InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA USC presenta unha restauración dixital do Mestre Mateo que revela novos...

A USC presenta unha restauración dixital do Mestre Mateo que revela novos datos sobre o Pórtico da Gloria

O proxecto 'KosmoTech_1200' reconstrúe a policromía e o deseño orixinal dunha das figuras máis emblemáticas da Catedral de Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

O proxecto ‘KosmoTech_1200’ da USC, en colaboración coa Fundación Catedral, fixo pública unha restauración dixital da figura do ‘Mestre Mateo’, coñecida popularmente como ‘o santo dos croques’, coincidindo co aniversario da colocación dos dinteles do Pórtico da Gloria, datada o 1 de abril de 1188 segundo a inscrición conservada.

A intervención consistiu na restitución virtual das partes perdidas da escultura e na reconstrución da súa policromía, permitindo ofrecer unha nova aproximación ao aspecto orixinal desta figura. O resultado pode consultarse a través dos contidos audiovisuais difundidos polo proxecto.

Segundo explicou o director científico da investigación, Francisco Prado-Vilar, “o resultado permite apreciar a calidade excepcional da obra, tanto na sofisticación do seu deseño escultórico como na precisión da súa execución material, restituíndo a intensa presenza que a figura debeu de posuír dentro do programa orixinal do Pórtico”.

A análise desenvolvida no marco deste traballo permitiu tamén avanzar na interpretación iconográfica e simbólica da escultura, establecendo relacións coa inscrición dos dinteles —onde figura o nome do Mestre Mateo— e co coro pétreo cara ao que dirixe a súa mirada. Estes elementos foron clave para comprender a disposición escenográfica da figura dentro do conxunto monumental.

A investigación achega, ademais, novas perspectivas sobre cuestións debatidas historicamente, como a identidade, formación e contexto intelectual do Mestre Mateo, así como a súa relación coa cidade de Santiago. Neste sentido, o estudo propón unha visión máis ampla do seu papel no desenvolvemento artístico e cultural da catedral.

Prado-Vilar sinala tamén que “Mateo deixounos a súa autobiografía delineada no seu retrato, á espera de ser descifrada”, e engade que a figura constitúe “un fito na representación do artista como creador intelectual” vinculado ao concepto do sapiens architectus.

O traballo documenta igualmente os importantes danos sufridos pola escultura ao longo do tempo, especialmente na cabeza —afectada polo tradicional ritual dos “croques”— e na parte inferior, onde se concentraban elementos de gran complexidade escultórica que se perderon debido a roturas e procesos de degradación do granito.

Unha fotografía dos anos cincuenta, anterior ás escavacións na nave central, permitiu analizar tanto o estado da peza como a súa configuración orixinal. Tras estas intervencións, o nivel do chan foi modificado, substituíndose o pavimento histórico por unha base de formigón, o que provocou que a figura pase a situarse sobre un pedestal. Na súa disposición inicial, o Mestre Mateo aparecía axeonllado directamente ao nivel dos fieis, compartindo o mesmo plano espacial.

A restauración dixital foi realizada por Alexandre González Rivas, quen empregou máis dunha decena de ferramentas especializadas para reconstruír virtualmente a escultura a partir dos datos obtidos pola investigación.

ÚLTIMAS

Arranca a comisión para descentralizar Medicina na USC coa nova reitora xa no centro do proceso

A comisión de seguimento para a descentralización do grao de Medicina da Universidade de...

O Goberno local adxudica por máis de 1,8 millóns o servizo de limpeza e conserxería dos centros educativos de Santiago

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns un conxunto de acordos...

O xuíz concede o primeiro permiso penitenciario ao pai de Asunta, Alfonso Basterra

O xuíz de vixilancia penitenciaria de Salamanca acordou conceder o primeiro permiso ordinario de...

O Concello de Santiago propón sinalización intelixente para ordenar as colas de acceso á Catedral

O Concello de Santiago de Compostela está a traballar en medidas para mellorar a...

A corporación municipal pide por unanimidade retirada dos residuos da canteira de Miramontes e a súa restauración ambiental

A corporación municipal de Santiago de Compostela aprobou este xoves por unanimidade unha declaración...

A plataforma veciñal de Cacheiras critica a “pasividade” do Concello de Teo ante unha planta de residuos próxima a vivendas

A Plataforma Stop Planta de Residuos-Cacheiras, integrada por veciños e veciñas do municipio de...

O PSdeG levará ao Parlamento o impacto ambiental do vertedoiro de Miramontes tras a sentenza condenatoria

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento galego, Aitor Bouza,...