InicioPOLÍTICAGoretti Sanmartín presenta un 8M "feminista e lúdico" con actividades interxeracionais en...

Goretti Sanmartín presenta un 8M “feminista e lúdico” con actividades interxeracionais en Santiago

A alcaldesa compostelá destaca unha campaña innovadora baseada no xogo e na educación para todas as idades

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, presentou este luns a programación de actividades para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha proposta centrada en combinar a celebración e a reivindicación dos dereitos das mulleres. O programa inclúe unha campaña innovadora baseada na gamificación, coa edición dunha revista de pasatempos destinada a todas as xeracións.

“O obxectivo é que este 8 de marzo sexa un referente para empoderar o conxunto das mulleres da sociedade compostelá, combinando a alegría coa defensa dos nosos dereitos”, sinalou Sanmartín. A proposta inclúe unha revista de pasatempos con encrucillados, xeroglíficos e actividades creativas, co propósito de educar e sensibilizar sobre o feminismo dun xeito lúdico e accesible.

A revista, da que se distribuirán 15.000 exemplares, estará dispoñible en comercios, centros educativos, bibliotecas e centros socioculturais, ademais de publicarse en formato dixital. A campaña tamén inclúe 800 carteis, 10 mupis e a presenza en autobuses urbanos, coa finalidade de chegar ao maior número de persoas posible.

A programación inclúe accións destinadas a todas as idades, desde as máis pequenas ata as persoas maiores. “Queremos que netas e aboas poidan compartir esta revista, falar das mulleres referentes, aprender e divertirse ao mesmo tempo”, explicou a alcaldesa.

Un dos eventos principais será o venres 7 de marzo, cun acto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, onde se homenaxeará a oito mulleres destacadas de Compostela. Entre elas, Esperanza Noveira, polo seu traballo no asociacionismo veciñal; Guadi Galego, no ámbito musical; e Melania Cruz, nas artes dramáticas.

O sábado 8 de marzo, o Concello abrirá simbolicamente as súas portas cun acto institucional no Salón Nobre, onde se realizará a lectura da declaración institucional aprobada pola corporación compostelá e se entregará o Premio Xoana Torres, que recoñece traballos de investigación e creación audiovisual sobre a perspectiva de xénero.

MENSAXE ANTE A POLÉMICA COA CIG

Durante a rolda de prensa, Sanmartín tamén respondeu ás preguntas sobre a polémica polo cartel da CIG que foi cualificado de machista polo PP de Santiago. A alcaldesa referiuse ás declaracións previas do BNG, subliñando que “a crítica a calquera muller que ocupe un cargo público debe basearse unicamente nas súas actuacións políticas e nunca noutros aspectos”. Reiterou que o feminismo debe defenderse con coherencia, e asegurou que o seu goberno seguirá traballando por unha Compostela feminista e igualitaria.

A programación do 8M en Santiago pecharase o 28 de marzo coa proxección do documental “Altas Luces”, unha homenaxe ás mulleres do mundo da fotografía, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

A patronal do transporte da Coruña e os sindicatos están convocados a unha mediación...

María Rozas clausura o obradoiro de emprego Genius e presenta a app ‘Inxenius’

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou...

Borja Verea critica a estratexia turística do goberno local durante a súa presenza en Madrid

O portavoz do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, realizou este mércores...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

O Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio de Meixonfrío

O Concello de Santiago de Compostela aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou,...

O PSdeG anuncia unha interpelación no pleno de xaneiro pola situación dos Centros Socioculturais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno do mes de xaneiro unha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here