InicioPOLÍTICAFeijóo promete en Santiago que "non volverá haber corrupción" se goberna o...

Feijóo promete en Santiago que “non volverá haber corrupción” se goberna o PP en España

O candidato do PP centrou as súas críticas no Ministerio de Transportes e anunciou que abrirá unha auditoría da xestión do Executivo no seu primeiro Consello de Ministros se chega á Moncloa

Publicado o

Xornal de Compostela

Alberto Núñez Feijóo comprometeuse este sábado no Multiusos Fontes do Sar a impulsar a construción dun millón de vivendas e a situar esta política baixo a responsabilidade dunha vicepresidencia se chega á presidencia do Goberno. No primeiro fin de semana da campaña para as eleccións xerais do 29 de novembro, o candidato do PP defendeu tamén un financiamento autonómico que teña en conta o custo de prestar servizos públicos nun territorio coa dispersión e o envellecemento de Galicia.

O mitin reuniu na capital galega o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda; o secretario xeral do PP, Miguel Tellado; o presidente provincial do partido na Coruña, Diego Calvo, e a exconselleira de Política Social Fabiola García, número dous da candidatura ao Congreso pola Coruña. Rueda cifrou en máis de 8.000 persoas a asistencia ao acto e aludiu á cita electoral que o PSOE ten prevista para o mércores 18 no mesmo recinto, coa participación de Pedro Sánchez. “A ver se son capaces de enchelo”, dixo.

Feijóo, que anunciou que continuaría a campaña en Santander tras o mitin, explicou que quería pasar por Galicia antes de percorrer o resto de España. Na súa intervención, na súa maior parte en lingua castelá, converteu a traxectoria á fronte da Xunta nun dos argumentos para pedir o voto e recuperou dous episodios da súa carreira vinculados ao propio Multiusos.

VIVENDA E FINANCIAMENTO AUTONÓMICO

O candidato do PP vinculou a falta de vivenda accesible coas dificultades da mocidade para emanciparse. Atribuíu ao Executivo de Sánchez o agravamento do problema e lembrou que José Luis Ábalos foi o primeiro ministro ao que aquel Goberno lle encomendou as competencias na materia. Feijóo anunciou que lle daría rango de vicepresidencia e formulou o seu compromiso en termos de oferta. “Imos facer un millóns de vivendas”, afirmou.

En materia de financiamento autonómico, reclamou que o reparto de fondos reflicta o custo efectivo de manter a atención sanitaria, as escolas e os servizos de dependencia. Puxo como exemplo a necesidade de atender unha poboación envellecida e repartida, segundo sinalou, en máis de 35.000 núcleos de poboación. Enmarcou a proposta na igualdade de dereitos entre territorios e criticou que o apoio parlamentario ao Goberno poida condicionar a distribución dos recursos.

Feijóo defendeu que a mellora dos servizos públicos é compatible con baixar os impostos e sostivo que hai marxe para facelo mediante unha xestión máis eficiente do gasto. Durante o discurso cifrou nun 69 % o incremento da recadación fiscal entre 2018 e 2025, que situou en 220.000 millóns de euros, e apuntou a un aumento da débeda duns 600.000 millóns. Tamén cuestionou o uso dos fondos europeos recibidos durante o mandato de Sánchez.

UNHA AUDITORÍA DENDE O PRIMEIRO CONSELLO DE MINISTROS

Feijóo concentrou boa parte das críticas ao Executivo no Ministerio de Transportes, dende a etapa de José Luis Ábalos ata a de Óscar Puente. Anunciou que, se chega ao Goberno, porá en marcha unha auditoría da xestión do Executivo saínte no primeiro Consello de Ministros e que non concederá indultos a persoas condenadas por corrupción. Tamén afirmou que buscará ministros con experiencia en administración e elaboración de orzamentos.

O candidato cuestionou a xestión dos dispositivos telemáticos de protección de vítimas de violencia machista e aludiu ás pescudas da Fiscalía Europea sobre a súa contratación. Na réplica á entrevista concedida por Sánchez a Jordi Évole, criticou o balance que o presidente fixo en materia ferroviaria, de vivenda, de inmigración e da situación en Ceuta. Feijóo tamén relacionou parte da inmigración coas súas críticas á política de protección das mulleres e das persoas LGTBI e, noutro momento do discurso, apelou á participación das comunidades venezolana, peruana e ecuatoriana na sociedade española.

Para defender o seu perfil de xestor, repasou o seu paso pola sanidade pública, por Correos e pola Xunta de Manuel Fraga, onde tivo responsabilidades en obras públicas, vivenda, urbanismo e portos. Remarcou a importancia de conservar as infraestruturas existentes e de atender o impacto das listas de espera na vida dos pacientes. “Detrás dunha lista de agarda hai un nome, unha familia e unha angustia”, afirmou. Tamén presentou as catro maiorías absolutas que acadou en Galicia como o seu aval para gobernar España.

RUEDA PIDE O VOTO DENDE SANTIAGO

Alfonso Rueda mobilizou os cargos municipais e a militancia do PPdeG de cara ás dúas semanas de campaña. No plano galego, reclamou un Executivo central que coñeza as necesidades do rural e da costa, garanta o funcionamento dos servizos públicos e cumpra os compromisos coa comunidade. Ademais, asegurou que a Xunta manterá as súas esixencias ante o Goberno central se Feijóo chega á Moncloa.

O presidente da Xunta cuestionou a actuación do PSdeG e do BNG ante as decisións do Executivo estatal e reivindicou a compatibilidade da identidade galega e española. Tamén criticou as formacións que, segundo afirmou, pretenden atribuírse en exclusiva a representación de Galicia, e aludiu á falta de representación na comunidade doutras forzas que fan campaña nela. No tramo final pediu expresamente o voto para Feijóo e agradeceulle que mantivese a súa maneira de facer política dende que deixou a Xunta para dirixir o PP estatal.

TELLADO, CALVO E GARCÍA APELAN Á MOBILIZACIÓN

Miguel Tellado pediu unha maioría ampla o 29 de novembro e reivindicou os resultados electorais de Feijóo nas catro autonómicas galegas que gañou con maioría absoluta e nas xerais de 2023. Atribuíu a investidura frustrada dese ano á decisión do candidato do PP de non aceptar determinadas condicións para gobernar. Tamén contrapuxo a presenza de Feijóo no funeral de Estado celebrado na catedral de Toledo polas vítimas do accidente ferroviario de Adamuz coa ausencia de Sánchez e criticou a participación de Begoña Gómez en actos de campaña do PSOE.

O secretario xeral do PP tamén pediu un aplauso para os cabezas de lista ao Congreso por Lugo, Ourense e Pontevedra, Francisco Conde, Ana Vázquez e Julio García Comesaña. Ao peche da súa intervención, chamou a disputar cada voto para que o resultado permita ao partido chegar ao Goberno.

Diego Calvo, que abriu o acto, puxo o foco nos casos de presunta corrupción que afectan ao PSOE e a persoas da contorna do Goberno. Entre as súas críticas incluíu a contratación de material sanitario durante a pandemia e a resposta do Executivo ante os accidentes ferroviarios, a dana e o apagamento eléctrico. Presentou os comicios como unha elección “entre a decencia ou a delincuencia” e pediu aos asistentes que mobilizasen o voto. Tamén apoiou a proposta de Feijóo de que España se retire do Mundial de fútbol de 2030 se a final se disputa fóra do país.

Fabiola García recorreu aos seus oito anos á fronte da Consellería de Política Social para defender o apoio ás persoas maiores e reclamou máis oportunidades de emprego, formación e acceso á vivenda para a mocidade. A candidata tamén reivindicou a contribución das persoas chegadas de América Latina a Galicia e cuestionou a actuación dos piquetes da folga xeral do 11 de novembro. No seu discurso criticou a resposta do PSOE ante as denuncias de condutas machistas e a xestión dos dispositivos de protección das vítimas de violencia de xénero. Na súa apelación final ao voto, situou en Galicia o “kilómetro cero” do cambio que o PP aspira a conseguir nas urnas.

DO SAR Á MONCLOA

Feijóo pechou o mitin lembrando un acto con mozos no vestíbulo do Sar en 2008, no que falou da súa familia e das dificultades de medrar no rural. Lembrou que daquela o acompañaba Alfonso Rueda, que era secretario xeral do PPdeG, e dixo sentirse orgulloso de que sexa agora quen preside a Xunta.

O candidato tamén recordou que foi no mesmo recinto onde pediu o apoio do PP galego para presentarse ao congreso nacional do partido. Esta vez pediu á militancia traballo e votos para a recta final da campaña e resumiu o seu percorrido dende a residencia oficial da Xunta ata a sede da Presidencia do Goberno. “De Monte Pío ao Palacio da Moncloa hai 600 kilómetros e 15 días”, concluíu.

ÚLTIMAS

Denuncian no Obradoiro que a Policía acurralou e golpeou manifestantes tras a marcha do 11N

Unha trintena de persoas concentrouse este sábado na praza do Obradoiro, en Santiago de...

O PSdeG apela ao voto útil nun encontro con cargos públicos da comarca de Santiago

Os candidatos socialistas Sindo Guinarte e Ana Alvite reuníronse este sábado con cargos públicos...

A Fiscalía pide 30 anos e medio de cárcere para cada un dos dous principais acusados do caso do club ‘San Lázaro II’

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela,...

Mercedes Rosón propón un fondo municipal de capital risco para apoiar as empresas de Santiago

A candidata das Non Adscritas á Alcaldía de Santiago, Mercedes Rosón, avanzou este sábado...

O PSdeG apela ao voto útil nun encontro con cargos públicos da comarca de Santiago

Os candidatos socialistas Sindo Guinarte e Ana Alvite reuníronse este sábado con cargos públicos...

Borja Verea e Martínez-Almeida abordan os retos da política municipal e reivindican o liderado de Feijóo en Santiago

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, e o alcalde de Madrid,...

O PSdeG abre a campaña en Santiago cun chamamento á mobilización para o 29-N

O PSdeG iniciou en Santiago a campaña para as eleccións xerais do 29 de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here