InicioOPINIÓNDun Apóstolo desaparecido, da falta de valentía política e da necesidade dun...

OPINIÓN

Dun Apóstolo desaparecido, da falta de valentía política e da necesidade dun cambio

Publicado o

Por Daniel Chapela
Daniel Chapela
Daniel Chapela
Daniel Chapela (Meiro, Bueu, 1999) é filólogo galego, membro da USC e coordinador de Cultura do PPdeG desde maio de 2022. Os seus intereses céntranse na política municipal e galega e na dinamización da cultura do país.

Onde quedaron aqueles tempos dun Santiago de Compostela vibrante, con concertos para todos os públicos e cun talle internacional destacado? Onde quedaron aqueles días en que podían coincidir na capital do país tres grandes espectáculos, con ópera, zarzuela, teatro etc.? Onde quedaron unhas festas que facían que os picheleiros sentisen orgullo de ser de aquí, dun facho cultural, político e social de Galicia e do noroeste peninsular? Quedaron na falta de ambición política, no conformarse con todo vale, en pensar que se outras administracións fan programación cultural e festiva en Santiago, o goberno local da cidade, como Poncio Pilatos, podía lavar as mans.

Nestes días nos que a cidade se engalana para celebrar o Apóstolo, coñecemos unha programación festiva que, coma nas notas dos nenos de Primaria, “necesita mellorar”. Observamos así unha serie de propostas que, se por algo se caracterizan, é pola falta de ambición e, especialmente, por facer do conformismo unha bandeira municipal, ademais de deixar de lado a unha gran parte da poboación que ve con receos unhas actividades que contan, na noite do 24, con C. Mirazo, Zenet e Metrópolis Oficial exclusivamente, ou, no 25, con Sr. Salvaje e Maro –poden buscar en Internet, que imaxino que fará falla para coñecer a moitos do programa–.

Así, as festas e a cultura de Santiago agonizan coa inacción municipal, que só é paliada co labor de colectivos culturais e veciñais, así como co traballo que se desenvolve desde a Xunta de Galicia para contar con eventos relevantes para Galicia e para Compostela, como o Son do Camiño ou o GozoFest. Esta situación, na que o Concello evita apoiar calquera festividade –neste caso, un Apóstolo que en tempos da Presidencia de Manuel Fraga, cunha complicidade real entre Concello e Xunta, recibía un apoio da administración autonómica debido ao impacto das festas (das festas da capital de Galicia)–, prolóngase desde o goberno de Martiño Noriega. Non caben aquí escusas de tempo –Sanmartín leva máis dun ano de (des)goberno–, nin de falta de planificación –o Apóstolo, como os aniversarios, é sempre o mesmo día–. Os motivos son outros.

É imprescindible que desde o goberno da Sra. Sanmartín, ese bipartito que, por veces, semella que odia a esencia de Santiago e que precisa atacar a eses piares da cidade, dean un cambio de rumbo que permita construírmos unha Compostela para todas as persoas que habitamos os seus recunchos. Non é de recibo que o conxunto da programación cultural e festiva do Apóstolo se dirixa, exclusivamente, cara a uns sectores da sociedade, excluíndo, por exemplo, ao resto de persoas que gustan dos concertos de figuras relevantes do panorama estatal e internacional. A programación presentada pode ser, obviamente, unha parte dos eventos que se celebran no Apóstolo, mais non debe ser, evidentemente, o conxunto de propostas que se lle formulan a composteláns e visitantes.

Esta realidade –apatía, desgana, falta de valentía política, sectarismo…– xa a vivimos noutras ocasións, como na celebración das festas da Ascensión, as máis importantes para os habitantes da cidade, que se caracterizaron, coma nesta ocasión, pola falta de atracción de eventos de interese para a cidadanía xeral. A programación das festas de Compostela debe ser para toda Compostela, non só para a Compostela que lle guste á alcaldesa, unha Compostela gris que perde relevancia no panorama galego e estatal. Fomentar esa perda é, en definitiva, renunciar a exercer o cargo e renunciar ao futuro da cidade.

ÚLTIMAS

A USC actualiza o regulamento de asistencia a clase e aborda a planificación académica

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela reuniuse este luns no Salón...

O Concello de Ames pide axuda veciñal para detectar pozos en mal estado

O Concello de Ames iniciou unha campaña de colaboración veciñal para localizar e rexistrar...

Santiago, sétimo concello de España que máis aumenta a renda entre 2019 e 2020

A Coruña, Santiago e Lugo están entre os 10 municipios de máis de 50.000 habitantes...

Recepción da USC aos estudantes que participan nos programas de cooperación internacional

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, encabezou este martes...

61º aniversario da morte de John Kennedy

Hoxe, 22 de novembro de 2024 hai 61 anos do magnicidio de John Kennedy,...

Adeus e grazas

Redacto as derradeiras liñas para Xornal de Compostela. Xa fóra. Xa exento das normas....

Sigamos comparando…

Continuamos con temas, que a calquer político ten que preocuparlle. Toda administración con responsabilidade...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here