A Xunta de Goberno local aprobou este luns unha serie de acordos relacionados coa planificación urbanística, a mellora das infraestruturas municipais e o financiamento de actividades sociais, culturais e comerciais. Entre as principais decisións figuran a adxudicación das obras de reurbanización da rúa de Mallou por 1.301.420 euros e a aprobación provisional dunha modificación do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, coa que o Concello pretende regular a distribución das actividades comerciais e preservar os negocios destinados á poboación residente.
A portavoz do Goberno municipal, Míriam Louzao, informou dos acordos adoptados durante a reunión semanal do executivo, que tamén incluíu a concesión de subvencións a asociacións veciñais, entidades comerciais e colectivos deportivos. Ademais, anunciou a licitación dun contrato de publicidade institucional para a programación do Nadal de 2026, cun orzamento de 71.639,62 euros, IVE incluído.
Un dos acordos económicos de maior contía foi a adxudicación do proxecto de reurbanización da rúa de Mallou á empresa Obras y Viales de Galicia SL, que executará os traballos por 1.301.420 euros. A dirección da obra corresponderá á empresa PROIF, cun contrato adicional de 39.869,50 euros.
A actuación desenvolverase nun ámbito da cidade no que o Concello prevé un incremento da actividade urbanística durante os próximos anos. O proxecto contempla a renovación e reorganización das redes de servizos públicos, así como intervencións para mellorar a accesibilidade, as condicións ambientais e o funcionamento da vía.
Louzao avanzou que o concelleiro responsable de Obras ofrecerá nos próximos días unha comparecencia para concretar as características da intervención e explicar o seu desenvolvemento.
O CONCELLO AVANZA NA REGULACIÓN DOS NEGOCIOS TURÍSTICOS DA CIDADE HISTÓRICA
No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno deu a súa aprobación provisional á modificación puntual do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, unha revisión centrada principalmente nos usos permitidos nos inmobles e locais comerciais do casco histórico.
A proposta municipal busca limitar a concentración de negocios orientados ao turismo e favorecer a continuidade de establecementos que proporcionen produtos e servizos de uso habitual á veciñanza. Para iso, prevé identificar rúas e zonas nas que se considere necesario manter a actividade comercial nas plantas baixas dos edificios residenciais.
O documento tamén incorpora medidas destinadas á conservación dos comercios históricos e daqueles establecementos que teñen relevancia cultural ou social para a cidade. Outra das cuestións que aborda é a regulación específica dos negocios dedicados á exposición e venda de recordos turísticos, coñecidos como ‘souvenirs’, co propósito de evitar que este tipo de actividade desprace a oferta comercial dirixida á poboación residente.
A modificación inclúe igualmente a actualización do planeamento para incorporar cambios urbanísticos aprobados ao longo dos anos, entre eles estudos de detalle, modificacións puntuais anteriores e alteracións nos usos de equipamentos públicos.
Tras superar dous períodos de exposición pública, o expediente será remitido á Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, que deberá emitir o informe preceptivo e vinculante establecido pola lexislación galega antes de que o Concello poida proceder á aprobación definitiva.
A portavoz municipal indicou que o concelleiro de Urbanismo comparecerá este martes para explicar con maior detalle as novidades que introduce esta revisión normativa.
A reunión municipal tamén resolveu tres expedientes de licenzas urbanísticas. O Goberno local autorizou a rehabilitación e ampliación dun edificio situado no número 7 da rúa do Pitelos, así como a reforma dunha vivenda no número 58 da rúa de Rosalía de Castro.
Pola contra, rexeitou a solicitude para levantar un muro de catro metros de altura nunha parcela do número 117 da rúa de San Pedro. Segundo explicou Louzao, os informes técnicos municipais concluíron que a actuación proposta tería consecuencias sobre a configuración histórica do terreo.
A construción requiriría modificar a rasante natural da parcela, unha intervención que, de acordo coa documentación técnica, podería afectar aos acuíferos da contorna e aumentar a presión sobre a rede de recollida de augas pluviais. Os técnicos tamén advertiron de que o muro produciría un desnivel na parte traseira que non se integraría adecuadamente coas edificacións próximas.
AS ASOCIACIÓNS VECIÑAIS RECIBEN 90.000 EUROS EN SUBVENCIÓNS
No capítulo de axudas públicas, o Concello aprobou a distribución dos 90.000 euros previstos para financiar actividades promovidas por entidades veciñais. Nesta convocatoria presentáronse 37 asociacións, unha participación superior á de edicións anteriores.
Louzao explicou que tamén aumentou o importe dos proxectos presentados polas entidades, circunstancia que provocou que se esgotase a totalidade do crédito dispoñible.
A Xunta de Goberno resolveu igualmente a convocatoria de subvencións para actividades de promoción e dinamización comercial, cunha distribución entre cinco entidades. Compostela Monumental recibirá 30.773,87 euros e a Asociación Punto Compostela contará con 30.194,28 euros. Pola súa parte, a entidade Uribes de Compostela obterá 19.874,23 euros, a Asociación Empresarial Barrio de San Pedro percibirá 2.626,29 euros e Enrede recibirá 1.521,32 euros.
Outro dos expedientes abordados corresponde á xustificación dunha axuda nominativa concedida á Asociación de Empresarios e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental para o desenvolvemento dun programa de compras mediante bonos.
Segundo detallou a portavoz municipal, a entidade acreditou gastos por valor de 21.005,32 euros, unha cantidade inferior ao crédito inicialmente autorizado. Por este motivo, o Concello aprobou a xustificación presentada e acordou liberar 12.987,02 euros que non foron xustificados pola asociación.
Durante a comparecencia, Louzao precisou que o expediente municipal recolle a diferenza entre o importe concedido e os gastos acreditados, sen achegar máis información sobre os motivos polos que a entidade non executou a totalidade da subvención.
O Goberno municipal tamén validou a xustificación de varias subvencións nominativas destinadas a programas de carácter social. Entre elas figura unha achega de 5.000 euros á Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, destinada ao desenvolvemento dun programa de respiro familiar.
Ademais, aprobouse a xustificación dunha subvención de 27.000 euros á Fundación Secretariado Xitano e doutra de 20.776,26 euros á Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), destinada aos programas ‘Activamente’ e ‘Corpoactivo’.
O ACENDIDO DO NADAL, AÍNDA SEN DATA NIN LOCALIZACIÓN CONFIRMADAS
Fóra dos asuntos aprobados formalmente pola Xunta de Goberno, Louzao tamén respondeu ás preguntas sobre a organización do acendido da iluminación de Nadal, cuxa data e localización continúan pendentes de concretarse.
A portavoz sinalou que o executivo está a estudar diferentes posibilidades e que a decisión se comunicará nos próximos días. O Concello mantén a previsión de celebrar o acto arredor de finais de novembro, aínda que este ano podería introducir cambios respecto das datas habituais.
Un dos factores que condicionan a elección é a coincidencia do último venres de novembro coa xornada final dunha campaña electoral. Segundo explicou Louzao, o Goberno municipal considera que esa circunstancia fai menos axeitada a celebración do acendido nesa data.
En canto ao escenario, o Concello non descarta manter a praza do Obradoiro como lugar do acto, aínda que continúa a valorar outras alternativas en función das circunstancias actuais. “Non renunciamos a que sexa no Obradoiro”, afirmou a portavoz, que insistiu en que aínda non existe unha decisión definitiva.
Polo momento, o único acordo relacionado coa programación do Nadal adoptado este luns foi a aprobación do expediente de contratación do servizo de publicidade institucional das festas, cun orzamento de 71.639,62 euros, IVE incluído. Louzao aclarou que esta partida corresponde á difusión da programación e non á instalación ou decoración da iluminación festiva.

