InicioOPINIÓN'Apagón' informativo

OPINIÓN

‘Apagón’ informativo

Publicado o

Por Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García (Ferrol, 1997) é investigador predoutoral no grupo HISPONA da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa traxectoria colaborou con institucións como o NIOD Institute for War, Holocaust and Genocide Studies e o Moscow State Institute of International Relations. Participou de proxectos como Lugares de Memoria Democrática de Galicia, a criazón do Fondo de Propaganda Política Miguel Gutiérrez ou o informe para a recuperación das estatuas do Pórtico da Gloria do Pazo de Meirás. Conta con diversas publicacións, conferencias e eventos relacionados coas identidades políticas
e nacionais en conflito, a memoria coletiva e o papel das tecnoloxías dixitais no enfrontamento intergrupal.

Vai poucas semanas os europeos ficamos a rir e protestar por un vídeo difundido dende a Comisaría Europea de Igualdade e Xestión de Crises no que Hadja Lahbib amosaba os elementos básicos dun kit de supervivencia de 72 h. Auga, luz, medicinas, radio, unha navalla suíza… Todo aquilo que calquera cidadán podería encontrar útil nunha situación de emerxencia parecía caber nun único bolso. Esqueceu somentes o máis importante de todo: a información fiábel.

No mediodía do pasado 28 de abril case toda a Península Ibérica ficou sen enerxía eléctrica por unha anomalía no subministro cuxas causas son aínda descoñecidas. Nas poucas horas ou minutos nos que algúns dispuxemos de conexión a internet cos nosos telemóbeis desfilaron pola rede toda clase de mensaxes: persoas atrapadas en ascensores, accidentes de tráfico por ausencia de sinalización, hospitais tirando de xeneradores, desabastecemento en supermercados, gasolineiras pechadas, tarxetas bancarias que non funcionaban, medicinas que precisaban de refrixeración a se perder… E unha morea de rumores sobre as causas do apagón.

Mentres un responsable de Rede Eléctrica Española dicía que “en 40 anos de profesión xamais vira cousa semellante”, na radio podíanse escoitar moitas versións diferentes dos culpábeis do acontecemento, segundo a cadea que un ligase.

De Portugal chegaban, supostamente, especulacións cun “raro fenómeno atmosférico”, de Andalucía se alertaba sobre un “ciberataque” e algunhas fontes falaban de posíbeis diferenzas entre a produción e a demanda de enerxía que poderían ter sido provocadas por fluctuacións das renovábeis. Uns dicían que a luz sería restablecida axiña, en cuestión de horas, mentres outras autoridades non se atrevían a dar un prazo. Tampouco existía acordo sobre a extensión do fenómeno nas primeiras horas: un servidor chegou a ler nun xornal de renome estatal que a perda de electricidade afectara a “15 países”, momentos antes de perder a conexión, sen poder comprobar o dato. Pola internet circulou tamén un falso comunicado de Úrsula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, afirmando que se trataba dun ciberataque ruso e que sería respondido de xeito contundente.

Nesta treboada de informacións cruzadas, bulos e confusión, o único que non soltou prenda foi, curiosamente, o Goberno da España, eixo central do Estado e, portanto, o que gozaba dunha maior cantidade e variedade de datos cos que poder trasladar unha mensaxe tranquilizadora. Alén da comparecencia, xa seis horas despois, de Pedro Sánchez, os cidadáns case non tivemos indicacións gobernamentais sobre como actuar, o que agardar, o que facer. Apenas advertencias de evitar a circulación e permanecer tranquilos, destinados a aqueles, iso si, que gozabamos de aparellos de radio. Namentres, millóns de persoas ficaban incomunicadas, cando non isoladas, incapaces de falar cos seus achegados e agardando algún tipo de guía. Isto inclúe anciáns que moran sós, discapacitados e outras persoas dependentes duns familiares dos que, se callar, estiveron horas sen saber ren.

A información é a base da supervivencia, porque con ela tomamos todas as decisións que poden marcar a diferenza entre o caos colectivo e a colaboración ordenada. Diante do silenzo, algúns apostaron por seguir traballando como puideron; outros, por ateigar as terrazas dos bares de Compostela ou as praias de Orzán e Riazor, e unha minoría polas respostas máis creativas: marchar cunha caravana para o monte, fortificarse na casa da aldea coa escopeta do avó, acumular provisións para resistir durante semanas ou até mercar xeradores eléctricos e cociñas de gas en garrafa.

Por fortuna, o susto foi retrocedendo ao longo da tarde e da noite na maior parte do territorio. A cidadanía actuou, xeralmente, de xeito exemplar e solidario. Porén, unha das leccións que debemos extraer disto é que precisamos de canles de comunicación e protocolos gobernamentais para manter a calma da cidadanía, filtrar as informacións oficiais e combater a desinformación en situacións de crise.

Tal vez os veciños debamos retomar un bocado daquela vida comunitaria que nos permite organizarnos cando non podemos depender dos servizos públicos e doutras comodidades. E quizais teñamos que comezar a ollar cara o bolso de Hadja Lahbib con menos retranca e máis consciencia da nosa fraxilidade.

ÚLTIMAS

O PP solicita ao Concello que instale pantallas na praza Roxa para ver a final da Eurocopa feminina

O grupo municipal do Partido Popular en Santiago de Compostela solicitou este venres ao...

O Comité de Expertos no Camiño avanza en Santiago na programación do Xacobeo 2027

O Pazo de Amarante, en Santiago de Compostela, acolleu esta semana unha nova sesión...

O Teatro Principal entrega a Alba de Compostela a catro referentes locais no Día da Patria Galega

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu este 25 de xullo un dos...

O misterio do Apóstolo: espiritualidade, estratexia e construción de Europa

Cada 25 de xullo, Galicia celebra o día do seu patrón, o Apóstolo Santiago....

O Día de Galicia

O Día de Galicia, tamén coñecido como Día da Patria Galega, celébrase o 25...

Gobernar “con sentidiño”

O Partido Popular de Galicia, leva gobernando a Comunidade Autónoma, 16 anos. Considero que...

León XIV: Avance, retroceso ou continuidade?

Robert Prevost, agora León XIV, será o Sumo Pontífice que dirixa os destinos da...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here