InicioMOV. SOCIAISDenuncian no Obradoiro que a Policía acurralou e golpeou manifestantes tras a...

Denuncian no Obradoiro que a Policía acurralou e golpeou manifestantes tras a marcha do 11N

O 061 confirma que trasladou ao CHUS unha moza de 19 anos tras os feitos da rúa das Trompas, onde manifestantes denuncian que varios axentes os acurralaron e golpearon ao remate da marcha pola vivenda

Publicado o

Xornal de Compostela

Unha trintena de persoas concentrouse este sábado na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, para denunciar a actuación policial contra un grupo de manifestantes tras a marcha pola vivenda do 11 de novembro, durante a folga xeral. A protesta tivo lugar entre as tendas da acampada e a Catedral, tres días despois de que unha moza de 19 anos fose trasladada ao hospital tras os feitos ocorridos na rúa das Trompas, xunto ao parque de Belvís.

A acampada do Obradoiro, que difundiu a convocatoria nas redes sociais, sostén que varias persoas quedaron “encerradas entre dous furgóns” e que os axentes que baixaron dos vehículos as golpearon contra a parede. Segundo a convocatoria, as persoas afectadas coinciden en que a intervención tiña como finalidade agredilas e que os policías non procuraban identificalas.

Miguel García, un dos asistentes á concentración deste sábado, explicou a Europa Press que, ao remate da manifestación do mércores, parte dos participantes continuou ata o Obradoiro, onde fixo unha sentada pacífica. Unha vez disolta, algunhas persoas dirixíronse á praza de Cervantes para realizar piquetes informativos nos comercios que permanecían abertos.

Segundo García, naquela altura quedaban unhas 20 ou 30 persoas, repartidas en pequenos grupos. O mozo sitúa a aparición de varios furgóns policiais no momento en que saían da praza de Abastos e baixaban cara á Virxe da Cerca. Ao ver os vehículos, botou a correr por outra rúa. García tamén denunciou o sucedido nun vídeo en ‘Instagram’.

Outras persoas baixaron pola rúa das Trompas, ata onde chegaron os furgóns. O relato de García e o manifesto lido na concentración deste sábado sitúan nese punto a intervención. Segundo ambas as versións, os axentes bloquearon o paso ao grupo, obrigaron os seus integrantes a colocarse contra a parede e golpeáronos.

O 061 confirmou a Europa Press que un equipo sanitario trasladou en ambulancia unha moza de 19 anos ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) preto das 22:00. García, que afirma coñecela, indicou que lle puxeron grapas na ferida e que xa recibiu a alta hospitalaria.

A Policía Nacional, consultada por Europa Press, sinalou que o sucedido en Belvís quedou fóra da reunión na que se avaliou o desenvolvemento da folga. Segundo as mesmas fontes, a conclusión desa reunión foi que a xornada rematou en Galicia sen incidentes de especial relevancia.

A PROTESTA TAMÉN DENUNCIA AS CARGAS EN AMIO

Na concentración do Obradoiro, as persoas asistentes alertaron dunha “escalada da violencia policial” durante a folga e denunciaron tamén as cargas nos piquetes informativos de Amio, a primeira hora da mañá do mércores.

Entre os cánticos escoitáronse “Policía culpable, Goberno responsable”, “Ningunha agresión sen resposta” e “Abaixo a ‘lei mordaza’, queremos volver a casa”. Nunha pancarta podía lerse “Contra o Estado policial, autodefensa radical”, un lema que tamén corearon os asistentes. A acampada xa empregara esa pancarta nunha mobilización polas cargas policiais rexistradas na Coruña durante unha visita do líder de Vox, Santiago Abascal.

O SINDICATO DE VIVENDA PIDE IDENTIFICAR OS AXENTES

O Sindicato de Vivenda de Compostela, que formou parte do comité de folga, xa expresara o xoves o seu rexeitamento á actuación policial do 11N. Nun comunicado, cualificou o sucedido en Belvís de “agresión deliberada e covarde” e denunciou un “intento de carga” ao remate da manifestación.

A organización asegura que mantivo a comunicación e colaborou coa Policía Nacional desde o inicio da xornada. Segundo o sindicato, tras a lectura do manifesto da tarde, os axentes prepararon o equipamento antidisturbios, incluídas as armas para disparar pelotas de goma e os gases lacrimóxenos. No mesmo texto, a entidade tamén denunciou o que considera “manipulacións mediáticas”.

O sindicato reclama que se identifique os axentes implicados, se depuren responsabilidades e se arquive calquera denuncia ou sanción contra as persoas manifestantes. A entidade comprométese a acompañar as afectadas nas mobilizacións e nos xulgados.

ÚLTIMAS

Feijóo promete en Santiago que “non volverá haber corrupción” se goberna o PP en España

Alberto Núñez Feijóo comprometeuse este sábado no Multiusos Fontes do Sar a impulsar a construción...

O PSdeG apela ao voto útil nun encontro con cargos públicos da comarca de Santiago

Os candidatos socialistas Sindo Guinarte e Ana Alvite reuníronse este sábado con cargos públicos...

A Fiscalía pide 30 anos e medio de cárcere para cada un dos dous principais acusados do caso do club ‘San Lázaro II’

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela,...

Mercedes Rosón propón un fondo municipal de capital risco para apoiar as empresas de Santiago

A candidata das Non Adscritas á Alcaldía de Santiago, Mercedes Rosón, avanzou este sábado...

Un paciente denuncia a saturación das Urxencias do CHUS con 20 persoas nos corredores

Un paciente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou que 20 persoas ocupaban...

O Sindicato de Vivenda de Compostela denuncia que unha manifestante ingresou no hospital tras unha agresión policial

O Sindicato de Vivenda de Compostela denunciou que varias participantes nas mobilizacións da folga...

Miles de persoas fan soar as chaves en Compostela para reclamar unha vivenda digna na folga xeral do 11N

Miles de persoas percorreron este mércores as rúas de Santiago facendo soar as súas...