InicioECONOMÍAMercedes Rosón propón un fondo municipal de capital risco para apoiar as...

Mercedes Rosón propón un fondo municipal de capital risco para apoiar as empresas de Santiago

A candidata das Non Adscritas á Alcaldía tamén quere ampliar as funcións de UNINOVA para asesorar as pemes que precisan financiamento, persoal ou instalacións para medrar

Publicado o

Xornal de Compostela

A candidata das Non Adscritas á Alcaldía de Santiago, Mercedes Rosón, avanzou este sábado dúas das medidas coas que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais. A primeira consiste en crear un fondo de capital risco con participación pública e privada que invista en empresas innovadoras a cambio de que fixen a súa sede e emprego cualificado en Santiago. A segunda pasa por reactivar e reformular UNINOVA para que a sociedade do Concello e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) preste apoio tamén a empresas que xa están en funcionamento e necesitan ampliar a súa actividade.

Rosón deu a coñecer ambas as propostas tras participar na presentación do ‘Primeiro Barómetro Empresarial de Santiago e a súa Área de Influencia’, impulsado por Grupo Fisela e Santiago en Vivo. A concelleira destacou dous datos do estudo. O 60 % das empresas enquisadas considera que Santiago perdeu peso económico fronte a outras cidades galegas e o 81 % cre que o peso empresarial compostelán carece de recoñecemento en Galicia. Rosón sostén que as empresas da cidade teñen vontade de medrar e reprocha ao Goberno municipal que, ao seu xuízo, careza dun proxecto económico propio.

Na lectura que fan as Non Adscritas do barómetro, as dificultades concéntranse nas empresas de entre 6 e 25 traballadores. As que teñen entre 6 e 10 son as que peor valoran a súa situación actual. As de entre 11 e 25, pola súa banda, son o único grupo do estudo cun saldo negativo nas previsións de contratación.

Rosón sitúa arredor dos dez empregados o momento en que moitas empresas precisan profesionalizar a súa xestión, atopar financiamento ou ampliar a súa capacidade. A candidata considera insuficiente o apoio das institucións nesa etapa e vincula esas dificultades coa perda de talento formado na USC. “Non estamos retendo o talento que formamos na USC”, advertiu.

UNINOVA ASESORARÍA AS PEMES EN EXPANSIÓN

A proposta das Non Adscritas ampliaría o traballo de UNINOVA, sociedade mixta do Concello e da USC, máis alá da súa actividade como viveiro empresarial. Rosón quere que funcione como unha axencia municipal de apoio ás empresas e que atenda tamén as pemes que buscan dar o salto dos 6 aos 25 empregados.

Entre os servizos previstos figuran a titorización dos equipos directivos, o asesoramento financeiro e o apoio na procura de espazos e instalacións. A medida diríxese a empresas que xa iniciaron a súa actividade e necesitan recursos para ampliar o cadro de persoal ou as súas operacións.

INVESTIMENTO A CAMBIO DE SEDE E EMPREGO EN SANTIAGO

O fondo, que levaría o nome de ‘Santiago Impulsa’, tomaría como referencia o modelo de ‘Lugo Transforma’. A proposta combinaría remanentes municipais e investimento privado para adquirir participacións temporais en empresas emerxentes, empresas xurdidas da USC e pemes innovadoras de sectores estratéxicos.

A entrada no capital quedaría condicionada a que as empresas fixasen a sede e emprego cualificado en Santiago. “Non é subvención a fondo perdido: é un investimento coa condición innegociable de fixar sede e emprego cualificado en Santiago”, explicou Rosón. O fondo podería reinvestir o capital recuperado ao saír dunha empresa para financiar novos proxectos con capacidade de crecemento e de xerar retorno económico na cidade.

LICENZAS, VIVENDA E SOLO INDUSTRIAL

O programa económico das Non Adscritas incluirá tamén unha xanela única empresarial e a implantación de entidades urbanísticas de certificación para axilizar a tramitación das licenzas de proxectos empresariais de envergadura. Rosón avanzou, ademais, que proporá reforzar o departamento municipal de Urbanismo, promover vivenda en dereito de superficie para traballadores e abrir dúas convocatorias anuais dos ‘Bonos Corazón’.

En materia industrial, a candidatura propón desbloquear os 420.000 metros cadrados de solo industrial que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) prevé xunto a Finsa, vinculados ao desenvolvemento do Orbitaliño. Rosón indicou que as Non Adscritas levan meses traballando nestas medidas e que detallarán nas próximas semanas as súas propostas de diversificación industrial, apoio ao crecemento empresarial e consolidación de emprego cualificado.

ÚLTIMAS

Denuncian no Obradoiro que a Policía acurralou e golpeou manifestantes tras a marcha do 11N

Unha trintena de persoas concentrouse este sábado na praza do Obradoiro, en Santiago de...

Feijóo promete en Santiago que “non volverá haber corrupción” se goberna o PP en España

Alberto Núñez Feijóo comprometeuse este sábado no Multiusos Fontes do Sar a impulsar a construción...

O PSdeG apela ao voto útil nun encontro con cargos públicos da comarca de Santiago

Os candidatos socialistas Sindo Guinarte e Ana Alvite reuníronse este sábado con cargos públicos...

A Fiscalía pide 30 anos e medio de cárcere para cada un dos dous principais acusados do caso do club ‘San Lázaro II’

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela,...

O sector asegurador reúne en Santiago a 400 profesionais para abordar os retos da dixitalización e da substitución xeracional

Compostela acolleu este xoves o XII Encontro Asegurador Galego, unha cita que reuniu arredor...

COGAMI forma en Santiago a 15 persoas de nove concellos para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciou en Santiago unha nova acción...

Santiago aproba a reforma da rúa de Mallou por 1,3 millóns e avanza na regulación do comercio da Cidade Histórica

A Xunta de Goberno local aprobou este luns unha serie de acordos relacionados coa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here