Partido Popular e do PSOE.
Cres que precisa o PP pasar a ter unha mellor relación co BNG e Compostela Aberta de cara a facer, como falabamos antes, unha oposición máis útil?
Eu creo que a relación institucional e a relación política é impecable. Aí están os acordos, aí están as propostas que enumerei ao principio. Isto xa está sendo unha oposición útil. É o obxectivo que nos propuxemos dende o minuto 1. Intento que isto tamén se poida sustentar en feitos, por iso relatei algunha das medidas que están sobre a mesa e algunha das medidas que puxemos en marcha, como a senda ou o aparcadoiro.
Nós imos seguir nesa liña de traballo. Outra cousa é que cando algo non nos gusta, non nos quedemos calados. Creo que iso sería unha irresponsabilidade.
Que cres que puideron apreder os santiagueses do novo goberno local que puidese levalos a votar ao PP nas seguinte eleccións?
Eu creo que é evidente. A cidade necesita cambio e necesita futuro. Agora mesmo ese cambio e ese futuro unicamente o representa o Partido Popular, co proxecto que se presentou en 2023, cunha espectacular subida, rozando practicamente a maioría absoluta.
Iso ten percorrido e esperemos que nas próximas eleccións municipais se consolide nesa grande maioría social que precisamos para transformar a cidade.
Polo tanto, volvo dicir o que comentabamos: estamos ante un goberno continuísta, que segue coas mesmas políticas dos seus socios, do Partido Socialista e de Compostela Aberta. E a única forza de cambio, a única forza de futuro e a única forza de transformación real da cidade é a que iniciamos nós o ano pasado.
O noso obxectivo é que eses poucos votos que nos faltaron se consoliden ao longo destes anos. É traballo tamén noso evidenciar que o goberno actual non é o goberno que necesita Compostela.