InicioOPINIÓNDun Apóstolo desaparecido, da falta de valentía política e da necesidade dun...

OPINIÓN

Dun Apóstolo desaparecido, da falta de valentía política e da necesidade dun cambio

Publicado o

Por Daniel Chapela
Daniel Chapela
Daniel Chapela
Daniel Chapela (Meiro, Bueu, 1999) é filólogo galego, membro da USC e coordinador de Cultura do PPdeG desde maio de 2022. Os seus intereses céntranse na política municipal e galega e na dinamización da cultura do país.

Onde quedaron aqueles tempos dun Santiago de Compostela vibrante, con concertos para todos os públicos e cun talle internacional destacado? Onde quedaron aqueles días en que podían coincidir na capital do país tres grandes espectáculos, con ópera, zarzuela, teatro etc.? Onde quedaron unhas festas que facían que os picheleiros sentisen orgullo de ser de aquí, dun facho cultural, político e social de Galicia e do noroeste peninsular? Quedaron na falta de ambición política, no conformarse con todo vale, en pensar que se outras administracións fan programación cultural e festiva en Santiago, o goberno local da cidade, como Poncio Pilatos, podía lavar as mans.

Nestes días nos que a cidade se engalana para celebrar o Apóstolo, coñecemos unha programación festiva que, coma nas notas dos nenos de Primaria, “necesita mellorar”. Observamos así unha serie de propostas que, se por algo se caracterizan, é pola falta de ambición e, especialmente, por facer do conformismo unha bandeira municipal, ademais de deixar de lado a unha gran parte da poboación que ve con receos unhas actividades que contan, na noite do 24, con C. Mirazo, Zenet e Metrópolis Oficial exclusivamente, ou, no 25, con Sr. Salvaje e Maro –poden buscar en Internet, que imaxino que fará falla para coñecer a moitos do programa–.

Así, as festas e a cultura de Santiago agonizan coa inacción municipal, que só é paliada co labor de colectivos culturais e veciñais, así como co traballo que se desenvolve desde a Xunta de Galicia para contar con eventos relevantes para Galicia e para Compostela, como o Son do Camiño ou o GozoFest. Esta situación, na que o Concello evita apoiar calquera festividade –neste caso, un Apóstolo que en tempos da Presidencia de Manuel Fraga, cunha complicidade real entre Concello e Xunta, recibía un apoio da administración autonómica debido ao impacto das festas (das festas da capital de Galicia)–, prolóngase desde o goberno de Martiño Noriega. Non caben aquí escusas de tempo –Sanmartín leva máis dun ano de (des)goberno–, nin de falta de planificación –o Apóstolo, como os aniversarios, é sempre o mesmo día–. Os motivos son outros.

É imprescindible que desde o goberno da Sra. Sanmartín, ese bipartito que, por veces, semella que odia a esencia de Santiago e que precisa atacar a eses piares da cidade, dean un cambio de rumbo que permita construírmos unha Compostela para todas as persoas que habitamos os seus recunchos. Non é de recibo que o conxunto da programación cultural e festiva do Apóstolo se dirixa, exclusivamente, cara a uns sectores da sociedade, excluíndo, por exemplo, ao resto de persoas que gustan dos concertos de figuras relevantes do panorama estatal e internacional. A programación presentada pode ser, obviamente, unha parte dos eventos que se celebran no Apóstolo, mais non debe ser, evidentemente, o conxunto de propostas que se lle formulan a composteláns e visitantes.

Esta realidade –apatía, desgana, falta de valentía política, sectarismo…– xa a vivimos noutras ocasións, como na celebración das festas da Ascensión, as máis importantes para os habitantes da cidade, que se caracterizaron, coma nesta ocasión, pola falta de atracción de eventos de interese para a cidadanía xeral. A programación das festas de Compostela debe ser para toda Compostela, non só para a Compostela que lle guste á alcaldesa, unha Compostela gris que perde relevancia no panorama galego e estatal. Fomentar esa perda é, en definitiva, renunciar a exercer o cargo e renunciar ao futuro da cidade.

ÚLTIMAS

Varios colectivos sociais presentan unha iniciativa para cambiar o nome da Avenida Juan Carlos I por Rúa de Gaza

Diversos colectivos sociais de Santiago de Compostela presentarán nos vindeiros días unha iniciativa cidadá...

Marta Abal reclama a intervención directa da alcaldesa ante o risco de colapso dos Centros Socioculturais de Santiago

A concelleira socialista Marta Abal advertiu da “situación moi grave” que atravesan os Centros...

Santiago avanza na organización dos Xogos do Eixo Atlántico tras aprobar o regulamento e asegurar aloxamento

Santiago de Compostela continúa a dar pasos na preparación dos Xogos do Eixo Atlántico,...

Mercedes Rosón insta ao goberno local a activar alternativas tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros socioculturais

As concelleiras non adscritas de Compostela reclaman ao goberno local unha resposta inmediata á...

Listas de espera e abandono nos servizos sociais de Santiago

Salvador Blanco Turnes Seis meses de espera para conseguir unha primeira cita cunha asistenta social...

Por que nos manifestamos o 1 de febreiro do 2026?

O 1 de febreiro do 2026, a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, chama...

Nostalxia cultural

Ides desculpar que comece cun momento nostálxico. Eu fun universitario no Santiago dos concertos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here