InicioOPINIÓNDa outredade á comunidade universitaria

OPINIÓN

Da outredade á comunidade universitaria

Publicado o

Por Rosa Crujeiras
Rosa Crujeiras
Rosa Crujeiras
Catedrática de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolveu a súa carreira académica e investigadora tras estadías en Estados Unidos, Reino Unido e Bélxica.

O legado feminista, de máis de tres séculos de historia, nutre o noso pensamento con ferramentas teóricas fundamentais para comprender como se constrúen as relacións de poder nas sociedades contemporáneas. O concepto teórico outredade permite analizar como determinados grupos son definidos como o “Outro”.

A filósofa e escritora feminista Simone de Beauvoir na súa obra El Segundo Sexo (1949) fai visible e expón a construción dun “outro”,  as mulleres, definidas en oposición a un suxeito universal considerado hexemónico, xeralmente masculino. Esta categoría analítica permite explicar como o sistema patriarcal foi construíndo a outredade feminina. Como di Nuria Varela o home, en ningún caso, é o outro.

Ás veces, consciente ou inconscientemente, tamén nas institucións que deberían ser espazos de coidado e convivencia reproducimos esas lóxicas de inmanencia. Nas universidades, que nacen precisamente do diálogo entre saberes e persoas, poden reproducirse xerarquías de poder e desigualdades que se presentan como naturais: entre mulleres e homes, entre PDI e PTXAS, entre docentes e discentes, entre os campus de Lugo e Compostela, entre as ciencias e as letras, entre docencia e investigación, entre xeracións académicas ou entre áreas de coñecemento.

Cando estas diferenzas se interpretan como oposicións, o risco é evidente: deixamos de ver a Universidade como unha comunidade, conformada por suxeitos plenos, a entendela como unha simple agregación de intereses en competencia. Unha lóxica que acaba situando aos “Outros” nas marxes e fóra do centro das decisións. E, no entanto, a verdadeira forza dunha Universidade democrática reside xustamente no contrario: na súa capacidade de integrar a pluralidade nun proxecto de comunidade.

A Universidade de Santiago de Compostela leva máis de cinco séculos demostrando que é capaz de evolucionar, adaptarse e seguir sendo unha institución central para Galicia. Pero ese futuro non se constrúe desde a fragmentación, senón desde o diálogo, a cooperación e o compromiso feminista. A Universidade non é só unha estrutura administrativa nin unha suma de centros e departamentos: é unha comunidade viva de persoas que se forman, investigan, ensinan, aprenden e traballan para facer posible a xeración do coñecemento e a súa transmisión. Traballamos por facer que o coñecemento sexa un ben común.

Por iso creo firmemente que o goberno da USC debe entenderse como un proxecto colectivo. Non como un espazo onde se administran equilibrios entre partes, senón como un lugar onde se constrúe unha visión compartida do que queremos ser. Esta visión implica recoñecer plenamente o valor de todos os colectivos que fan posible a universidade.

Implica tamén repensar a maneira en que tomamos decisións na universidade. Unha institución complexa como a USC non pode gobernarse desde dinámicas pechadas nin desde a distancia. Precisa espazos reais de participación, diálogo e corresponsabilidade que permitan incorporar a experiencia e o coñecemento das persoas que a fan posible cada día. Cando a comunidade universitaria se sente escoitada e parte das decisións, a Universidade gaña en confianza, en cohesión e tamén en capacidade para afrontar os desafíos do futuro.

E significa, igualmente, reivindicar a transversalidade do coñecemento. Nun tempo no que os grandes retos sociais —desde a transición ecolóxica ata a revolución tecnolóxica— esixen miradas complexas, a Universidade non pode permitirse reproducir fronteiras artificiais. O noso maior potencial está precisamente na capacidade de facer dialogar saberes distintos.

O proxecto que propoñemos para a Universidade de Santiago de Compostela nace desta convicción: a de que o futuro da USC depende da súa capacidade para reforzar a comunidade universitaria. Liderar a universidade non é dirixila desde arriba, senón artellar espazos de participación, escoita, coidado e cooperación que permitan sumar esforzos e tecer saberes.

A Universidade que imaxinamos é unha institución que se recoñece a si mesma como comunidade plural, onde as diferenzas non se converten en barreiras senón en oportunidades de encontro. Unha Universidade que entende que o seu maior capital son as persoas que a conforman.

Se algo podemos aprender da reflexión sobre a outredade é que as institucións máis fortes son aquelas capaces de transformar o “outro” nun “nós”. Ese é, ao meu ver, o desafío e tamén a oportunidade da Universidade de Santiago de Compostela neste momento da súa historia.

Construír unha USC máis cohesionada, máis participativa e máis orgullosa da súa diversidade non é tarefa dunha persoa nin dun equipo: é un traballo colectivo. E só desde esa convicción poderemos afrontar con ambición e confianza os retos do futuro.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago defende a súa actuación no muro de Bonaval e confirma o inicio inmediato dos estudos técnicos

O Concello de Santiago respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre a falta...

O Concello prevé mellorar a conectividade do aeroporto tras a reapertura da pista e critica a falta de coordinación da Xunta

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que a actual caída...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo...

Verea critica a falta de actuación no muro de Bonaval e cuestiona a xestión do goberno local en Santiago

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, denunciou este martes en rolda...

Santiago de Compostela baixo risco: Marlaska ignora a súa policía

¡Increíble! Hai dous meses, un incendio inutilizou parte da comisaría de Santiago. E aínda nada...

…E o “medicamentazo”!

No estado español, o "medicamentazo" (Real Decreto Lei 16/2012) de Mariano Rajoy (PP) permitiu...

As subvencións ao cine

O algoritmo que dirixe o mundo fixo que eu tivera que ver unha mensaxe...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here