InicioECONOMÍAO Goberno local adxudica por máis de 1,8 millóns o servizo de...

O Goberno local adxudica por máis de 1,8 millóns o servizo de limpeza e conserxería dos centros educativos de Santiago

A Xunta de Goberno Local aproba tamén actuacións en infraestruturas, rehabilitacións e proxectos vinculados ao turismo e aos servizos sociais

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns un conxunto de acordos en materia de contratación, obras e servizos, entre os que destaca a adxudicación do novo contrato de conserxería, limpeza e vixilancia nos centros educativos e pavillóns deportivos municipais, segundo explicou a concelleira de Turismo e portavoz do Goberno, Míriam Louzao.

Este contrato, dividido por primeira vez en dous lotes, foi adxudicado á empresa Lacera Servicios y Mantenimiento por un importe total de 1.809.237,24 euros anuais, cunha duración de dous anos, e dará cobertura a 14 centros educativos e 7 pavillóns deportivos. Segundo Louzao, esta medida permite “regularizar un servizo que levaba anos en precario”, tras diversas prórrogas e incidencias administrativas desde a súa última licitación en 2012.

A responsable municipal destacou que o novo contrato supón unha mellora significativa das prestacións, cun incremento das horas de limpeza —que pasan de 24.792 a 40.613 anuais nos centros educativos—, a incorporación de limpeza en horario lectivo e a ampliación dos servizos nos pavillóns deportivos, onde ata agora estas tarefas recaían no persoal de conserxería. Tamén se inclúen melloras como o uso de produtos ecolóxicos, a incorporación de material básico e ferramentas dixitais para o control do servizo.

No ámbito das obras, o executivo local acordou a adxudicación da rehabilitación do Centro Sociocultural Xosé Saramago en Vita, por un importe de 252.352,64 euros e un prazo de execución de tres meses. O proxecto busca solucionar problemas de filtración nas fachadas mediante un sistema de illamento térmico exterior e habilitar unha nova saída de emerxencia, o que permitirá aumentar a capacidade do salón de actos ata as 360 persoas.

Ademais, aprobouse o proxecto de mellora enerxética das fachadas norte do Pazo de Raxoi, cun orzamento de licitación de máis de 610.000 euros e un prazo de execución de cinco meses e medio, que será licitado polo Consorcio de Santiago.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á solicitude dunha subvención á Xunta de Galicia por valor de 3,28 millóns de euros para o financiamento de servizos comunitarios básicos, que se completará con achegas municipais e da Deputación da Coruña, especialmente para o servizo de axuda no fogar e a atención ás persoas sen fogar.

Entre outros acordos, destaca a aprobación dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para o uso de instalacións deportivas, cun custo anual de 75.000 euros, así como a aceptación da doazón dunha escultura da Fundación Moncho Reboiras, que será instalada na rúa da Carreira do Conde.

Por vía de urxencia, o Goberno local aprobou tamén a licitación de obras de pavimentación en varios puntos do rural e a construción dunha senda peonil, ademais da adxudicación da redacción do proxecto do novo parque de bombeiros da Sionlla, por un importe de 174.450 euros.

PREVISIÓNS DE SEMANA SANTA SIMILARES AO ANO PASADO

No eido turístico, Louzao sinalou que as previsións para a Semana Santa son “similares ás do ano pasado, coa expectativa de mellora polo bo tempo”, segundo a información trasladada polo sector hostaleiro. A concelleira indicou tamén que o Concello continúa traballando na ordenación das colas de acceso á Catedral, en coordinación co Arcebispado e outras administracións, e que se está a avanzar na implantación dun sistema de sinalética intelixente para mellorar a xestión dos fluxos turísticos.

Finalmente, a Xunta de Goberno deu conformidade á creación dun novo paso de peóns na travesía da Susana, na estrada N-525, tras unha solicitude veciñal, asumindo o Concello o mantemento das infraestruturas resultantes.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago defende a súa actuación no muro de Bonaval e confirma o inicio inmediato dos estudos técnicos

O Concello de Santiago respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre a falta...

O Concello prevé mellorar a conectividade do aeroporto tras a reapertura da pista e critica a falta de coordinación da Xunta

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que a actual caída...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo...

Verea critica a falta de actuación no muro de Bonaval e cuestiona a xestión do goberno local en Santiago

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, denunciou este martes en rolda...

O Concello de Santiago adxudica a conexión de Lavacolla á rede de auga e impulsa novas actuacións en parques e cultura

O Concello de Santiago vén de dar luz verde a varios acordos en materia...

Turismo de Galicia impulsa un plan para desestacionalizar a ocupación hoteleira en Santiago

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo este luns unha reunión de...

O pleno de Santiago aproba a modificación do PXOM do antigo colexio Peleteiro tras anos de bloqueo

O pleno ordinario do Concello de Santiago de Compostela aprobou este xoves a modificación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here