InicioMOV. SOCIAISA CIG reclama cubrir cinco prazas vacantes ante a sobrecarga da execución...

A CIG reclama cubrir cinco prazas vacantes ante a sobrecarga da execución civil nos xulgados de Santiago

O sindicato sostén que o equipo de Civil e Familia funciona co 70,6% do persoal previsto e cifra en máis dun 50% o exceso de carga de traballo por profesional

Publicado o

Xornal de Compostela

A CIG-Xustiza denunciou unha situación de “saturación estrutural” no equipo de Civil e Familia do Servizo Común de Execución de Santiago de Compostela e reclamou a cobertura inmediata das cinco prazas que, segundo os seus datos, permanecen vacantes. O sindicato vincula os atrasos e o volume de expedientes pendentes cunha falta de persoal que considera prolongada no tempo.

A sección sindical elaborou un informe sobre a situación deste servizo no que desvincula os problemas da posta en marcha da nova Oficina Xudicial, cuxa implantación en Santiago quedou completada o 31 de decembro de 2025. Para a organización, a situación actual “non é consecuencia da recente implantación da nova Oficina Xudicial”, senón que responde a “un déficit de persoal sostido no tempo”.

Os datos recompilados pola CIG apuntan a un incremento continuado da actividade nos últimos exercicios. As sentenzas vinculadas ao equipo pasaron de 1.527 en 2023 a 2.180 en 2024, o que representa unha subida do 42,7%. En 2025 alcanzáronse as 2.490 resolucións, de maneira que o aumento acumulado respecto de 2023 ascende ao 63,1%.

Ao mesmo tempo, o sindicato sinala que o equipo de Civil debería contar cun cadro de 17 persoas, cinco xestores e doce tramitadores, pero actualmente dispón de doce efectivos. Permanecen sen cubrir dúas prazas de xestión e tres de tramitación.

“Catro destas prazas levan meses sen cubrir. Isto significa que o equipo está a funcionar co 70,6% do cadro previsto, polo que a falta de persoal non pode considerarse unha ausencia puntual ou marxinal”, indica a CIG-Xustiza.

A organización sindical engade que dous dos tramitadores que están actualmente en activo traballan especificamente na área de Familia, polo que non se dedican á execución civil xeral. Se se exclúen estes postos do cálculo, a CIG estima que son dez as persoas que asumen de maneira efectiva este último ámbito.

O informe calcula que cada traballador destinado á execución civil xeral está asumindo unha media de 230 execucións correspondentes unicamente aos anos 2024 e 2025. Cun cadro completo, esa ratio quedaría en 153 expedientes por profesional.

No caso dos escritos pendentes, a media actual sitúase en 166 por persoa, fronte aos 110 que resultarían de repartir o traballo entre todos os postos previstos. A CIG cifra así a sobrecarga nun 50% nas execucións e nun 51% nos escritos.

O sindicato matiza que estas cantidades non reflicten todo o volume de asuntos que permanecen abertos nos xulgados composteláns. “A execución civil arrastra procedementos de anos e mesmo décadas anteriores que non están incluídos nestes datos, polo que o volume real de pendencia é superior”, advirte.

Entre os indicadores utilizados no informe figura tamén a evolución das execucións de títulos xudiciais (ETX). Pasaron de 1.556 expedientes en 2024 a 1.803 en 2025, un incremento do 15,9%.

As execucións que continúan en tramitación e que corresponden só a eses dous exercicios ascenden xa a 2.300, segundo a CIG. A elas súmanse 1.655 escritos pendentes de prover, dos cales 700 están concentrados na praza 5.

A central sindical lembra ademais que estes datos non contabilizan outros procedementos que tamén corresponden á sección e que presentan, segundo destaca, unha maior dificultade técnica. Entre eles están as execucións de títulos non xudiciais (ENX) e as execucións xudiciais hipotecarias (EXH).

A CIG ALERTA DAS CONSECUENCIAS PARA AS PERSOAS AFECTADAS

A denuncia sindical incide tamén nas consecuencias que poden ter os atrasos fóra da propia organización interna dos órganos xudiciais. A CIG sostén que a execución das resolucións é a fase que permite materializar os dereitos recoñecidos previamente nunha sentenza.

Neste sentido, a organización considera que unha demora excesiva pode afectar ao dereito á tutela xudicial efectiva, ao impedir que as decisións dos tribunais se cumpran nun prazo razoable.

O sindicato cita entre os asuntos que poden verse afectados pola acumulación de expedientes as pensións de alimentos, procedementos relacionados con vítimas de violencia de xénero, reclamacións de rendas e débedas por cotas de comunidades de propietarios, entre outros.

“A demora da Administración vulnera o dereito á tutela xudicial efectiva ao non garantir o cumprimento das sentenzas e demais resolucións xudiciais nun prazo razoable”, sostén a CIG no seu informe.

PETICIÓN DE PERSOAL INTERINO E DUN PLAN ESPECÍFICO

Ante estes datos, CIG-Xustiza reclama que se cubran de maneira inmediata as cinco vacantes existentes mediante persoal interino xa formado, empregando para iso as listas que están actualmente en vigor e sen agardar á publicación dunha nova bolsa.

A organización pide igualmente que as prazas sexan cubertas con carácter definitivo cando o permitan os correspondentes procesos de provisión, así como a posta en marcha dun plan específico de actuación para o equipo de Execución Civil de Santiago.

Entre as súas peticións figura tamén que se fagan públicas as cifras de persoal desagregadas por xurisdición e sección, co obxectivo de coñecer como se distribúen os efectivos nos distintos ámbitos da Administración de Xustiza.

ÚLTIMAS

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

O PSOE pide ao Concello que concrete os cambios nas liñas do rural tras desbloquearse o novo contrato de transporte

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que aproveite o desbloqueo...

Louzao acusa de “instrumentalizar” o sufrimento na protesta por Ceuta e critica a actuación de Adrián Villa correndo polo Pazo de Raxoi

A portavoz do goberno local de Santiago, Míriam Louzao, criticou este xoves o desenvolvemento...

Centos de persoas percorren Santiago para denunciar o racismo ante a crise migratoria de Ceuta

Varios centenares de persoas participaron este mércores en Santiago de Compostela nunha manifestación contra...

A campaña ’12 comercios, 12 sensibilidades’ dedica setembro a visibilizar o labor da asociación Paluso

A campaña municipal '12 comercios, 12 sensibilidades' centrará a súa programación de setembro no...