Dispoñible AQUÍ a primeira parte da entrevista.
A Xunta de Galicia xoga un papel moi importante en moitos asuntos municipais. Que relacións tes co Goberno autonómico?
A partir destes días empézase unha nova etapa e eu espero que o presidente da Xunta sexa consciente de cales son as débedas con Santiago e que cumpra con elas. A respecto do aparcamento do CHUS, por exemplo, despois de moitas reunións eu son optimista e penso que imos chegar a un acordo con este tema, como espero que cheguemos a un acordo dunha promesa que fixo o presidente saínte, que agora é tamén o entrante, a respecto de que puidese haber un convenio para que o Concello de Santiago intente dotar de máis abastecemento e máis saneamento o rural compostelán, que está moi necesitado e sofre unha discriminación histórica moi potente.
Sobre todo, para min hai unha demanda que é a máis importante, que é facer vivenda pública dunha vez. Non pode ser que se comprometan a que van facer vivendas e que uns anos máis tarde vaian dicir que van facer as mesmas vivendas, cando aínda non as fixeron.
Eu espero que isto cambie. Hai moitas débedas da Xunta con Santiago.
Estades gobernando no Concello con 8 concelleiros, 6 do BNG e 2 de Compostela Aberta. Como é ese goberno cun Partido Popular que está á contra e un PSOE que non se sabe ás veces cal é a súa postura?
O Partido Popular dende o primeiro minuto estivo en contra deste goberno, mesmo dá a impresión de que non ten asumido de que isto cambiou e que hai que aceptar o resultado electoral. Unha e outra vez insisten en que son eles os que tiñan que gobernar e que son os que tiñan que ter esa responsabilidade. A súa é a política do non polo non. Calquera cousa que diga este goberno é non.
O único que fan é descualificar. Sitúanse sempre na contra. Xa din que non aos orzamentos antes de coñecelos. Dá igual o que se propoña que eles están en contra.
Eu creo que o PSOE, independentemente de que haxa posicións que en determinado momento poidan parecer distantes, ao final ten responsabilidades coa veciñanza e está actuando dunha maneira correcta. De maneira que temos un apoio. Non é unha cuestión menor que decidise darnos o voto para conformar goberno, pero a parte diso finalmente podemos ter os orzamentos grazas ao apoio do PSOE.
Creo que no que son as cuestións grandes de cidade e de compromisos que son importantes para a veciñanza son unha forza con responsabilidade para mirar polos intereses comúns.
Vai ser difícil estar catro anos con 8 concelleiros, un PSOE dividido e un PP á contra. Ese bloqueo tamén pode afectar ao desenvolvemento da cidade.
No que son os grandes temas eu non só confío, senón que de momento o que se leva demostrado que é así é que hai unha responsabilidade do PSOE en deixar e en permitir que se goberne e que se tomen propostas que van polo ben común.
Por suposto que canta máis xente teñas para traballar, moitísimo mellor. Santiago é unha cidade que ten moitísimos temas: rural, zona histórica, institucións estatais, institucións autonómicas. Necesita todas as mans, cantas máis mellor, pero nós temos un equipo de 8 persoas moi sólido, moi competente e moi capaz, que está traballando de maneira moi potente.
Poderíase chegar a un acordo co PSOE para integralos dentro do goberno?
Esa proposta xa se intentou co PSOE. As portas seguen abertas para que se queren entren a formar parte deste goberno. Por suposto que 14 persoas a traballar por Santiago é mellor que 8. Pero nós, insisto, temos un grupo compentente, capaz e preparado, que o está dando todo e o vai seguir dando todo durante esta etapa. Agora, se o PSOE quere entrar sabe que ten as portas abertas.
Vese que hai certo bloqueo na cidade porque se afirma de que se ve pouca política e pouco cambio.
Todos os cambios levan o seu tempo. Os cambios non se ven e agora levamos uns meses. Houbo moitos cambios interiores e ademais hai moita xente que me para para preguntarme cantos cambios houbo.
Está habendo obras e iso que estivemos en tempos moi malos para as obras a nivel climatolóxico.
Estase tamén indo a falar con toda a veciñanza para saber cales son as súas necesidades e estívose sobre todo facendo ese traballo interno para axilizar a maquinaria municipal e poder ter uns orzamentos. Agora vai ser o momento de executalos e de velos moito máis. Pero eu teño a sensación de que si que se nota un cambio na cidade, de tratar, de relacionarse e de conseguir que as concesionarias de servizos públicos poidan ter moitas máis opcións para finalmente facer un bo traballo.
En calquera caso, calquera transformación e calquera cambio non se fai en apenas uns meses.
Hai un tema que non hai que deixar pasar. Es amiga persoal de Ana Pontón, a líder do BNG, con 25 deputados nas pasadas eleccións autonómicas. Ten teito Ana Pontón dentro do Bloque?
Non, por suposto que non ten teito. Ana Pontón vai seguir medrando co seu apoio, non só consolidado, senón que se reforzou despois desta campaña e despois destas eleccións. Ao teito electoral do BNG aínda lle queda moito.
Nós imos a por todas, non nos poñemos teito e imos seguir medrando. Estou moi segura. Desta vez non puido ser, pero o salto que houbo foi fantástico e extraordinario. Evidentemente nós aquí fixemos o noso traballo, faltaron outros traballos, fallaron outras forzas e nós imos seguir ampliando.
E dende logo a figura de Ana Pontón é a dunha líder non só impresicindible, senón que é unha líder cunha enerxía e unhas ganas que se van ver nestes próximos catro anos, nos que se vai ver que hai non só alternativa, ideas e propostas.
Eu creo que lle hai que facer chegar á xente que nestes catro anos imos prepararnos para que dende logo ao final comece a conta atrás para que dunha vez por todas haxa un cambio e unha transformación neste país.
Nesta campaña víronse moitas cousas. Unha Ana Pontón moi diferente e unha grande campaña a nivel de comunicación. Porén, 14 horas despois do resultado electoral hai unha rolda de prensa de Néstor Rego dicindo que o BNG é unha forza anticapitalista e soberanista. Unha terminoloxía que non utilizou en ningún momento Ana Pontón nesa campaña. Nesa rolda de prensa viuse unha forma distinta de parecer dentro do BNG. Hai dúas almas dentro do Bloque?
O Bloque sempre foi o mesmo, porque se move por uns obxectivos comúns que son moi clariños. Unha vez subscritos eses obxectivos comúns, o BNG sempre foi moi variado e moi diverso. Somos unha fronte e esa fronte permite que convivan xentes e posicións diverxentes, pero arredor dun núcleo central. Defensa do dereito a decidir, defensa dos intereses no noso país, defensa de Galicia como liña fundamental e aposta polo soberanismo. Iso sempre estivo aí e creo que non hai nada que ocultar. Eu lembraría o que fixo xa no mandato pasado a extraordinaria Olalla Rodil, facendo aquel nacionalismo galego para principiantes e onde o que di é: nós non escondemos nada.
Hai unha unidade arredor da figura de Ana Pontón, do seu liderado, do que significa e logo o que hai é simplemente diversas maneiras de comunicar, de transmitir. Hai diversidade, por suposto, e lixeiras diverxencias na maneira de ver algúns asuntos, pero que entran dentro da normalidade máis absoluta do que sempre foi o Bloque. Non hai nada diferente.