InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Comité de Expertos no Camiño avanza en Santiago na programación do...

O Comité de Expertos no Camiño avanza en Santiago na programación do Xacobeo 2027

A reunión no Pazo de Amarante serviu para definir actividades como exposicións, congresos internacionais e encontros sobre o Camiño Portugués e as rutas en Brasil

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pazo de Amarante, en Santiago de Compostela, acolleu esta semana unha nova sesión de traballo do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, un encontro centrado na planificación de diversas iniciativas cara ao próximo Ano Santo de 2027. A reunión contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que puxo en valor a actividade do Comité na “difusión e promoción” do Camiño e na posta en valor “de toda a cultura xerada ao redor das rutas xacobeas”.

Durante o encontro avaliáronse varias propostas para o ciclo xacobeo, entre as que destaca a organización dun Congreso Internacional do Comité de Expertos ao longo do 2027. Ademais, está prevista a realización de varias exposicións temáticas ao longo do ano e unha participación destacada nunha xornada sobre peregrinacións que terá lugar en Núremberg (Alemaña) no mes de outubro dese mesmo ano.

De cara ao ano previo, en novembro de 2026, avanzouse tamén na preparación dun Coloquio Internacional dedicado ao Camiño Portugués, que terá como escenario a cidade fronteiriza de Tui, un dos principais puntos de acceso desde Portugal.

A internacionalización do Camiño foi outro dos eixes do encontro, coa presentación de varias iniciativas procedentes de Brasil. Entre elas, salientan o Ciclo de Estudos Composteláns e a terceira edición do Congresso Internacional Sacralidades Medievais: Divulgação Científica e Publicização do Caminho de Santiago no Brasil, que terá lugar en abril de 2026.

O Comité tamén aproveitou a reunión para revisar o estado da revista Ad Limina, publicación especializada en estudos académicos sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións, así como para tratar outras cuestións organizativas e estratéxicas que afectan ao funcionamento do propio organismo.

A cita consolida o papel de Santiago como centro de referencia para a reflexión e planificación das actividades culturais e de investigación arredor do fenómeno xacobeo, nun momento no que xa se perfila a programación do vindeiro Xacobeo.

ÚLTIMAS

Sanmartín acusa a Xunta de obstaculizar a zona tensionada e reclama máis datos para avaliar os seus efectos

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, cuestionou este venres a actuación da...

A alcaldesa lamenta a morte de Beiras e chama a divulgar o seu legado entre as novas xeracións

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, expresou este venres o seu pesar...

Mercedes Rosón e as non adscritas apoian a oposición veciñal ao parque empresarial de Lavacolla

As concelleiras e o concelleiro non adscritos do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, Mila...

Santiago concederá case 2.000 bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, 145 máis que o curso pasado

O Concello de Santiago de Compostela prevé conceder un total de 1.989 bolsas de...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...

Santiago mantén a vixilancia sobre o vertido de Tordoia malia o freo do seu avance

O vertido de purín provocado pola rotura dunha balsa nunha explotación gandeira de Tordoia...