InicioOPINIÓNLeón XIV: Avance, retroceso ou continuidade?

OPINIÓN

León XIV: Avance, retroceso ou continuidade?

Publicado o

Por Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García (Ferrol, 1997) é investigador predoutoral no grupo HISPONA da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa traxectoria colaborou con institucións como o NIOD Institute for War, Holocaust and Genocide Studies e o Moscow State Institute of International Relations. Participou de proxectos como Lugares de Memoria Democrática de Galicia, a criazón do Fondo de Propaganda Política Miguel Gutiérrez ou o informe para a recuperación das estatuas do Pórtico da Gloria do Pazo de Meirás. Conta con diversas publicacións, conferencias e eventos relacionados coas identidades políticas
e nacionais en conflito, a memoria coletiva e o papel das tecnoloxías dixitais no enfrontamento intergrupal.

Robert Prevost, agora León XIV, será o Sumo Pontífice que dirixa os destinos da Igrexa Católica durante os vindeiros anos. Trátase do primeiro Papa nado nos Estados Unidos (en Chicago, Illinois), o segundo do continente americano, un home que foi misioneiro durante décadas no Perú e que parece arrodeado daquela aura de humildade que dotou a Francisco de tanta simpatía entre laicos e fieis. O novo bispo de Roma xa acordou expectativas sobre o que vai supor o seu ministerio: un papa “cidadán do mundo” (Le Monde), “moderado, home ‘de pontes’” (Público), “bergogliano” (El País), “de perfil social” (La Repubblica), “reformador pragmático” (Der Spiegel)…

Pouco podemos saber, nesta altura, de cal vai ser o seu programa de reformas. Porén, os seus posicionamentos anteriores nalgúns dos principais debates que ten abertos a cristandade católica semellan truncar as expectativas dos máis aperturistas. Sobre a posibilidade de que as mulleres exerzan o diaconado -o que lles permitiría oficiar bautizos, funerais ou casamentos-, Prevost xa expresou no pasado a súa oposición: “Clerizalizar ás mulleres”, dixo durante o Sínodo da Sinodalidade, “non resolverá os problemas na Igrexa.”

A nova cabeza da Santa Sé tampouco aparenta traer nada novo noutros aspectos. Nun discurso para os bispos do ano 2012 cargou contra o xeito en que a cultura popular e os medios occidentais promovían, no seu ollar, “simpatía por crenzas e prácticas que van contra o Evanxeo”, como “o estilo de vida homosexual” ou “as familias alternativas compostas por persoas do mesmo sexo e as súas crianzas adoptadas”. Tamén, sendo bispo de Chiclaio, cargou contra a “promoción da ideoloxía de xénero”, que consideraba “confusa porque busca crear xéneros que non existen.”

Agora ben, sendo xustos, debemos dicir que isto, non representando un avance, e a falta de novas informacións, non resulta necesariamente contradictorio co legado do seu predecesor. Sobre a ordenación das mulleres, Francisco xa se amosou contrario ao sacerdocio feminino en varias ocasións, apelando ás razóns expostas por Xoán Paulo II na súa Carta Apostólica “Ordinatio Sacerdotalis”, que argumentaba sobre motivos evanxélicos e teolóxicos. No seu lugar, o pontífice apostaba por unha Igrexa con “forma feminina”, que “é nai”, e por nomear mulleres en cargos de responsabilidade, unha postura que xa daquela non convenceu a quen reclamaban igualdade para católicos de ambos sexos.

Tampouco abandonou Francisco a condena das prácticas non heterosexuais. Sen  demonizar ás persoas que as realizaban e amosando unha posición humanista —dixo que “tamén é pecado a falta de caridade co próximo” e que non debían ser marxinados—, cría que a homosexualidade parecía estar de moda, cargou contra supostos “lobbies” LGBT e se pronunciou en contra de aceptar ao ministerio sacerdotal a homes con sospeita de ser homosexuais, perdoando aos que xa estiveran dentro.

Sobre León XIV tamén pesan algunhas acusacións polémicas cuxa dimensión aínda está por coñecer, e que poden ficar ocluidas —ou non— segundo o rumo que tome o seu pontificado. A Rede de Sobreviventes dos Abusados por Sacerdotes (SNAP, polas siglas en inglés), denunciou deficiencias na súa labor de investigación de casos de abusos sexuais na Igrexa e na defensa das vítimas. Mesmo negadas pola súa diócese e por algúns xornalistas, estas cuestións ameazan con asombrar o inicio dun papado cara o que moitos ollan con entusiasmo.

De que xeito o novo pontífice conseguirá responder a estes e outros retos só o tempo nolo dirá. Porén, nestes días de expectación nos que mesmo os non crentes semellan implicados no devir da Igrexa Universal, cómpre lembrar aquilo que dicía Santo Agostiño ao falar das dúas cidades: a dos homes e a de Deus. As leis da primeira procuran acomodar as cousas da vida terrena, mentres que a segunda vive da fe e recoñece o mandato divino como única autoridade verdadeira. Isto recórdanos que as lóxicas da relixión non son exactamente as da sociedade nin as da política; o obxectivo da Igrexa non é acadar a mellor orde da vida mortal, senón cumprir, do mellor xeito posible, o que considera os designios de Deus. Non atende á racionalidade ilustrada nin aos seus conceptos de igualdade, dereitos e liberdades, senón á reflexión teolóxica e á palabra das Sagradas Escrituras. Así, quen se achegue a interpretar as decisións eclesiásticas coas ferramentas do debate ideolóxico e das demandas sociais corre o risco de ficar decepcionado.

ÚLTIMAS

(VÍDEO) Falta de artistas recoñecidos e escasa visibilidade, principais críticas á Ascensión deste ano

As Festas da Ascensión 2025 chegan a Santiago con música, tradición e unha programación...

O Concello confirma o acordo entre empresa e traballadores que pon fin á folga do lixo

A folga do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Santiago de...

O Monbus Obradoiro cae na prórroga en Palencia e xogará o domingo a súa continuidade no play-off

O Monbus Obradoiro perdeu na noite do venres ante o Zunder Palencia no terceiro...

A Praza do Obradoiro convértese nunha cancha de baloncesto con máis de 350 participantes no circuíto 3×3 CaixaBank

A Praza do Obradoiro acolleu este sábado unha nova xornada do Circuíto 3x3 CaixaBank,...

O móbil de Ábalos non só é Pedro, cheira a “esterco”

Dependendo do contexto, podemos usar “sucidade”, “lixo” ou “porcallada”, sendo refinado en palabras utilizarei...

Os de sempre

O Partido Popular leva gobernando Galiza dende fai 16 anos. E, menos 4, tódolos...

O IGE baixo o control de Rueda despois dos datos negativos sobre a situación do Galego

O instituto Galego de Estatística, situado en Santiago de Compostela, é o encargado do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here