Santiago de Compostela volverá abrir durante unha semana algunhas das portas que habitualmente permanecen pechadas á cidadanía. A oitava edición da Semana do Patrimonio Invisible desenvolverase entre o 7 e o 11 de setembro cun programa de visitas a espazos históricos, edificios culturais e zonas de acceso restrinxido, ao que seguirá o sábado 12 a celebración das ‘Noites do Patrimonio’.
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, presentou este xoves no Pazo de Raxoi ambas as propostas xunto coa deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e o xestor cultural de Trivium Manuel Rial. A programación da Semana do Patrimonio Invisible contará con máis de 700 prazas gratuítas, unha cifra que, segundo a organización, aumenta respecto á edición anterior.
Entre as principais novidades deste ano atópanse o Convento do Carme e As Orfas, dous lugares que se incorporan por primeira vez ao programa. No caso do primeiro, Rial explicou que se trata do primeiro antigo convento de clausura que se abre dentro deste ciclo en Santiago. O inmoble, rodeado durante décadas por muros e reixas e sen acceso habitual para a cidadanía, poderá ser coñecido agora dentro das visitas programadas.
As Orfas constitúen outra das incorporacións desta oitava edición. A visita permitirá achegarse á traxectoria dun espazo vinculado historicamente á educación feminina en Compostela e que tamén contou cunha zona conventual.
A organización incorporou en total cinco novos espazos ou propostas, aínda que un deles continuará sen ser desvelado. Trátase da habitual visita secreta, coa que rematará a programación e para a que as persoas participantes reservan praza sen coñecer previamente o destino.
DO ‘BACKSTAGE’ DOS MUSEOS AOS BAIXOS DA CATEDRAL
Outra das liñas desta edición consistirá en descubrir partes habitualmente inaccesibles de edificios que si reciben público durante o ano. É o caso do Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval, e do Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell.
A intención, segundo explicou Rial, será ir máis alá das salas abertas habitualmente e coñecer tanto a historia arquitectónica dos inmobles como os lugares nos que traballan os diferentes departamentos e outras zonas de acceso restrinxido. “Por así dicilo, o backstage deses museos”, resumiu o xestor cultural.
O programa recuperará ademais algúns dos espazos que concentraron maior demanda en edicións anteriores. Entre eles estarán as escavacións da Catedral de Santiago, que Rial situou como a visita con maior demanda da edición de 2025, así como o Pazo Arcebispal, os mananciais de Compostela e a Casa da Parra.
Tamén regresará o Pazo de Raxoi, despois das intervencións realizadas no interior do edificio, e o Auditorio de Galicia, onde as visitas permitirán coñecer espazos que normalmente quedan fóra do alcance do público.
En conxunto, a Semana do Patrimonio Invisible permitirá acceder ao Convento do Carme, Pazo de Bendaña, As Orfas, Pazo Arcebispal, Pazo de Raxoi, Casa da Parra, Auditorio de Galicia, Museo do Pobo Galego, escavacións da Catedral e mananciais de Compostela, ademais do emprazamento reservado para a visita secreta.
As actividades realizaranse en grupos reducidos, unha fórmula coa que o Concello busca compatibilizar o acceso da cidadanía coa conservación dos bens e ofrecer visitas nas que sexa posible coñecer con maior detalle os lugares.
RESERVAS DENDE ESTE VENRES ÁS 12:00
As máis de 700 prazas dispoñibles serán gratuítas e poderán solicitarse desde este venres 4 de setembro ás 12:00 a través das webs patrimonioinvisible.gal e compostelacultura.gal.
A organización prevé unha elevada demanda, despois de que en edicións anteriores boa parte das visitas esgotasen as súas prazas pouco despois da apertura das inscricións.
Para favorecer a participación do maior número posible de persoas aplicaranse limitacións ás reservas. Cada persoa poderá reservar unha única visita e un máximo de dúas prazas. Deste xeito, non será posible facer sucesivas reservas para diferentes actividades da Semana do Patrimonio Invisible.
A Cidade da Cultura non figura nesta ocasión entre os espazos seleccionados. Preguntada por esta cuestión, Louzao explicou que non existe ningunha decisión municipal para deixala fóra do programa e apuntou á posibilidade de incorporala en futuras edicións.
“Non houbo nunca ningunha indicación para que non se incluíra a Cidade da Cultura”, sinalou, lembrando que outros edificios composteláns tamén aparecen ou desaparecen do programa en función de cada edición.
A concelleira incidiu en que a existencia de numerosos inmobles e espazos singulares permite conservar cada ano algunhas das visitas con maior demanda e, ao mesmo tempo, introducir novidades. Segundo indicou, a Cidade da Cultura podería contar igualmente con zonas internas ou de acceso restrinxido susceptibles de formar parte do programa no futuro.
A TORRE DA CARRACA ABRIRÁ POLA NOITE O SÁBADO 12
A programación continuará o sábado 12 de setembro coa celebración das ‘Noites do Patrimonio’, unha iniciativa compartida polas cidades integradas no Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.
En Santiago, o programa concentrarase fundamentalmente entre as 20:00 e as 23:00 e volverá artellarse arredor dos conceptos ‘Patrimonio aberto’, ‘Patrimonio vivo’ e ‘Patrimonio agora’.
A primeira destas liñas permitirá entrar en edificios históricos e coñecer espazos singulares. Entre as aperturas previstas figuran o Pazo de Xelmírez, a Torre da Carraca, a Casa da Troia, o Colexio de Fonseca, San Martiño Pinario, a Zona C, a Casa do Cabido e a Casa RIA.
Unha das visitas permitirá subir pola noite á Torre da Carraca da Catedral, desde onde as persoas participantes poderán contemplar a contorna do Obradoiro nun horario no que o acceso non se realiza de maneira habitual.
O programa incorporarase tamén a talleres e espazos relacionados coa creación artística e coa artesanía contemporánea, entre os que o Concello cita Mareiras, Quinga, Audec, Brigante e Susi Gesto. A súa incorporación responde á terceira das liñas das Noites do Patrimonio, centrada no patrimonio que segue xerándose actualmente na cidade.
Para Louzao, esta vertente permite conectar a protección da cidade histórica coa produción cultural contemporánea. “Non queremos unha cidade histórica conxelada no tempo”, explicou a concelleira, que defendeu combinar a conservación do legado recibido coa creación de novos usos, significados e experiencias.
ROBER BERNAT LEVARÁ ‘LA CONSAGRACIÓN DE LA PRIMAVERA’ Á QUINTANA
Entre as actividades centrais das ‘Noites do Patrimonio’ estará a representación na Praza da Quintana de ‘La consagración de la primavera’, unha proposta de Roger Bernat baseada na histórica coreografía de Pina Bausch sobre a música de Igor Stravinsky.
O espectáculo require a participación directa do público, que deixa de ocupar exclusivamente o papel de espectador para incorporarse á propia acción. Debido a este formato, o número de participantes será limitado e será necesario retirar previamente entradas gratuítas a través de compostelacultura.gal.
Como complemento á representación, Roger Bernat participará o venres 11 ás 19:00 nun faladoiro no Auditorio de Galicia, neste caso con entrada libre ata completar a capacidade do recinto.
A noite do sábado contará tamén con propostas musicais polas rúas de Compostela. Entre elas estará a Real Banda de Cadeiras Encartables, ademais dos Troianos de Compostela, que ofrecerán un concerto especial dedicado a Alejandro Pérez Lugín, coincidindo co centenario do seu falecemento.
Manuel Rial destacou o comportamento do público durante estas xornadas, nas que moitas persoas deseñan o seu propio percorrido polos diferentes edificios. “A xente vai co seu programa tachando e indo ao seguinte”, explicou sobre unha programación concentrada durante unhas poucas horas.
A DEPUTACIÓN REIVINDICA O ACCESO AO PATRIMONIO
A Deputación da Coruña mantén a súa colaboración económica coa programación a través do convenio cultural que sostén co Concello de Santiago. Natividade González explicou que esta achega foi incrementándose nos últimos anos e defendeu o papel da capital galega como foco cultural con capacidade para atraer público de diferentes puntos de Galicia.
A deputada destacou especialmente a posibilidade de entrar en lugares que permanecen pechados durante a maior parte do ano e de descubrir novas perspectivas sobre edificios xa coñecidos. Ao seu xuízo, conservar o patrimonio implica tamén “abrilo, explicalo e sobre todo compartilo”.
Louzao situou as dúas iniciativas dentro dunha política municipal que pretende favorecer unha relación directa entre a veciñanza e o patrimonio compostelán. A responsable municipal insistiu en que a protección dos edificios históricos non debe limitarse ao seu mantemento material, senón incluír tamén o coñecemento dos seus usos, historias e espazos interiores.
“Un patrimonio que a cidadanía non coñece, ou ao que non pode acceder, ou co que non establece vínculos, corre o risco de converterse simplemente nun escenario”, afirmou.
Neste sentido, o Concello busca que o patrimonio monumental dunha cidade cunha forte presenza turística sexa tamén un elemento da vida cotiá da veciñanza, permitindo ás persoas que viven en Santiago entrar nos edificios, coñecer a súa historia e xerar novas experiencias vinculadas a eles.
A Semana do Patrimonio Invisible, que naceu en Santiago e chega agora á súa oitava edición, e as ‘Noites do Patrimonio’ compartirán así unha mesma semana entre o 7 e o 12 de setembro, combinando visitas a lugares pechados, aperturas nocturnas, creación contemporánea, artesanía e música en diferentes puntos de Compostela.

